Besteiro fai un "striptease' patrimonial" para desmontar as acusacións de De Lara

Besteiro, durante unha entrevista con Praza Pública CC-BY-SA Praza Pública

José Ramón Gómez Besteiro, líder do PSdeG, quixo desmontar este xoves publicamente as que considera falsidades que se lle imputan no escrito de imputación do pasado 3 de xullo por parte da xuíza Pilar De Lara. O secretario xeral dos socialistas galegos compareceu nun hotel compostelán co obxectivo de acreditar documentalmente o pagamento do seu único piso a través de “algo tan normal” como unha conta vivenda, aforros sacados dunha conta corrente e a constitución dunha hipoteca.

Besteiro quixo desmontar as acusacións de De Lara, que considera falsidades

Besteiro quixo achegar un por un todos os documentos que desminten o suposto regalo da súa vivenda e a posterior reforma, que a súa defensa entregou neste mesmo día no xulgado, onde pediu o sobresemento da causa na que se investiga a súa vivenda “por non terse acreditado feito ningún, nin tan sequera sospeitoso”. Ademais, o líder socialista aproveitou para dar copia a todos os papeis aos medios de comunicación nun exercicio que cualificou de "striptease económico e patrimonial", ademais de cargar contra a maxistrada por unha suposta persecución contra el e de deixar claras as estrañas coincidencias temporais entre esta reviravolta a un caso xudicial que vén de hai dez anos e que se reavivou xusto cando ía ser nomeado senador. 

A defensa de Gómez Besteiro rexistrou en sede xudicial todas estas probas documentais, solicitando ademais o sobresemento da causa na que se investiga o seu piso, por non ser os feitos constitutivos de delito. Do mesmo xeito, os seus avogados presentaron tamén un recurso contra a providencia da xuíza do pasado 31 de xullo. Besteiro, que quere deixar clara a súa “honorabilidade” e a da súa familia, comezou aclarando que non fixo públicos estes documentos con anterioridade para respectar o proceso e entregalos antes en sede xudicial, algo que non puido facer o pasado 31 de xullo por “causas alleas” á súa vontade, polo aprazamento da súa declaración.

A súa defensa pide o sobresemento do caso "por non terse acreditado feito ningún, nin tan sequera sospeitoso”

En primeiro lugar, Besteiro desmontou a sospeita do escrito xudicial que pon en dúbida que “non se coñece a procedencia” dos cartos cos que pagou o seu piso, cun prezo de 138.232,78 euros máis taxas. Entregou os documentos da escritura de compravenda da vivenda, a escritura completa da hipoteca, a liquidación da conta vivenda e os certificados detallados das operacións bancarias que acreditan todos os pagos. “En definitiva, a nós non nos regalaron o noso piso, senón que o mercamos, como todo fillo de veciño, grazas a unha conta vivenda, os nosos aforros e unha hipoteca, unha información doada de comprobar para calquera que tivera o mínimo interese”, explicou.

Besteiro entregou ademais o documento das taxas autonómicas que pagaron por transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, unha taxa fiscalizada pola Xunta, a Administración competente para actuar se tivese visto algún tipo de desproporción no prezo da vivenda. Aportou tamén o documento da transferencia bancaria de pago da reforma da vivenda. Por último, no referente ao suposto delito contra a ordenación do territorio, dixo descoñecer a actuación concreta que se lle imputa desde o punto de vista penal. “Estamos a falar dun procedemento administrativo urbanístico tramitado polo Concello de Lugo hai xa 10 anos con todos os informes técnicos favorables, nunha actuación sometida ao PXOM de 1991 aprobado polo PP e cos votos en contra do partido socialista”, explicou.

Besteiro fixo un relato temporal dos feitos investigados, de hai dez anos, e as decisións dos últimos tempos, coincidentes primeiro co seu nomeamento como secretario xeral do PSdeG e despois ao día seguinte de deixar a Deputación de Lugo, cando xa se coñecía a súa candidatura ao Senado, que foi bloqueada polo PP anulando un pleno xa convocado nunha acción sen precedentes no Parlamento galego. O socialista convidou a que “cada un saque as súas conclusións sobre os tempos xudiciais e políticos”.

O socialista convidou a que “cada un saque as súas conclusións sobre os tempos xudiciais e políticos” e a coincidencia no tempo de certas actuacións

“Teño un único piso a medias coa miña muller. O edificio ten unha antigüidade de máis de 40 anos, e compreino de terceira man. Catorce anos antes, a persoa que mo vendeu pagou 25.000 euros por el. No 2005, custounos 138.000 euros mercarllo, máis 9.676 de taxas autonómicas. Xa ven vostedes o regalo”, ironizou Besteiro, que explicou por que comprou o piso nese edificio: “Aí viviron e viven os meus sogros desde o ano 1976, cando era unha cooperativa de vivendas de mestres, e foi o piso familiar no que tamén vivía a miña muller antes de casar. No momento en que se puxo á venda os noso fillos eran pequenos e era moi importante para nós ter os avós ao noso carón”, afirmou.

“Como ven, a miña familia acaba de facer un striptease económico e patrimonial acreditado documentalmente con orixinais bancarios e notariais. Todo o que teño é de coñecemento público, e así estivo exposto todos os anos que fun concelleiro e presidente da Deputación. O valor dos bens que posúo é acorde coa miña vida persoal e a miña traxectoria profesional. Non sei se todo o mundo pode dicir o mesmo", rematou Besteiro, que agarde que a causa aberta contra el quede en nada, aínda que o prexuízo político parece difícil de superar. 

Mentres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, di que corresponde ao secretario xeral do PSdeG aclarar "a súa situación" no caso Garañón. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, momentos antes de que Besteiro anunciase que achegara a documentación requirida, o xefe do Executivo galego asegurou que "polo ben da política e polo ben do Partido Socialista", Besteiro debería achegar os documentos requiridos pola xuíza.

Como líder do principal partido da oposición en Galicia, Feijóo considerou que Besteiro "ten que acreditar determinadas cuestións que a xuíza lle solicita". "Esperemos que as acredite polo ben da política e polo ben do PSdeG", concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.