CRÓNICA | Íñigo de la Serna, o ministro sincero

De la Serna, na súa comparecencia ante a prensa con Feijóo © Conchi Paz

Hemeroteca

Cando, en novembro do pasado ano, Mariano Rajoy outorgou a Íñigo de la Serna a dirección do Ministerio de Fomento o presidente da Xunta aplaudiu que a carteira caese nas mans dun ministro "do norte" porque, argumentou, "non deixa de ser unha garantía de que as comunicacións do norte seguirán sendo unha prioridade". Tras sete anos e medio con titulares de orixe natal ou política en Galicia o departamento das obras públicas do Estado iniciaba unha nova xeira co ata daquela alcalde de Santander, que herdaba de Ana Pastor unha axenda galega encabezada por dous asuntos: a promesa dunha nova data para rematar as obras do AVE a Madrid, dada a imposibilidade de cumprir a de 2018, e a transferencia das competencias sobre a AP-9, que o propio gabinete de Rajoy viña de vetar estando en funcións. En ambas cuestións De la Serna fixo gala dunha pouco habitual sinceridade que impactou de cheo nas expectativas galegas e que os argumentarios da Xunta e do PPdeG tentaron parchear despois con escaso éxito.

Apenas un mes despois de tomar posesión, o 5 de decembro, De la Serna mantivo o seu primeiro encontro institucional con Alberto Núñez Feijóo e nesa xuntanza chegou o primeiro acceso de sinceridade política. O seu departamento non contemplaba o traspaso da Autoestrada do Atlántico e por iso viña de acordar co Goberno galego unha comisión para supervisar a AP-9, as súas obras e cambios en eidos como as compensacións polas rebaixas nas peaxes. E nada máis. Dende a Xunta presentouse este novo organismo como un "histórico" réxime de xestión compartida que foi desinchando nas semanas seguintes e picou de vez na súa primeira xuntanza, toda vez que a comisión se limitou a constatar plans xa previstos.

Un mes despois de tomar posesión De la Serna certificou que non apoiaría o traspaso da AP-9 e substituíao por unha comisión para supervisar a autoestrada coa Xunta

Unha vez marcado o campo de xogo a respecto da autoestrada De la Serna guindouse á poza da sinceridade a respecto do outro gran asunto con repercusión galega: o AVE. Sete días despois de expresar no encontro con Feijóo a vontade de "ser realista e trasladar o que realmente hai" sobre o tren á Meseta o ministro aproveitou unha entrevista en TVE para ofrecer un cirúrxico diagnóstico sobre un dos treitos máis problemáticos da liña, a variante de Taboadela, 17 sinuosos quilómetros ás portas da cidade de Ourense que o gabinete de Feijóo levaba seis anos a presentar como esenciais, pero nos que aínda non se movera unha pedra. "Temos que reflexionar" sobre se "paga a pena facer ese investimento" para reducir "catro minutos" o tempo de viaxe ou, no seu defecto "arranxar a liña convencional" e rematar antes as obras, sinalou.

De la Serna e Ethel Vázquez, xunto a cargos do PP na visita ás obras do AVE © PP Ourense

A rectificación sobre Taboadela que non foi tal

Tras cuestionar a variante de Taboadela o Ministerio emitiu un comunicado cunha suposta rectificación, pero o novo prazo das obras ratificou as verbas do ministro

As palabras do ministro sobre a entrada do AVE en Ourense xeraron un enorme balbordo. Na oposición, pero máis aínda no seo do PP ourensán. Tal foi a contrariedade que ás poucas horas o propio Ministerio emitiu un comunicado presentado como rectificación: a variante de Taboadela íase construír segundo o previsto e ademais, agregaba, tampouco desbotaba a millonaria variante de Cerdedo para levar o AVE da capital ourensá a Vigo sen pasar por Santiago. Así e todo, a rectificación non foi alén desa comunicación aos medios.

Cando, a finais de xaneiro deste ano, De la Serna e Feijóo volveron encontrarse para anunciar a nova data do AVE -fin das obras en 2019 con entrada real en servizo no horizonte de 2020- ese treito ficou fóra do paquete. O que haberá en Ourense será unha solución provisional que Adif encargou o pasado abril e a variante de Taboadela non será realidade ata, cando menos, o ano 2024, segundo admitiu publicamente Feijóo. Mentres gobernou o PSOE no Estado a Xunta do PP reiterou que o AVE a Madrid non estaría completo ata que esa variante non fose unha realidade.

A AP-9 queda "onde está"

Tres días despois de que o Parlamento volvese pedir por unanimidade a transferencia da AP-9 o ministro reiterou que non se producirá

Unha vez fixada a sexta -ou a sexta e a sétima- data para o prometidísimo AVE o ministro De la Serna aínda tivo tempo para volver dinamitar, á mantenta ou non, as ideas forza do PPdeG con relación á AP-9. O pasado mércores o Parlamento volveu aprobar por unanimidade a reclamación das transferencias a través dunha nova versión da lei, redactada coa intención declarada de esquivar os atrancos do Goberno de España. Na liña do avanzado dende a dirección estatal do PP o deputado que interveu no debate no nome dos conservadores, Martín Fernández, advertiu de que culminar o proceso con éxito ía ser "difícil". Esa calculada ambigüidade foi aclarada por De la Serna aos tres días noutro ataque de sinceridade descarnada dende a mesa do Consello de Ministros.

A transferencia non vai ser difícil, vai ser imposible, veu dicir o ministro. A razón é que o Goberno de España non ten intención ningunha de acceder á petición galega por moi unánime que sexa. En poucas palabras: "a titularidade ten que estar onde está", resumiu De la Serna. Á mesma hora, pero a 600 quilómetros de distancia, o número dous do PP galego, Miguel Tellado, gabábase de que o seu partido "pode facer o mesmo discurso a nivel local, autonómico e nacional" fronte ás "desavinzas" que, dixo, caracterizan a esquerda.

De la Serna intervén no Congreso © Congreso

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.