O Goberno de Rajoy mobilizou dous ministros en defensa da súa versión de Angrois na UE e chegou a Juncker

Rajoy e os seus ministros de Exteriores e Fomento, José Manuel García-Margallo e Ana Pastor, e carta do primeiro ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker © Montaxe: Praza.gal | Imaxe: Casa de S.M. el Rey / Borja Fotógrafos

Ademais das manobras de Fomento ante a comisaria de Transportes en defensa da investigación oficial que culpou o maquinista, a ministra Ana Pastor e o titular de Exteriores, García-Margallo, tamén apelaron, sen éxito, ao presidente da Comisión Europea

O Goberno de Mariano Rajoy fixo en maio e xuño de 2016 manobras infrutuosas ante a UE para que non revelase ou rebaixase as súas críticas á investigación oficial de España que atribuíu en exclusiva ao maquinista a causa do accidente do tren Alvia de 2013 na curva de Angrois, en Santiago, no que morreron 80 persoas. 

Tras unha longa investigación Praza.gal revelou en setembro de 2022 que a daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, advertira cunha carta persoal á comisaria de Transportes de "medidas" se facía público un informe crítico con España. E agora este diario vén de obter nova documentación que revela que o Goberno tamén mobilizou ao seu ministro de Exteriores, José Manuel García-Margallo, e que chegou a apelar ao daquela presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker. 

Sen éxito, porque a UE acabou divulgando as súas críticas, que resultaron relevantes na instrución xudicial dun caso do que está a piques de coñecerse a sentenza.

Un ano despois do accidente de Angrois a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento concluíu que a única causa do sinistro fora un despiste do maquinista por non frear a tempo antes da curva, malia que non había ningún sistema de seguridade que amparase ese previsible erro humano. 

En 2016 a Axencia Ferroviaria Europea (ERA nas súas siglas en inglés) fixo un informe moi crítico co xeito en que a CIAF española investigara o accidente, censurando tanto a súa falta de independencia a respecto do ministerio como que non analizara outras posibles causas do sinistro. Ese informe crítico con España estaba rematado en xaneiro, pero non se fixo público ata despois das eleccións xerais do 26 de xuño daquel ano, segundo comunicou a propia Comisión Europea porque o Goberno presentara obxeccións.

O informe da UE cuxa divulgación tentaba parar ou demorar o Goberno censurou a investigación oficial española por non ser independente e poñer o foco só no maquinista. A UE segue considerando que España aínda non fixo unha investigación correcta.

En xaneiro de 2022, tras ter acceso a diversa documentación interna de Fomento, Praza.gal e infoLibre revelaron parte daquelas manobras ante a UE, con escritos de varios altos cargos do Goberno de España a responsables da Comisión Europea e da súa Axencia Ferroviaria. Aquela documentación permitiu ter coñecemento da existencia dunha carta da propia Ana Pastor á comisaria de Transportes, Violeta Bulc, á que Praza.gal logrou ter acceso en setembro de 2022, tras unha petición de transparencia tanto á Comisión Europea como ao Goberno de España e meses de negativas e recursos desas dúas institucións. Na carta Pastor advertía á comisaria de "medidas" se facía público o informe crítico con España.

Tras publicar aquela carta, este diario seguiu investigando a cuestión. O resultado das manobras fora infrutuoso, porque máis alá de demoralo a despois das eleccións xerais a UE acabou facendo público o seu informe. Pero non se sabía que resposta directa dera a comisaria de Transportes a Pastor, así que Praza.gal pediu tamén por transparencia esa contestación. 

Conclusións da comisión de investigación de Fomento sobre o accidente de Angrois e críticas que lle fixo a Axencia Ferroviaria Europea en 2016 CC-BY-SA Praza Pública

A carta de Pastor á comisaria Bulc ten data do 26 de maio, as eleccións foron o 26 de xuño, o informe da UE divulgouse o 7 de xullo e a comisaria acabou contestando a carta o 16 de agosto. Para daquela Pastor xa deixara o ministerio e era presidenta do Congreso dos Deputados, asumindo en funcións o despacho ordinario dos asuntos de Fomento o tamén ministro de Xustiza, Rafael Catalá, que fora antes secretario de Estado de Infraestruturas. É a el ao que acaba respondendo a comisaria europea con outra carta na que constata que o informe crítico xa fora entregado ás vítimas de Angrois, axudadas pola eurodeputada do BNG Ana Miranda. 

Pero na súa resposta a comisaria sinala a existencia de máis movementos por parte do Goberno de España ao dicir que contesta "ás cartas" enviadas por Pastor a ela mesma e "ao señor Jean-Claude Juncker". "O Presidente Juncker pediume que responda no seu nome", di a comisiaria.

Así que este diario pediu novamente por transparencia ter acceso á carta enviada por Pastor a Jucker, proceso que volveu demorarse varios meses. Esa documentación, xunto coa resposta da comisaria a Pastor, é o que agora vén de obter e divulga Praza.gal. Unha documentación que revela que un día despois de que Pastor escribise á comisaria de transportes foi o ministro de Exteriores, García-Margallo, quen se dirixiu ao presidente Juncker. Cun "querido Jean-Claude" ["dear" en inglés] o ministro adxunta ao presidente da Comisión Europea unha "nota que a ministra de Fomento" lle traslada. 

Manifestación de vítimas de Angrois nun aniversario do accidente esixindo responsabilidades políticas CC-BY-SA Praza Pública

García-Margallo di a Juncker que "como podes ver, o tema é de suma importancia para nós e afecta os nosos intereses nacionais", engadindo que "agradecería moito se puideras dar alta prioridade a este asunto".

Xunto con ese correo de García-Margallo adxuntouse unha nota de dúas páxinas na que Fomento argumenta por que a UE non debería facer público o seu informe crítico sobre a investigación oficial española. 

O feito é que a UE si considerou necesario facer público o informe, que influíu na instrución xudicial do accidente. No seu xuízo penal, rematado o pasado xullo e aínda pendente de sentenza, que se espera para esta primavera, foron finalmente xulgados non só o maquinista do tren Alvia polo seu despiste senón tamén o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif por non habilitar as medidas de seguridade que o evitasen.

Ademais, o pasado xullo a UE insistiu en que dez anos despois España aínda non fixo de xeito correcto a investigación técnica de Angrois a que estaba obrigada pola normativa europea, unha investigación non como a que fixo a CIAF senón independente e que analice causas máis alá do despiste do maquinista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.