O PP procura un peche rápido da investigación das caixas e négase a novas comparecencias

Sesión de constitución que reabriu a comisión das caixas © Parlamento de Galicia

Este luns, tres anos e case catro meses despois da súa última xuntanza, a comisión de investigación sobre o fracaso da fusión de Caixanova e Caixagalicia, a xestión de Novacaixagalicia e as indemnizacións millonarias dos seus ex-directivos volveuse reunir. Tras permanecer conxelada mentres o país transitaba por ata cinco procesos electorais o órgano parlamentario reábrese, pero para pechar o antes posible. Faise nos termos aprobados o pasado novembro e xusto despois de que o encarceramento de cinco antigos responsables da entidade fusionada devolvese ao primeiro plano da actualidade os anos en que o Goberno galego impulsou a unión das entidades. A orde da Audiencia Nacional provoca que a oposición esixa máis documentación, pero tamén novas comparecencias que o PP se dispón a vetar.

O obxecto da comisión, aprobada nos termos promovidos polos populares, é "rematar os traballos realizados" na anterior lexislatura, resalta a formación conservadora, e iso é xustamente o que se fará. Na liña do xa indicado polo Goberno a través do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o voceiro Pedro Puy coida que as comparecencias desenvolvidas en 2013 son dabondo para que o Parlamento poida chegar a unha "explicación" do que "pasou". Como moito, o PP está disposto a que antes da elaboración das conclusións sexan incorporados á comisión documentos como os relativos ás vendas presuntamente opacas de pisos por parte da familia de José Luis Méndez, así como as sentenzas xudiciais dos ex-directivos. E nada máis. Non se van investigar "cousas novas", sintetiza.

O PP só está disposto a incorporar algún documento máis antes de elaborar as conclusións e pechar a investigación

O peche rápido da comisión que o PP ten asegurado poder promover grazas á súa maioría absoluta é rexeitado dende o resto de grupos. É o caso de En Marea, que exercerá a secretaría do órgano a través de Manuel Lago. A xuízo do parlamentario si hai marxe para afondar na "principal estafa" sufrida en Galicia, di, na que "houbo actores evidentes" que non foron só "os autócratas que dirixían estas entidades". "Tamén os responsables políticos que tomaron decisións" a prol do "acordo que liquidou as caixas de aforro e liquidou o sistema financeiro do país". Cos cartos que pagou o venezolano Banesco polos restos de Novagalicia Banco, afirma, "teríamos un instrumento financeiro de primeira orde como primeiro paso para crear a banca pública galega".

En Marea, PSdeG e BNG reclaman novas comparecencias e afondar nas responsabilidades políticas da fusión de Caixa Galicia e Caixanova e da venda de Novagalicia Banco

Tamén o PSdeG reclama estender os traballos con novas comparecencias, a comezar pola do ex-gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, que en 2013 respondeu por escrito ás preguntas do Parlamento galego, ou polo presdiente do FROB, Jaime Ponce. A xuízo de Xoaquín Fernández Leiceaga estas intervencións son necesarias para "ofrecer claridade" e chegar a "unha explicación convincente, dende a óptica política, dun proceso que acabou coa privatización das principais caixas de aforros de Galicia", máis aínda tendo en conta que "polo medio sucederon cuestións non demasiado exemplares, como as indemnizacións aos directivos ou a actuación nas preferentes.

A xuízo do BNG a lista de novas comparecencias debera estar encabezada polo propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen ante a propia comisión asegurou non ter responsabilidade ningunha sobre o sucedido coa fusión, operación que a pasada semana defendeu como "unha das cousas coas que máis tranquilo me sinto". "Pedimos que compareza o presidente da Xunta" porque "algunhas cuestións que están de actualidade sinalan directamente a súa responsabilidade" tanto "nas indemnizacións, nas que Feijóo foi cómplice porque blindou os directivos modificando a lei para darlles un ano máis de mandato" como na "venda apresurada de Novagalicia Banco". A comisión, agrega Ana Pontón, ten "un importante traballo por realizar" sen "mordazas" e Núñez Feijóo "ten moito que explicar".

Imaxes corporativas de Caixa Galicia, Caixanova e da entidade fusionada CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.