0 Gardados para despois

A Xunta insiste na discrecionalidade para adxudicar os novos buses e a patronal di que é ilegal

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O Goberno galego publicou este venres no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado este xoves polo Consello da Xunta que, segundo salientou o presidente Feijóo, garante a subrogación dos condutores de autobús actuais por parte das novas empresas adxudicatarias do seu novo plan de transporte, un texto co que tenta desactivar a vertente laboral do conflito que mantén aberto con sindicatos e patronal. Porén, o documento contempla que as empresas que resulten adxudicatarias poderán subcontratar ata o 30% dos seus servizos, o que para os sindicatos volve deixar no aire o futuro dos traballadores. Ademais, o acordo hoxe desvelado incide na posibilidade que ten a Xunta de adxudicar discrecionalmente os novos servizos, algo que a patronal considera que a lei non permite para contratos dun importe tan elevado.

“O que queremos é licitar, que haxa concorrencia”, dixo este xoves Feijóo, pero este venres o documento publicado no DOG segue incidindo na posibilidade de contratación directa pola Xunta

En febreiro a Xunta incluíu na lei de acompañamento deste ano varios artigos que a facultan para poder adxudicar “discrecionalmente” a dedo os novos contratos de transporte público cos que a partir de agosto quere unificar no rural o autobús de liña regular co escolar. Este xoves o presidente Feijóo, preguntado por esa posibilidade ou mesmo polo seu uso como baza negociadora para tentar rachar a unidade da patronal, asegurou que non ten intención de realizar esas adxudicacións directas senón que convocará unha licitación aberta. “O que queremos é licitar, que haxa concorrencia”, dixo este xoves o presidente. Pero este venres o documento publicado no DOG segue incidindo nesa posibilidade de contratación directa.

Sobre esa posibilidade de adxudicación directa pola Xunta pronunciouse este venres o presidente da asociación de empresarios maioritaria no sector en Galicia (Transgacar), Carlos García Cumplido, nunha xornada de debate con outros representantes da patronal e dos sindicatos organizada no Parlamento de Galicia polo PSdeG. Alí o representante da patronal asegurou que as leis españolas non permiten adxudicar a dedo contratos dun importe tan elevado como os de transporte. Sobre esa cuestión tamén se pronunciou o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, para quen a xunta se reserva “demasiado poder discrecional que pode utilizar con criterios políticos” e “non técnicos”.

O Goberno galego permitirá a subcontratación do 30% dos servizos e os sindicatos alertan de que iso dificulta a subrogación dos traballadores

Nesa mesma xornada de debate, o representante de UGT, Eladio Romero, advertiu das dúbidas que lles suscita aos sindicatos a posibilidade de que as empresas que resulten adxudicatarias das novas concesións poidan subcontratar parte dos servizos, xa que iso, ao seu xuízo, dificultaría garantir os postos de traballo actuais, como se pretende coa subrogación. E esa posibilidade de subcontratación de ata un 30% dos servizos totais é outra das cuestións introducidas pola Xunta no texto publicado este venres no DOG.

Na tarde deste venres, tras unha nova reunión entre Xunta e sindicatos, as dúas partes transmitiron que tamén chegaran a un principio de acordo sobre as reivindicacións sociais dos traballadores que engadir ao xa acadado en materia de subrogación, mentres que aínda quedan elementos que debater en materia económica, e pediron que a patronal, que o xoves deu por roto o diálogo, tamén dea pasos na negociación. Porén, malia eses avances que se seguen a producir no eido laboral, a folga segue activa e a partir do xoves estenderase a todos os días da semana ademais dos martes e mércores actuais.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

“Ata a sentenza de hai un ano, a Xunta nunca planificou o transporte en Galicia e agora bótase a correr”

O presidente da principal patronal salienta nun debate organizado polo PSdeG que ningún goberno galego planificou nunca o transporte

Na xornada de debate sobre o novo modelo de transporte que defende a Xunta organizada este venres no Parlamento polo PSdeG participaron, ademais de Carlos García Cumplido por parte de Transgacar, de Eladio Romero por UGT e de Marcos Pérez por CCOO, o presidente da asociación patronal máis favorable ao Goberno galego (Fegatravi), Javier de Bidegain. Na súa intervención, este último, que foi subdirector xeral de Transporte da Xunta tanto con Fraga como co bipartito, eloxiou a xestión do transporte por parte dos gobernos galegos cando el mesmo era un dos seus responsables. Segundo dixo, a raíz do desembarco de Arriva en Galicia, “o que eu opinaba como técnico era que o problema non era tanto que houbera unha multinacional como que houbera un oligopolio”.

Nesta xornada, o presidente da principal patronal, Transgacar, García Cumplido, salientou que “Galicia nunca contou cun plan de transporte” senón que “as liñas que vemos son iniciativa das empresas e a administración limitouse a regular esas iniciativas”. Cumplido criticou que tras a prórroga das concesións impulsada polo PP en 2009, o Goberno galego tampouco se puxo a elaborar ese plan. “Desde aquela e ata a sentenza do Tribunal Supremo que o ano pasado anulou a prórroga, non se fixo ningún documento de planificación, e cando cae a sentenza, botámonos a correr”, dixo sobre a actuación da Xunta.

“Cambia tanto o director xeral de Mobilidade que se tardas quince días en ir xa non o coñeces”, ironizou o representante

Esa visión crítica do presidente da patronal foi secundada polo representante de UGT. “Temos que recoñecer algo á consellería, que con este plan púxonos a todos de acordo contra el; ben, a todos menos a Javier [de Bidegain]”, dixo Eladio Romero. O sindicalista tamén salientou que a inestabilidade á fronte da Dirección Xeral de Mobilidade, con catro directores xerais distintos durante o goberno de Feijóo, como un dos impedimentos para que Galicia conte cunha planificación do transporte público. “Cambia tanto o director xeral que se tardas quince días en ir xa non o coñeces”, ironizou.