Administracións de toda cor amplían concesións a empresas implicadas en casos de corrupción

Sede duns xulgados nunha localidade galega CC-BY-SA Praza Pública

A lentitude das causas e a presunción de inocencia permiten ás firmas aumentar o negocio, en ocasións por vontade dos gobernos e noutras sen que estes poidan impedilo

A lentitude coa que avanzan algunhas das causas por corrupción abertas nos últimos anos en Galicia está a propiciar que, ao tempo que se manteñen as sospeitas de sobre numerosas empresas implicadas nelas, esas mesmas firmas estean a ver aumentadas as súas cifras de negocio precisamente nas administracións cuxos contratos están a ser investigados. A presunción de inocencia non só permite que esas empresas poidan presentarse a concursos que supostamente intentaron orientar cara aos seus interesesm senón que, mentres non se convocan eses concursos, en ocasións demorados precisamente polas investigacións penais abertas, esas mesmas firmas seguen a verse beneficiadas de prórrogas outorgadas de xeito unilateral por administracións de toda cor política.

Nun repaso ás principais investigacións por corrupción abertas en Galicia nos últimos anos atópanse casos de todo tipo, pero en todos eles a reacción das administracións, á marxe do seu ámbito territorial e partido gobernante, cando se lles pregunta por que contratan con esas empresas é a mesma: “É legal”. Pero hai incluso un caso no que non só a contratación da empresa investigada é legal senón que, malia o intento político por non facelo, é a propia xustiza a que obriga.

A Xustiza obriga a adxudicar a unha empresa clave na Pokémon

A xustiza obrigou ao Concello de Compostela a adxudicar o servizo da grúa á empresa central á que investiga no caso Pokémon

O caso Pokémon, iniciado en 2012 pola xuíza de Lugo Pilar de Lara e ramificado en múltiples causas aínda en investigación, espertou dúbidas sobre o xeito en que determinadas empresas agasallaban políticos a cambio de presuntas decisións administrativas beneficiosas para os seus intereses. A empresa que os investigadores consideran como o centro dese caso é o grupo Vendex, un conglomerado de servizos do que forma parte Doal. Malia as sospeitas que recaen sobre ela e a imputación dos seus directivos, a xustiza obrigou ao Concello de Santiago, no que tamén se investigan as operacións desa firma, a adxudicarlle a Doal o servizo do guindastre municipal.

Foi en 2012 cando o Concello, daquela gobernado polo PP, resolveu un concurso que lanzara o goberno local anterior encabezado polo PSdeG e adxudicou o servizo do guindastre a outra empresa, Setex Aparki. Porén, Doal recorreu ante a xustiza aquela adxudicación argumentando que aqueloutra empresa incumprira unha das condicións do concurso público e que o recinto que ofrecera para almacenar os coches retirados non chegaba por uns poucos metros ao mínimo esixido no prego de condicións da licitación. Para cando a xustiza lle deu a razón, Doal xa estaba implicada no caso Pokémon e a cidade gobernábaa Compostela Aberta. Unha formación que gañara as eleccións cun discurso que puña o foco nas relacións entre o PP e esas empresas investigadas e que no seu programa prometía remunicipalizar ese servizo da grúa que agora a xustiza lle obriga a entregar a unha empresa investigada por corrupción.

O Goberno local actual asegura que segue adiante co seu plan de remunicipalización, pero lamenta que as decisións xudiciais sobre o caso están a demorala. Entre elas, a de trasladar ao xulgado de Lugo o expediente administrativo desa adxudicación incautado nos rexistros do caso Pokémon realizados no seu momento no Concello de Santiago, o que deixou á administración sen documentos que precisaba.

Entrega de cartos do grupo Vendex, matriz de Doal, fotografada polos investigadores

Santiago prorroga a Monbus

A demora na convocatoria dun novo concurso por parte do goberno local de Santiago mantén prorrogada a concesión do transporte urbano a Monbus, de Raúl López, investigado en varias causas

Nos concursos públicos as administracións non teñen capacidade para vetar a empresas mentres non recaia sobre elas unha condena firme. Neses concursos as valoracións das diferentes ofertas que se presentan corren por conta de funcionarios, non de políticos. Pero cando o prazo deses contratos vai rematando si hai responsabilidade política na incapacidade das administracións, criticada en numerosas ocasións polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas, para convocar novos concursos que renoven o servizo e evitar así que mentres sigan a prestalo con prórrogas as anteriores adxudicatarias.

