Política Social ten conxelada a reforma que faría compatible a Risga co Ingreso Mínimo Vital

Case un 10% das persoas que perciben a Risga son membros dunha familia monoparental, proporción que se eleva a case o 15% no caso das mulleres CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Hai catro anos que está en vigor o Ingreso Mínimo Vital (IMV). En 2020 o Goberno de España adiantou o lanzamento desta prestación por mor da pandemia e actualmente, malia a persistir en torno a ela diversas eivas e denuncias dun "labirinto burocrático" que dificulta o acceso, chega en Galicia a case 72.500 persoas. Ou, o que é o mesmo, sete veces máis da máxima cobertura que chegou a ter a Renda de Inclusión Social (Risga) da Xunta nos seus máis de trinta anos de historia.

O IMV foi concibido polo Estado hai catro anos para ser compatible con prestacións como a Risga, pero a lei galega de inclusión de 2013 impídeo

Entre as novidades do IMV o Estado destacara que fora concibido para ser compatible coas rendas mínimas e de inclusión que, como a Risga, as diversas comunidades tiñan en vigor. Pero en Galicia esa compatibilidade, reiteradamente reclamada por diversas entidades sociais, non era posible porque a impide a Lei de Inclusión do ano 2013, unha norma que o Goberno galego leva máis de tres anos comprometéndose a modificar mediante unha reforma que, admite agora, ten conxelada a efectos prácticos.

O pasado martes a conselleira de Política Social, Fabiola García, foi recibida en Madrid pola ministra de Seguridade Social, Elma Saiz, nunha xuntanza precisamente centrada na xestión do IMV. Segundo a Xunta, o encontro centrouse na reclamación de transferencia da xestión desta prestación, cuestión que o Goberno de España tamén admite que foi abordada, se ben agrega que a ministra "solicitou o compromiso da Xunta para adaptar a súa normativa ao IMV sen que esta implique a redución da cobertura das persoas beneficiarias". Isto é, a prometida reforma da lei de inclusión.

O Goberno galego lanzou o trámite para reformar a lei en setembro de 2021. Un ano despois Rueda asegurou que culminaría en 2023 e o pasado xaneiro incluíu a promesa no programa do PP para a nova lexislatura

En setembro de 2021, máis dun ano despois da entrada en vigor do IMV, o Goberno galego lanzou o trámite para reformar a lei coa intención declarada de adaptarse á prestación estatal e encaixala coa Risga. Un ano despois, en setembro de 2022, o proceso aínda non se movera e Alfonso Rueda sinalou o 2023 como o ano no que finalmente vería a luz a reforma. O pasado febreiro o PP incluíu a reforma da lei de inclusión como unha das súas promesas electorais para a nova lexislatura, que vén de principiar e pode durar ata comezos de 2028.

Con todo este pano de fondo, o pasado abril o BNG cuestionou a Política Social polos seus plans ao respecto tras os sucesivos adiamentos. "Levamos anos reclamando a necesaria reforma desta lei fundamentalmente por dúas razóns: rematar coa incompatibilidade da Risga con outras prestacións" e "sobre todo, a necesidade cada vez máis imperiosa de actualizar unha lexislación que resulta insuficiente, cando non ineficaz para atallar a situación de pobreza e exclusión social en Galiza", sinalaban. A resposta chegou a mediados de maio e nela o departamento de Fabiola García confirma a conxelación do proxecto.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a ministra de Seguridade Social, Elma Saiz, reunidas xunto a membros de cadanseus gabinetes, o pasado 11 de xuño en Madrid © Ministerio de Seguridade Social

"Galicia terá unha nova Lei de Inclusión Social", di a Consellería, "pero non a podía facer allea a un contexto nacional cheo de incertezas". Así, afirma a Xunta que "a razón de ser" da nova norma era asumir as competencias sobre o IMV, "pero ata o pasado decembro non se modificou a norma reguladora da prestación para posibilitar a transferencia" e "ata este mesmo mes de maio de 2024 non se constituíu a Comisión de Seguimento do Ingreso Mínimo Vital legalmente establecida dende 2020".

A Consellería responde agora ao BNG que "traballará na redacción" da nova lei mentres negocia co Estado a transferencia do IMV para "activala en canto culmine"

Neste contexto e tras afirmar en 2021 e 2022 que reforma estaba na súa recta final, Política Social asegura agora que, "paralelamente" á discusión co Estado sobre a transferencia, "traballaremos na redacción da modificación da lei autonómica para poder activala de inmediato en canto culmine" o traspaso. "Deste xeito elaboraremos un documento sen erros e dúbidas", din antes de asegurar que "o feito de non tela modificado non significa que non se estean desenvolvendo medidas" contra a pobreza "adaptadas ás novas necesidades do actual contexto económico.

Deste xeito, a eventual compatibilidade de Risga e IMV segue sen horizonte temporal nin certezas, toda vez que o Goberno galego tampouco especifica se contempla acceder a unha medida que outras autonomías coma Canarias xa tomaron hai anos. Mentres, a incompatibilidade tivo consecuencias alén da imposibilidade de que as persoas receptoras reciban máis axuda. Non en van, a propia Consellería reclamou en 2021 a devolución de miles de euros cobrados pola Risga a persoas sen recursos que tiñan o IMV concedido e o cobraron retroactivamente tras meses de espera, situación que despois accedeu a paliar mediante aprazamentos e condonacións parciais.

Fragmentos dunha carta na que a Xunta reclamaba a unha persoa sen recursos algo máis de 4.000 euros polos pagamentos da Risga percibidos durante o trámite do Ingreso Mínimo Vital CC-BY-NC-SA Praza Pública

Mentres, o Ministerio subliña que dende que está en marcha a prestación estatal "o labor protector da Risga descendeu un 60% en número de perceptores" . "Actualmente, a cobertura da renda autonómica equivale ao 19% dos fogares cubertos polo IMV en Galicia", salienta o departamento estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.