O momento actual, coa reclamación independentista en Cataluña, é para o presidente da Xunta, o “peor momento para falar de transferencias” como a da xestión da autoestrada AP-9 a Galicia. Así o dixo Feijóo este mércores no Parlamento de Galicia cando a oposición lle botou en cara que o Goberno do seu propio partido en Madrid se negue sequera a debater no Congreso unha reclamación que lle fixo de xeito unánime toda a Cámara galega.
Leiceaga propón que un grupo de deputados galegos rebata ante o Congreso os argumentos de Fomento e Pontón repróchalle ao presidente que non faga xestións políticas para levantar o veto
O conflito catalán como xustificación da negativa do Goberno a sequera falar sobre a xestión da AP-9 é un argumento que veñen usando nos últimos días fontes da Xunta e que este mércores verbalizou o propio Feijóo. Segundo dixo o presidente, a situación de Cataluña non condicionará que el siga a reclamar a transferencia, pero tampouco aclarou se fará algunha xestión política a nivel persoal para levantar o veto do Goberno.
Ese tipo de xestións foille reclamado polos portavoces de PSdeG e BNG, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón. O primeiro criticou que a negativa do PP a debater no Congreso a petición unánime do Parlamento de Galicia fai dos populares un “partido antisistema que non respecta os órganos constitucionais”. “Fomento despreza o Parlamento de Galicia, e con el a todos nós, tamén a vostede”, díxolle o socialista a Feijóo. Leicega reclamou ao presidente que rache relacións co ministerio e deixe de participar na comisión de seguimento das obras da autoestrada porque, ao seu ver, iso supón “darlle unha coartada”. Pola contra, o socialista propuxo que o Parlamento de Galicia envíe ao Congreso unha “embaixada pacífica”, unha comisión formada por un representante de cada un dos catro partidos galegos que rebata ante a Mesa da Cámara baixa, presidida pola popular galega Ana Pastor, os argumentos de Fomento en que se basea para vetar o debate.
Pola súa banda, Pontón rexeitou que a defensa da postura unánime do Parlamento de Galicia en Madrid dependa dos “informes xurídicos” que poida remitirlle a Cámara galega ao respecto ao Congreso dos Deputados, nos que Feijóo deita os próximos pasos da reclamación. “Isto vai de facerse respectar como país”, díxolle a nacionalista, ao tempo que censurou que Feijóo “nin sequera chamase a Ana Pastor para que levante o veto”.
Feijóo eloxia a utilidade da comisión de seguemento de obras na que participa con Fomento e no pagamento por parte do ministerio das peaxes de Rande e A Barcala
O presidente, pola contra, defendeu a utilidade da comisión de seguimento das obras na que participa a Xunta con Fomento e asegurou que seguirá reclamando a transferencia da xestión e que o ministerio asuma en solitario o custo da gratuidade das peaxes de Rande e A Barcala, reprochando ao bipartito de PSdeG e BNG que no seu momento asumise pagar a metade ou nunha ocasión rexeitase unha petición de transferencia que realizou o PP na oposición.