En tres meses, novas eleccións: as europeas avalían o ascenso no continente dunha dereita en guerra interna

Hemiciclo do parlamento europeo e reparto de escanos en España nas eleccións de 2019 CC-BY-SA Praza Pública

O 9 de xuño elíxense en España 61 dos 705 escanos da Eurocámara, entre os que actualmente hai tres galegos

O 9 de xuño volve haber eleccións en Galicia. Un cento de días despois das eleccións galegas do 18F a cidadanía volverá ser chamada ás urnas en todo o Estado para elixir 61 dos 705 escanos do Parlamento Europeo que se reparten os 27 estados membros. Uns comicios que se celebran cada cinco anos e que desta volta avaliarán o ascenso en todo o continente dunha dereita en guerra interna que loita tamén contra a pulsión do extremismo. E aínda que a elección se fai a nivel estatal, en Galicia ábrese a expectativa de cantos eurodeputados galegos haberá na nova lexislatura, despois de que nesta obtivesen escanos tres, de PSOE, PP e BNG.

Francisco Millán Mon (PP), Nicolás González Casares (PSOE) e Ana Miranda (BNG), eurodiputados galegos CC-BY-SA Praza Pública

Un elemento que si se pode descartar é a coincidencia das eleccións europeas cunhas novas xerais, por moita inestabilidade que haxa a nivel estatal. A lei establece que tras a investidura dun presidente do goberno logo da celebración dunhas eleccións xerais, o que sucedeu o pasado 16 de novembro co nomeamento de Pedro Sánchez, non pode volver haber eleccións xerais ata cando menos un ano máis tarde. As europeas sí podían coincidir coas galegas e coas vascas, que tiñan de límite ata agosto para celebrarse, pero finalmente tamén as vascas foron adiantadas ao 21 de abril.

As eleccións de 2019, coa visibilidade reducida ao coincidir coas municipais, deron en Galicia ao PSOE o 35% dos votos polo 30% do PP e o 12% do BNG, que concorría a nivel estatal nunha coalición con outras forzas nacionalistas

As últimas eleccións ao Parlamento Europeo celebráronse o 26 de maio de 2019, coincidindo en España coas eleccións municipais, o que lles restou visibilidade. Cunha circunscrición estatal, e daquela con 59 escanos en xogo, o PSOE obtivo 20, o PP 12 e unha coalición de formacións nacionalistas da que formou parte o BNG 3. Iso levou a obteren escano nesta lexislatura aos galegos Nicolás González Casares (PSOE), Francisco Millán Mon (PP) e Ana Miranda (BNG), esta última de xeito compartido no tempo co resto de formacións da súa coalición. Aínda que a elección foi a nivel estatal, en Galicia o reparto porcentual de votos foi do 35% para o PSOE, o 30% para o PP e o 12% para o BNG

Desta volta as eleccións serán en toda a UE entre o 6 e o 9 de xuño, cando estarán chamados a votar 400 millóns de cidadáns europeos. Fronte aos 59 escanos elixidos en España en 2019, tras a saída do Reino Unido co Brexit os seus escanos foron repartidos entre o resto de estados e agora en España elixiranse dous máis, 61. 

Para saber quen serán os posibles candidatos aínda haberá que agardar, xa que as listas definitivas non terán que estar pechadas ata un mes antes dos comicios. E serán listas pechadas, isto é, vótase a candidatura completa, sen elixir un ou outro candidato ou candidata, como si ocorre coa votación ao Senado. 

Despois, o reparto de escanos será proporcional en toda a única circunscrición estal e sen ter en conta ningún mínimo de votos recibidos, como si ocorre nas eleccións ao Parlamento de Galicia, onde hai que obter polo menos o 5% dos votos da circunscrición para obter un escano. 

Canto ao electorado, o 9 de xuño en España poderá votar non só a cidadanía española senón tamén os nacionais doutros países da UE que residan aquí, ao igual que ocorre nas eleccións municipais.

No que respecta ao que está en xogo politicamente, os comicios chegan nun momento de expansión da extrema dereita en Europa, en ocasións a costa da dereita máis tradicional e noutras de xeito conxunto. Unhas tensións extremistas e populistas que se veñen plasmando en discursos euroescépticos e mesmo negacionistas do cambio climático, unha das prioridades que se fixou a actual Comisión Europea encabezada pola súa presidenta Ursula von der Leyen, do PP Europeo a través da CDU alemá. 

Desde Galicia a Xunta vén acusando a "Europa" e o seu ecoloxismo dos principais obstáculos para o agro galego, en liña cos discursos da dereita europea contra as medidas para atallar o cambio climático

Nese contexto hai que interpretar tamén as protestas de agricultores e gandeiros que se foron espallando por toda Europa nas últimas semanas e que levaron a Von der Leyen a ceder en medidas clave xa planificadas para reducir a contaminación do agro. Unha loita na que desde Galicia a Xunta vénse situando do lado dos críticos coa Comisión, acusando a "Europa" e o seu ecoloxismo dos principais obstáculos para o agro galego.

O mandato de Von der Leyen vén recibindo presións tamén desde a súa propia formación, cun enfrontamento directo co presidente do PP Europeo, o tamén alemán Manfred Weber. Nesa loita interna, o PP de Alberto Núñez Feijóo vén situándose do lado de Weber fronte a unha Von der Leyen e unha Comisión Europea que considera demasiado comprensiva con Pedro Sánchez. Esa tensión Feijóo-Von der Leyen puido ter xa efectos en Galicia, coa cancelación hai un ano dun encontro previsto entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a presidenta da Comisión. Unha reunión que xa non se volveu producir.

Feijóo con Ursula von der Leyen hai un ano en Bruxelas, nunha reunión tras a que a presidenta da Comisión cancelou outro encontro que tiña previsto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda © PP

Von der Leyen confirmou o pasado luns 19 de febreiro que aspira a repetir á fronte da Comisión Europea, un posto que non depende do que vote a cidadanía o 9 de xuño pero para o que si se terá en conta o resultado das eleccións. A presidencia da Comisión é proposta polos estados a través do Consello Europeo, pero despois debe ser avalada polo Parlamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.