“O 24 de xullo de 2013 decidín, xunto coa miña parella e as miñas sobriñas de nove e once anos, viaxar en tren a Santiago, xa que pensabamos que era moito máis seguro que facelo en coche”. Así comezou este martes no Congreso a súa intervención na primeira sesión de comparecencias da comisión de investigación sobre o accidente de Angrois Jesús Domínguez, presidente da plataforma de vítimas, que tardou cinco anos en ver feito realidade este foro de análise político sobre un sinistro que provocou 80 mortos e 144 feridos. Esa foi a súa única referencia á súa condición de vítima nunha comparecencia na que se centrou en plantexar, con datos tirados da instrución xudicial, as numerosas dúbidas que pairan sobre o caso sobre posibles intervencións políticas de PP e PSOE tanto antes como despois do sinistro que non serán dirimidas na investigación penal.
O presidente da plataforma de afectados debulla na primeira sesión da comisión de investigación as dúbidas sobre intervencións políticas de PP e PSOE antes e despois do sinistro, do que se cumpren cinco anos
"Houbo unha cacería do Goberno ao maquinista", chegou a criticar Domínguez, en referencia ao foco que os responsables políticos puxeron desde o primeiro momento no condutor do tren, imputado na causa xudicial agora xunto con outros seis cargos de Adif e Renfe polas eivas de seguridade que existían na liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro. "Pedímoslles que deixen de lado os intereses de partido para que esta comisión cumpra realmente cos seus obxectivos e se depuren as responsabilidades políticas”, reclamou.
Ao ex-ministro socialista de Fomento José Blanco acusouno Domínguez de ter presa por inaugurar o AVE Ourense-Santiago en decembro de 2011 antes de deixar o ministerio. Ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o daquela secretario de Estado de Fomento, Rafael Catalá, de insistir tras o sinistro en que esa liña non era AVE, malia que así o ratificou a xustiza, para non prexudicar a imaxe internacional da alta velocidade española. E á ex-ministra popular Ana Pastor, de prometer unha investigación técnica independente que a UE segue a reclamar a España e unha suposta colaboración coa xustiza que Adif e Renfe non sempre acataron. "Os papeis os tivemos que sacar nós de Adif", dixo. “Vostedes cren que a política pode estar en mans de persoas con estes valores e que teñen estas prioridades?”, preguntouse Domínguez. Todos eses citados e outros máis, ata medio cento de comparecentes, irán pasando nos próximos meses polo Congreso.
“Cren que a política pode estar en mans de persoas con estes valores e prioridades?”, di Domínguez
No accidente de Angrois o maquinista do tren, Francisco José Garzón, despistouse tras recibir unha chamada do interventor do convoi e non freou a tempo antes da curva de Angrois. Nin nas vías nin no tren había activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase ese previsible erro humano. Nas vías o sistema de control constante da velocidade (ERTMS, o propio do AVE) recortárase en 2010 e a bordo dos Alvia desconectárase en 2012. Domínguez puxo o foco sobre a posible interferencia de responsables políticos en catro feitos que obviou a investigación oficial de Fomento, nos que se está a centrar a investigación penal (polos que están tamén imputados os directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, en cargos de confianza co PSOE e co PP) e que veñen de ser postos en cuestión pola Unión Europea.
“Todo indica, como sinalou o xuíz, que intereses comerciais e políticos se antepuxeron á seguridade das persoas”
En primeiro lugar, o cambio do proxecto orixinal da liña durante o mandato de Blanco que supuxo recortar a seguridade na curva. O segundo, a desconexión en 2012, xa con Pastor á fronte de Fomento, do sistema de seguridade tamén a bordo dos Alvia porque fallaba e provocaba atrasos. O terceiro, o feito de que non se actuase tras unha alerta expresa dun maquinista xefe un ano e medio antes do sinistro de que na curva de Angrois podía ocorrer un accidente como acabou sucedendo. E o cuarto, a non realización por parte de Adif da avaliación de riscos da curva que esixía a normativa europea. “Todo indica, como sinalou o xuíz, que intereses comerciais e políticos se antepuxeron á seguridade das persoas”, dixo.
Xunto con estes feitos, Domínguez citou tamén “a inacción” do primeiro fiscal do caso que se centrou en acusar só ao maquinista e a imposición por parte da Xunta ao xulgado de dous peritos sen experiencia en materia ferroviaria, un dos cales plaxiou parte do seu informe da investigación oficial de Fomento. “Isto é reflexo da separación de poderes dun Estado democrático?”, preguntouse, para lamentar que “pese a todo isto, ningún responsable político dimitiu ou pediu perdón e, para a nosa humillación, moitos foron incluso premiados”.
"Os ministros están noutras cousas"
Domínguez asegura que houbo un "pacto" político entre PP e PSOE para protexerse de xeito mútuo
Foi durante as preguntas dos diversos grupos parlamentarios cando Domínguez incidiu, por unha banda, na súa mensaxe de que Blanco e Pastor non poden ser acusados de 80 homicidios, “os ministros están noutras cousas”, pero que os responsables políticos do sistema ferroviario español deben dar explicacións. Igualmente, salientou o interese deses mesmos responsables por poñer todos os focos sobre o maquinista no que cualificou como “unha cacería do Goberno ao maquinista”, que ao seu ver “tivo un despiste e tivo responsabilidade, pero houbo máis responsables”. Domínguez tamén aseverou que houbo un “pacto” político entre PP e PSOE para protexerse de xeito mútuo.
O único dos grupos que non formulou preguntas a Domínguez senón que se limitou a facer unha exposición da súa postura foi o PP, representado polo deputado ourensán Celso Delgado, quen fixo fincapé en que a causa penal aínda está aberta cinco anos despois pola súa complexidade e en que esta comisión política pode interferir con ela. Domínguez respondeulle que é “infantil” culpar a outros dunhas demoras e complexidades das investigacións das que el considera moi responsable o Goberno do PP.
As vítimas non entenden que poden achegar o maquinista e o interventor a unha investigación política como a do Congreso
Xunto con Domínguez, este martes tamén compareceron no Congreso outras vítimas e familiares de falecidos. Cristina Liras, que perdeu no sinistro o seu fillo de 27 anos, insistiu en non ser tratada como unha vítima senón como unha cidadá que esixe atención e respecto por parte dos poderes públicos. “Teñen fillos? Vostedes non loitarían por averiguar a verdade e esixir responsabilidades?”, preguntou aos deputados presentes. En similares termos expresouse Concepción Díaz, citada á comisión como vocal de outra asociación de vítimas creada tras o sinistro, minoritaria e que non está a ter actuacións de investigación activa de todo o que rodea o accidente como si fai a plataforma. “Tivemos que ir á Unión Europea para que se nos escoite como cidadáns que somos”, dixo esta nai dun fillo falecido en Angrois con 21 anos. Pola contra, outra vítima que non forma parte de ningunha asociación, Elena Moreno, que foi deputada de UCD na lexislatura constituínte do Congreso, asegurou na súa comparecencia que o que ela desexa é esquecer o accidente, que non se sinte representada por ningunha asociación e que esta comisión política no Congreso non terá utilidade e pode interferir na investigación xudicial.
Este mércores están citados, a petición de PP e PSOE, o maquinista do tren, Francisco José Garzón, e o interventor cuxa chamada telefónica o despistou. As vítimas non entenden que poden achegar o maquinista e o interventor a unha investigación política como a do Congreso.