Sen saír de Santiago pódese analizar o caso doutro grupo empresarial investigado pola xustiza que segue a ver ampliado o seu negocio a través de prórrogas. En Compostela a totalidade das accións da concesionaria do servizo de transporte urbano en autobús foron adquiridas en secreto en 2010 polo empresario lucense Raúl López, propietario do grupo Monbus, ao ex-presidente da patronal española, Gerardo Díaz Ferrán, xusto antes da quebra do seu grupo. Empresas de López xestionan tamén outras instalacións municipais e ségueno a facer malia que nos últimos anos viuse envolto en casos como o antedito Pokémon ou o Cóndor, que o atinxe directamente, e que afectaron de cheo a anteriores xestores municipais.

A concesión do bus urbano remataba a finais de 2016, pero máis dun ano despois a concesionaria de Raúl López segue a prestar o servizo porque o goberno local non foi quen de resolver aínda un novo concurso público. A prórroga é legal, pero xa non é unha obriga imposta por unha decisión xudicial senón derivada de que o goberno local aínda non convocou un novo concurso e o servizo non pode deixar de prestarse. Fontes dese goberno local argumentan que a reestruturación global das liñas que queren realizar está por tras das súas dificultades para ultimar ese novo concurso, o que obriga a manter a prórroga. Pero cando á fin se resolva ese novo concurso, nada impide que algunha empresa de Raúl López, investigado pero non condenado, o volva gañar por resultar a mellor puntuada, do mesmo xeito que o grupo Monbus vén de copar o máximo de contratos posible no recente concurso da Xunta para xestionar varias liñas interurbanas.

Pontevedra prorroga a Aquagest

O goberno local de Pontevedra rexeita explicar a prórroga da concesión do abastecemento de auga a unha empresa investigada na Pokémon por tentar orientar o novo concurso cara os seus intereses e limítase a dicir que se "axusta á legalidade"

En Pontevedra a situación é similar con Aquagest, a concesionaria da auga en numerosos concellos. Nesa cidade levou o contrato en 1997, no último goberno popular, por un período de 20 anos que rematou en febreiro do ano pasado. Os investigadores do caso Pokémon cren que directivos da empresa tentaban obter tratos de favor por parte do actual goberno local do BNG e orientar no seu beneficio o novo concurso que se tiña que convocar para renovar o servizo. Malia que a concesión remataba o pasado febreiro, o goberno local de Pontevedra, que ao contrario que outros de esquerda non valora remunicipalizar o servizo, tampouco foi quen de convocar un novo concurso ata agora, de xeito que Aquagest, agora renomeada como Viaqua, segue a prestar o servizo a través dunha prórroga.

O PSOE local alerta de que durante esta prórroga a empresa seguiría a cobrar unha compensación polas obras que realizou durante os 20 anos do contrato orixinal que xa non lle correspondería por estar xa pagada por completo durante ese período, algo que o Goberno local limítase a negar: “O Concello de Pontevedra axústase á legalidade en todos os seus contratos e prórrogas. É o único que ten que dicir”.

Esa prórroga, en Pontevedra como noutras administracións, á marxe da cor política, é vista pola oposición como unha mostra da incapacidade do goberno de resolver a tempo un novo concurso público. No caso de Pontevedra a ese novo concurso, pendente de adxudicación e un dos maiores do ano en Galicia, con 120 millóns en xogo, presentáronse dez ofertas, varias delas de empresas implicadas en casos de corrupción en toda España. Entre elas opta a volverse a levar o contrato a propia Viaqua que supostamente tentara orientalo cara aos seus intereses, o que fai que fontes socialistas, que admiten que a firma está ben colocada porque é a candidata que mellor coñece como funciona o servizo, alerten da inseguridade xurídica que podería supor se no futuro o caso Pokémon establece algún tipo de responsabilidade da empresa. Pero iso é unha hipótese de futuro, porque nada impide a unha empresa, se non está condenada, presentarse a un concurso e gañalo se resulta a mellor valorada pola mesa de contratación -na que legalmente deben mandar os técnicos, non os políticos-, ou se cumpre os requisitos legais no caso doutros procedementos. Un veto político suporía unha prevaricación.

A Xunta adxudicou á familia Charlín

A Xunta outorgou unha concesión á familia Charlín no porto de Vilanova de Arousa tras sete anos de tramitación porque denegarlla suporía unha prevaricación

Esa argumentación, a de que non adxudicar un contrato a quen ten dereito a el, por moi sospeitoso que sexa, suporía un delito de prevaricación, é a que ofreceu a Xunta para explicar unha concesión outorgada en 2016 a María Teresa Charlín Pomares, filla do narcotraficante Manuel Charlín. A súa imputación, xunto ao resto do clan familiar, por branquear cartos, non impediu que Portos de Galicia lle outorgase a concesión que solicitou para legalizar unhas tubaxes en terreo portuario autonómico en Vilanova de Arousa que viñan servindo a un cocedeiro de marisco da familia.

