‘Luar’, cancelado

Protesta do persoal da CRTVG este venres en Santiago © Defende a Galega

A folga na CRTVG impide a emisión do programa emblema nacido hai 32 anos, substituído por unha gravación dun especial en homenaxe a Juan Pardo

Por primeira vez en 32 anos, desde o comezo da súa existencia o 30 de setembro de 1992, xa daquela presentado por Xosé Ramón Gayoso, Luar, o programa emblema da TVG, viu este venres cancelada a súa emisión planificada por motivos directamente relacionados cos medios públicos. Se hai catro anos, ante a folga feminista do 8M de 2019, xa non se emitiu un Luar por decisión da empresa, non por incapacidade de facelo, desta volta, salientan os convocantes, foi a falta de persoal suficiente o que derivou no resultado máis significativo da primeira das dúas xornadas consecutivas de folga convocadas na CRTVG “contra a manipulación e represión” e o “clima laboral asfixiante” nos medios de comunicación públicos galegos.

Imaxe do especial gravado en homenaxe e Juan Pardo emitido este venres pola TVG en substitución do 'Luar' cancelado pola folga CC-BY-SA Praza Pública

No eido deportivo as consecuencias da folga foron maiores na tarde deste sábado, con múltiples eventos por todo o país pero coa Radio Galega retransmitindo un programa gravado do 16 de novembro en lugar das habituais roldas de resultados

A cancelación de Luar, máis que un programa un símbolo semanal en directo, tentou ser paliada pola canle pública coa reposición dun especial en homenaxe a Juan Pardo. Supuxo o remate a unha primeira xornada de folga, seguida este sábado da segunda, que xa provocara a cancelación de varios dos principais programas tanto da radio como da televisión pública.

A xornada tamén deixou outro fito, o de que, por segunda vez, logo do ocorrido no Osasuna-Celta de hai dúas semanas, non se retransmitiu un partido dun equipo galego do fútbol profesional: o Cartagena-Lugo. Pero no eido deportivo as consecuencias aínda ían ser maiores na tarde deste sábado, con múltiples eventos implicando equipos de todo o país, mesmo cun derbi, o Obradoiro-Breogán en baloncesto. Ás catro da tarde, cando deberían comezar a rolda de resultados e as retransmisión desde múltiples localizacións, a Radio Galega ofrecía un programa gravado do 16 de novembro.

Luar ou as retransmisións deportivas non chegaron ás pantallas malia que a dirección da CRTVG asegurou que a folga só fora seguida por un 25% do cadro do persoal. O comité de folga mantivo que a cifra foi moi superior, dun 68,75% xa na xornada deste sábado. Pero se a cifra da dirección fose real suporía que a ausencia de só un de cada catro empregados da televisión pública implicou a caída dos seus principais programas. 

Redacción baleira na CRTVG este 24 de marzo CC-BY-SA CUT CRTVG

Fronte o 68% de seguimento calculado polo comité de folga, a dirección da CRTVG rebaixou a cifra a un 25% e en xornadas previas dixo que as protestas nin lle preocupan nin lle van facer "mudar o rumbo"

Antes de chegar ao fito histórico que supón a non emisión de Luar a dirección da CRTVG asegurou que as protestas do persoal non lle "preocupan" nin lle van facer "mudar o rumbo". Este sábado os informativos, servizos mínimos, mesmo fachendearon de supostos datos de audiencia obtidos pola cadea este venres.

Porén, a folga destes venres e sábado está a ter un impacto na programación maior que o paro convocado hai dúas semanas. Agora, salienta o comité de empresa, a "manipulación desatada" e a "represión e marxinación" do persoal crítico levou ao máximo "un clima laboral insostible e irrespirable" que fai que moitos denuncien publicamente supostas prácticas que antes non eran tan coñecidas. E esas protestas veñen de afectar tamén aos espectadores do programa máis emblemático da televisión pública galega. [Unha ducia de lembranzas do Luar]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.