Os herdeiros de Carmen Franco quedan coa demanda das esculturas do Mestre Mateo e co conflito de Meirás

Declaracións de Carmen Franco sobre Meirás, o pasado verán CC-BY-SA Praza Pública

A única filla de Francisco Franco e Carmen Polo morreu este venres en Madrid aos 91 anos de idade do cancro que padecía. Carmen Franco deixa tras de si dous títulos nobiliarios e sete fillos aos que cabe esperar que corresponda a repartición dunha substanciosa herdanza. Quen exerceu como cabeza da descendencia do ditador acumulou tamén cargos nunha vintena de empresas e administrou un substancioso patrimonio familiar -duns 500 millóns de euros, segundo investigacións recentes- no que destaca o pazo de Meirás, a propiedade espoliada para entregarlla ao seu pai en 1938, a casa Cornide da Coruña ou as dúas esculturas do Pórtico da Gloria que os seus pais levaron do compostelán Pazo de Raxoi en 1954 e que o Concello de Santiago reclama nunha demanda xudicial da que agora tamén terán que se facer cargo os herdeiros.

Esta mesma semana o goberno santiagués confirmaba a admisión a trámite nun xulgado de Madrid -tivo que ser presentada alí por ser a provincia de residencia da filla do ditador- da demanda formulada contra Carmen Franco para esixir a devolución das figuras de Abraham e Isaac e a apertura por parte dun xuíz dun prazo de vinte días hábiles para que respondese á demandada. Fontes xurídicas consultadas por Praza.gal confirman que serán agora os herdeiros de Carmen Franco quen teñan que facer fronte a este procedemento, se ben resta saber, por exemplo, se o testamento da falecida inclúe expresamente as esculturas.

A demanda interposta polo Concello de Santiago xa foi admitida a trámite por un xulgado de Madrid

Como lembra o goberno santiagués na súa demanda, as figuras que formaron parte ata o século XVIII do Pórtico da Gloria foron mercadas polo Concello en 1948 ao conde de Ximonde por 60.000 pesetas para pasaren a ser parte "do patrimonio artístico da cidade" e coa garantía de que o vendedor, Santiago Puga, sería imdenizado se deixaban de ser patrimonio público. As obras foron situadas na escalinata principal de Raxoi e alí estaban en 1954, cando co gallo do Ano Santo o ditador e a súa dona as viron. Carmen Polo amosou un "interese insistente" por elas e, sen "formalidade ningunha", detalla a demanda, fóronlle entregadas. Cando volveron ser vistas en público, nunha exposición en 1961, xa se presentaban como "cesión" do ditador e a súa esposa.

Decreto co que Carmen Franco obtivo o título de duquesa de Franco unha semana despois da morte do seu pai en 1975

Antes de seren ubicadadas na casa Cornide estas figuras, actualmente expostas no Museo da Catedral compostelá como parte dunha mostra sobre a obra do Mestre Mateo, pasaron fugazmente polo Pazo de Meirás, onde Carmen Franco exerceu de señora dende o falecemento da súa nai e ata a fin da súa vida ostentando a condición de duquesa de Franco, que o rei Juan Carlos I lle concedeu o 26 de novembro de 1975, unha semana despois da morte do pai. Ese título nobiliario tamén será herdado polos fillos e, segundo o decreto de concesión, está "exento de dereitos fiscais" na súa primeira transmisión. 

A filla do ditador reivindicou a propiedade de Meirás como súa e defendeu que a xestionase a Fundación Franco, da que era presidenta de honra

En Meirás foi onde Carmen Franco pasou numerosos períodos vacacionais reivindicando como súa unha propiedade que chegou á súa familia a partir de doazóns forzosas nos anos máis duros da represión tras o golpe de 1936. Esa reivindicación reiterouna o pasado verán, cando rexurdiu con forza o debate sobre a necesidade de que a familia abandonase Meirás despois de volver incumprir o réxime de visitas ao que os obriga a declaración como Ben de Interese Cultural. Daquela transcendeu, ademais, que a apertura estaba a ser xestionada pola Fundación Francisco Franco, a entidade dedicada a enxalzar o legado do ditador da que Carmen Franco foi presidenta de honra ata a fin da súa vida e cuxa legalidade está a ser cuestionada no Congreso e tamén na Eurocámara.

Despois da multa da Xunta de 4.500 euros por incumpriren o réxime de visitas -antes, o Goberno galego chegou a financiar con 50.000 euros a apertura ao público do pazo- a batalla por Meirás é, cando menos de momento, fundamentalmente política e social. Así, está xa en marcha a Xunta pro Devolución, formada por unha trintena de concellos e mais a Deputación da Coruña. O Goberno galego evitou sumarse a esta iniciativa, pero constituiu un comité de expertos para estudar a posible devolución.

 

Carmen Franco, cos seus pais nunha imaxe propagandística de 1938 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.