BNG e PSdeG logran que o PP rectifique o intento da Xunta de permitir máquinas de apostas en recintos deportivos

Alfonso Rueda cando era o responsable da Consellería de Presidencia nun encontro coa patronal do sector do xogo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Sanidade pedira vetalas pola presenza de menores, pero a Consellería de Presidencia, impulsora da nova Lei do Xogo e dirixida daquela por Alfonso Rueda, decidira mantelas porque dicía que "non é unha lei de prevención"

Prometida polo ex-presidente Feijóo para 2018, a nova Lei do Xogo de Galicia que actualizará a de 1985 está á fin lista para a súa aprobación definitiva no Parlamento de Galicia. Entre outras cuestións, a nova norma mantén as máquinas de apostas nos bares, facilita casinos máis grandes, vixía máis os bingos de asociacións e residencias de maiores, renuncia a que haxa lotarías galegas e permite que locais de xogo xa abertos permanezan nas proximidades de centros educativos, vetando só a apertura de novos establecementos a menos de 300 metros.

Porén, na súa tramitación no Parlamento BNG e PSdeG veñen de lograr que o PP rectifique o intento da Xunta de permitir máquinas de apostas en recintos deportivos e feirais. Unha medida que a Consellería de Presidencia, impulsora da norma e dirixida daquela polo agora presidente Alfonso Rueda, xustificaba co argumento de que "non é unha lei de prevención, é unha lei para a regulación do xogo".

Imaxe dunha máquina comercatos CC-BY-SA Xunta de Galicia

Foi durante a tramitación do proxecto de lei aínda no seo do Goberno galego cando a Consellería de Sanidade manifestou á de Presidencia que vía "necesario prohibir a instalación de espazos de apostas en recintos deportivos e feirais pola alta presenza de menores nos ditos establecementos". Porén, a vicepresidencia de Rueda decidiu “rexeitar” esa alegación co argumento de que na nova lei “incorpórase o control de acceso neste tipo de máquinas, polo que non se considera necesaria a prohibición”. 

Así que a Xunta mantivo no texto da lei que remitiu ao parlamento a posibilidade de máquinas de apostas en recintos deportivos e feirais. Unha cuestión contra a que presentaron emendas BNG e PSdeG que finalmente veñen de ser aceptadas agora polo grupo parlamentario do PP.

Pero fronte á argumentación da Consellería de Presidencia de que a lei pretendía regular un sector económico e non previr adicións, os populares tentan agora presentar a norma, apenas mudada no Parlamento, como unha iniciativa para "protexer as persoas máis vulnerables fronte a unha posible adición". A cuestión concreta da prohibición de máquinas de apostas en recintos deportivos e feirais defendida pola Xunta é agora presentada pola número 2 do PPdeG, Paula Prado, "como un aspecto máis do obxectivo da norma que é a regulación do mercado do xogo cunha especial atención á protección dos colectivos máis vulnerables".

O texto fixa límites numéricos ás casas de xogo, pero permite que as xa abertas xunto a centros educativos continúen e mantén as máquinas de apostas nos bares, con ata dous aparellos dese tipo ou comercartos en cada local

O texto que finalmente será votado no Parlamento, que xa fixaba límites para o número de salóns de xogo ou tendas de apostas [ver gráfico anexo], tamén limita agora a presenza nos establecementos de restauración dun máximo de dúas máquinas de xogo de calquera dos tipos permitidos. N práctica suporá unha máquina comecartos e unha de apostas, fronte ao desexo da Xunta de non fixar límites e o intento da oposición de restrinxilas a unha soa máquina de calquera tipo por local. 

Empresas do sector pediron que non fosen elas as multadas por permitir xogar a menores e adictos senón esas persoas, unha infracción moi grave que é a máis habitual pero á que a Xunta pon a menor multa posible

Antes, durante a tramitación previa do proxecto de lei, o Consello Económico e Social, principal órgano consultivo da Xunta, pedira que non se permitiran máquinas de apostas nos bares. Dese acordo desmarcárase a patronal, a quen finalmente acabou facendo caso o Goberno galego.

Pola contra, a Xunta xa non aceptara a petición de varias empresas de xogo de que a lei fixe multas a menores e adictos e non aos locais que os deixan xogar, como sucedía ata agora. Tras avanzar esa petición empresarial, Praza.gal revelou que permitir xogar a menores é a infracción moi grave máis habitual do sector, pero que a Xunta a sanciona coa menor multa posible, de 18.000 euros. Este diario ten pendente un recurso ante a Valedora do Pobo para lograr que o Goberno galego identifique os nomes das empresas máis multadas por deixar xogar a menores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.