SOS Sanidade Pública mobilízase contra o peso crecente do sector privado en Galicia

Cartaz das mobilizacións convocadas para este xoves © SOS Sanidade Pública

SOS Sanidade Pública convoca a cidadanía a manifestarse este xoves contra os recortes na sanidade pública e o avance do sector privado. Haberá marchas ou concentracións en 11 cidades e vilas, e a maior parte dos actos comezarán ás oito da tarde. A plataforma denuncia que dende a chega ao poder de Alberto Núñez Feijoo, en 2009, "o Partido Popular iniciou unha campaña de recortes, desmantelamento e privatizacións da Sanidade Pública, pretendendo que a sanidade sexa un privilexio, accesible a quen o poida costear a través dos repagos que tratan de impor. Ou acudindo á sanidade privada, adiantando os cartos que despois o SERGAS reintegrará".

Nos últimos cinco anos o orzamento sanitario en Galicia sufriu un recorte do 12,3%, que supuxo a eliminación de 2.094 postos de traballadores sanitarios e o peche de case 500 camas hospitalarias nos centros públicos

En efecto, como lembra a plataforma, nos últimos cinco anos o orzamento sanitario en Galicia sufriu un recorte do 12,3%, unha perda total de 460 millóns de euros, que supuxeron a eliminación de 2.094 postos de traballadores sanitarios e o peche de case 500 camas hospitalarias nos centros públicos. Ademais, o 48,8% do orzamento sanitario foi parar ao sector privado, e só o 7,1% foi para investimentos e funcionamento dos centros públicos. Neste proceso o ámbito máis prexudicado foi a Atención Primaria, que sufriu un recorte de 190,9 millóns de euros (se incluímos o gasto farmacéutico extrahospitalario), e de 33 millóns (sen a farmacia).

"Non imos consentir que fagan negocio coa nosa saúde. A Sanidade Pública finánciase cos nosos impostos, e a obriga dos gobernantes é devolvernos os nosos cartos mediante os servizos públicos. Non teñen ningún dereito a privatizar a sanidade pública, nin a facer negocio coa nosa saúde, o goberno do PP só é un xestor provisional dos servizos públicos", subliña a plataforma.

En Galicia unha cuarta parte das camas hospitalarias son xa privadas, 2.354 dun total de case dez mil

O Instituto para el Desarrollo e Integración de la Sanidad (IDIS), unha entidade formada por hospitais e clínicas privadas e aseguradoras que traballa polo impulso da sanidade privada en España, publicou esta semana o seu informe anual, no que se gaba dos avances acadados polo seu sector, os centros médicos, cada vez con máis camas e actividade, e as aseguradoras privadas, que xa contan con nove millóns de clientes en todo o Estado. Na súa análise IDIS destaca, ademais, que as comunidades autónomas "que diminuíron o seu orzamento sanitario público per cápita", coma Cataluña, Baleares, Aragón ou La Rioja, "incrementaron a penetración do seguro privado".

En Galicia unha cuarta parte das camas hospitalarias son xa privadas, 2.354 dun total de case dez mil. A sanidade privada en Galicia está aínda lonxe do peso que acada no conxunto de España, onde suma o 33% das camas hospitalarias, sobre todo por mor do seu avance en Cataluña (única comunidade autónoma con máis camas privadas ca públicas, un 56% do total), Madrid, Navarra, Murcia, Cantabria, Euskadi, Canarias ou Baleares, onde a presenza do sector privado rolda un terzo do sistema.

Na súa análise IDIS destaca, ademais, que as comunidades autónomas "que diminuíron o seu orzamento sanitario público per cápita", coma Cataluña, Baleares, Aragón ou La Rioja, "incrementaron a penetración do seguro privado"

Porén, nos últimos anos a sanidade privada levou a cabo distintos movementos que afianzaron a súa posición. Por exemplo, en marzo do 2014 asistimos ao desembarco en Galicia do grupo HM Hospitales, que adquiriu Grupo Hospitalario Modelo, propietario dos hospitais Modelo e a Maternidad Belén na Coruña, destacando que esta compra supón o primeiro paso dun proxecto de expansión por toda Galicia. Os avances rexístranse tamén nas sucesivas externalizacións decididas polo SERGAS de moitas funcións ligadas á atención sanitaria: electromedicina, loxística ou as competencias tecnolóxicas dos sistema sanitario galego. As vías de privatización tamén se abren na saúde mental ou no proceso de construción do novo hospital da área sanitaria de Vigo.

