A Xunta destina 400.000 euros de I+D+i a gastos da demanda pola mina de Corcoesto

Fragmentos do expediente no que se transferiron os fondos para atender a demanda de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

A mina de ouro de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños, foi un dos plan estrela na primeira lexislatura do Goberno de Alberto Núñez Feijóo e leva camiño de tornar nun nada desdeñable lastre económico. O propio presidente presentara a explotación proxectada pola empresa canadense Edgewater como "unha grande oportunidade" para o país que, auguraba, ía xerar 1.400 postos de traballo -a compañía reducíaos a 300-. O entusiasmo do popular traduciuse nunha aberta celebración por parte da empresa mineira cando en 2012 o PPdeG volveu vencer en Galicia por maioría absoluta, pero as inconsistencias técnicas e económicas do proxecto, unidas á fortísima mobilización na súa contra, obrigaron á Xunta a frealo. A alianza rachou e a empresa embarcouse nunha demanda contra a Administración cun impacto nas arcas públicas que xa supera o medio millón de euros. Os últimos 400.000 saen de fondos inicialmente destinados a investigación, desenvolvemento e innovación.

A empresa mineira lanzou o litixio a través dunha filial panameña fundada cinco meses despois do veto legal á mina

Coa intención declarada de obter uns 20 millóns de euros como compensación, Edgewater lanzou unha ofensiva que ten un dos escenarios na Corte Permanente de Arbitraxe do Tribunal Internacional da Haia. A compañía non litiga alí a través da súa filial galega, Mineira de Corcoesto. Faino, como informou Praza.gal, utilizando Corcoesto S.A., unha compañía fundada en agosto de 2014 en Panamá a través do bufete Melhado&Webster, especializado na creación de sociedades offshore como os que protagonizaron os alcumados como papeis de Panamá. Con esta estratexia a compañía argumenta que a cancelación dos dereitos da mina de Corcoesto transgrede un tratado bilateral de investimentos asinado entre España e Panamá a finais dos anos 90. A empresa formalmente panameña, daquela, pide ser compensada por unha decisión da Xunta formalizada cinco meses antes da súa fundación.

Comunicado de Edgewater sobre a demanda en outubro de 2015 Dominio Público Praza Pública

A Xunta financiará con fondos da Axencia Galega de Innovación o convenio co Goberno central para que a Avogacía do Estado asuma o caso

As consecuencias do fracaso da operación política e económica non só atinxen á Xunta, senón que no contexto internacional son un procedemento de Edgewater contra o Reino de España. É por iso que a Consellería de Econonomía ten previsto asinar un convenio cos ministerios de Economía e Xustiza para que a Avogacía do Estado asuma as tarefas de "representación e defensa" no "procedemento arbitral de Corcoesto S.A. contra o Reino de España" e, nese mesmo acordo, "delimitar as obrigas de financiamento, xestión administrativa ou documental e achega de medios necesarios para atender a arbitraxe". 

No remate de 2017 a Consellería de Economía aínda non asinara ese convenio, pero o 6 de novembro do pasado ano xa reordenara as súas contas para financialo. Nomeadamente, retirou 449.316 euros dos orzamentos da Axencia Galega de Innovación (GAIN) -que ten o cometido de "vertebrar as políticas de innovación" da Administración galega e "o apoio e impulso" da I+D+i nas empresas- e resituounos nas súas partidas de xurídicos e contenciosos (200.000 euros) e de transferencias á Administración do Estado (249.316 euros), inicialmente dotadas con 10.000 e cero euros, respectivamente. Nese mesmo expediente restoulle á GAIN outros 80.000 euros para pagar a cota da Fundación Centro Tecnológico de Eficiciencia y Sostenibilidad Energética, unha entidade na que participa a Xunta con sete empresas -Copasa, Cupa, Finsa, Gas Natural Fenosa, Inditex, Invertaresa e Philips- e as tres universidades.

A web de Edgewater segue a amosar detalles do proxecto de Corcoesto e un vídeo co apoio de Feijóo á mina / Captura tirada o 12/2/2018 CC-BY-SA Praza Pública

Non é a primeira vez que os gastos derivados da demanda pola mina de Corcoesto acaban sendo sufragados con fondos inicialmente previstos para outros gastos da Xunta. Como informou este diario, no outono de 2016 a propia Consellería de Economía viuse na obriga de "realizar un depósito inicial de 150.000 dolares" na devandita Corte de Arbitraxe da Haia no marco desta mesma demanda. Eses cartos, 150.000 euros, foron transferidos dende a partida concibida para financiar o ticket eléctrico, as axudas para pagar o recibo da luz a familias con escasos recursos económicos das que o 40% do seu orzamento acabou sufragando outros gastos da Administración. A factura da demanda de Corcoesto suma xa, daquela, cando menos 589.316 euros.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.