Concesión de Portos de Galicia á filla tamén imputada por branqueamento do narcotraficante Manuel Charlín

Segundo Portos de Galicia, a solicitude de concesión foi presentada en 2009 e o propio ente público admitiu que a súa tramitación avanzou de xeito especialmente lento, salientando que nela se lle requiriu documentación complementaria. Pero a solicitante non desistiu e a Xunta tivo que acabar adxudicándolle o solicitado sete anos despois porque tiña dereito e o contrario suporía unha prevaricación.

Arquivo da adxudicación ilegal da Xunta a Inaer

A Xunta seguiu adxudicando a dedo e ampliando contratos coa empresa de helicópteros Inaer mentres estivo aberta unha investigación xudicial que concluíu que a xestión dos aparatos de incendios foi ilegal

Por outra banda, tampouco é tan doado demostrar a existencia dun delito de prevaricación nunha contratación. Así o vén de evidenciar o recente arquivo por parte do xuíz instrutor da investigación aberta contra varios altos cargos da Consellería do Medio Rural por adxudicar de xeito ilegal o servizo de helicópteros de loita contra o lume á empresa Inaer. O propio xuíz admitiu que a empresa operou para a Xunta sen contrato, pero matizou que “para conformar o delito de prevaricación non é suficiente con constatar unha mera ilegalidade senón que é preciso demostrar ademais, polo menos indiciariamente, que tal infracción normativa foi consciente, deliberada e buscada”. Inaer operou para a Xunta de xeito ilegal, pero non se puido demostrar a prevaricación.

A investigación, que tivo imputado ao máximo responsable autonómico da política forestal, foi aberta en 2013 e non impediu que diversos departamentos da Xunta, incluída a propia Consellería de Medio Rural, seguisen a adxudicar a Inaer a gran maioría dos seus contratos de helicópteros, como tamén fixo no seu momento a Xunta bipartita. E non só a través de concursos públicos nos que a súa resultou a oferta mellor valorada, senón tamén a través de procedementos a dedo. E iso malia que, á marxe do eido penal, no eido administrativo o Consello de Contas advertira de que a Xunta podía estar a malgastar cartos coas súas adxudicacións a Inaer, que cada ano recibe preto de 20 millóns de euros dos diversos contratos que lle vén adxudicando o Goberno galego. Malia o arquivo do caso galego, Inaer segue implicada noutras comunidades no denominado cartel do lume por suposto reparto de contratos con outras empresas.

Auto de arquivo da investigación por prevaricación da adxudicación sen contrato a Inaer por parte da Xunta

Fomento segue a adxudicar a empresas que se repartiron contratos

En 2013 desvelouse unha trama de empresas que lograba obras de Fomento en Ourense con concurso simulados, pero o ministerio seguiu a contratar a algunhas desas mesmas firmas

Non só a nivel local e autonómico as administracións seguen a contratar con empresas implicadas en investigacións por corrupción. En 2013 a Fiscalía abriu unha investigación por adxudicacións a dedo da demarcación de estradas do Ministerio de Fomento en Ourense. Nos procedementos de contratación negociados, a Administración invita de xeito discrecional a varias empresas a que lle formulen ofertas para realizar unha determinada obra ou servizo, pero esas firmas non poden pertencer aos mesmos grupos empresariais. Iso non ocorreu en Ourense, onde empresas relacionadas entre si coparon numerosos deses procedementos negociados, facendo así que non houbese unha competencia real entre as candidatas. Fomento abriu unha investigación interna, á marxe da penal que segue o seu curso, que non impediu que o propio ministerio siga a invitar a procedementos similares de adxudicación a dedo para obras en Ourense a algunhas daquelas empresas que consideraba que a enganaran, como Extraco.

Imaxe de marca

As empresas implicadas en investigacións xudiciais son conscientes do dano á súa imaxe

Malia que sigan a aumentar as súas cifras de negocio a través de prórrogas de contratos ou gañando os novos concursos aos que se presentan, as empresas implicadas en investigacións por corrupción son conscientes do dano que esas causas lles fan. As súas estratexias para palialo son múltiples. Aquagest, por exemplo, propiedade de Aguas de Barcelona (Agbar), á súa vez controlada pola francesa Suez, cambiou de nome. Hoxe chámase Viaqua e tenta distanciar a súa imaxe de marca dos feitos investigados na Pokémon.

Algo similar sucede con Inaer, empresa de orixe español xurdida da fusión doutras dúas preexistentes que foi adquirida pola británica Babcock e que desde hai un ano cambiou a súa denominación a Babcock Mission Critical Services España. Varias fontes internas sinalan que a política empresarial da nova propietaria da vella Inaer é moi distinta á de cando estaba en mans españolas e está a afastarse de anteriores comportamentos. Iso si, varias fontes do sector salientan que segue a beneficiarse da posición dominante no mercado que conseguira Inaer no pasado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.