Pero o avance da sanidade privada é máis evidente nalgunhas disposicións normativas, nos plans para a posta en marcha das unidades de xestión clínica, e na crecente colaboración público-privada, como poden ser os concertos con centros privados, coma Povisa, que recibe 75 millóns de euros anuais por facerse cargo de 140 mil pacientes, ou a Lei de Garantías Sanitarias. A norma, criticada por todas as forzas da oposición, polos sindicatos e por colectivos profesionais, pero tamén polo Consello Económico e Social e mesmo sinalada pola Asesoría Xurídica da Xunta, abre a porta ao traspaso de pacientes aos centros privados, que recibirán cartos públicos por emprestar este servizo. Cando se superen os tempos máximos de espera fixados pola lei, o que á vista das cifras actuais sucederá con frecuencia, o Sergas "deberá ofertar a realización da prestación noutro centro da rede pública ou nun centro concertado", segundo prevé a lei, isto é, privado pero sufragado con fondos públicos. Se isto tampouco acontece ou non é posible "o paciente terá dereito a acudir a un centro privado da súa elección, situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a que se lle reembolse o gasto de acordo coas tarifas que se establezan regulamentariamente para o proceso realizado".

En Galicia o avance da sanidade privada é máis evidente nalgunhas disposicións normativas, e na crecente colaboración público-privada

Esta colaboración dos centros privados é un dos aspectos máis celebrados no informe do IDIS. O documento salienta que "o sector sanitario privado contribúe á descarga e ao aforro do sistema público" a través dos seguros privados que "substitúen en parte a cobertura pública do SNS" pois "os habitantes que contan cun seguro privado non consomen, ou fano de forma esporádica, recursos da sanidade pública"e a través da devandita colaboración público-privada, xa que -din- "no caso de no existir produciríase unha sobrecarga no SNS, que implicaría o incremento das listas de espera e, probablemente, o deterioro da calidade do servizo".

Estas fórmulas son os concertos, que en Galicia supoñen cada ano unha entrega de máis 200 millóns de euros de cartos públicos ás empresas privadas de saúde; ou as concesións administrativas para a xestión de servizos sanitarios, as PPP (Public-Private Partnerships), das que tamén houbo exemplos en Galicia, e que segundo o IDIS son "non só permiten repartir o esforzo financeiro ao longo do tempo senón que tamén incrementa a previsibilidade do gasto público futuro". Ademais, nos últimos tempos veñen gañando peso as fórmulas para o traspaso de pacientes aos centros privados, a través de normas coma a aprobada en Galicia e que, como subliña o IDIS, "desconxestionan o sistema sanitario público". O informe conclúe que o sector sanitario privado constitúe "un importante aliado estratéxico do sistema público de saúde, sendo a colaboración entre ambos sectores un piar fundamental para garantir a sostibilidade e a accesibilidade ao sistema sanitario español".

 

Actos convocados por SOS Sanidade Pública

Esta colaboración dos centros privados é un dos aspectos máis celebrados no informe do IDIS. O documento salienta que "o sector sanitario privado contribúe á descarga e ao aforro do sistema público"

  • Burela: 20 horas diante do Hospital da Costa
  • Santiago: Praza do Toral ás 20 horas
  • Ribeira: Praza do Concello ás 20 horas
  • Pontevedra: Hospital Provincial ás 20 horas
  • A Coruña: Centro de Saude Casa do Mar ás 20 horas
  • Ourense: Ás 11 horas diante da Subdelegación do Goberno (parque de San Lazaro)
  • Ferrol: Ás 19 horas na Praza de Armas
  • O Barco: Entrada Hospital Comarcal Valdeorras ás 20 horas
  • Vigo: Praza de España ás 20 horas
  • Cangas: Casa Concello de Cangas ás 20 horas
  • Moaña: Ás 18 horas Centro de Saúde de Moaña
Cartaz das mobilizacións convocadas para este xoves © SOS Sanidade Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.