Feijóo reedita a idea dun "acordo de país" contra o lume sen deixar a tese do "terrorismo incendiario"

Feijóo, durante a súa comparecencia sobre os incendios © Xunta

Cando Alberto Núñez Feijóo accedeu este martes á tribuna do Parlamento para "informar sobre a resposta ante a extraordinaria vaga de lumes que acaba de sufrir Galicia" fíxoo para contrapoñer a súa diagnose do acontecido coas dos voceiros de En Marea, PSdeG e BNG. Pero tamén -ou se cadra, sobre todo- para confrontar a súa actitude e estratexia política ante unha vaga de incendios como presidente coa que despregou en 2006 como líder da oposición despois de que o país sufrise a peor crise incendiaria en dúas décadas. Diante deste duplo contraste o gabinete de Feijóo deu en reeditar unha idea que xa saíra á palestra naquel debate de hai unha década, pero da boca do daquela presidente, Emilio Pérez Touriño: a de ofrecer un "acordo de país" contra o lume. Fíxoo, non obstante, sen abandonar a que segue a cerna do seu argumentario, a tese do "terrorismo forestal" como responsable das case 50.000 hectáreas ardidas, das 2.400 persoas desaloxadas das súas vivendas, das 128 ingresadas e das 4 falecidas.

O presidente contrapuxo a súa diagnose coa da oposición, pero tamén a súa actitude política coa que el mesmo defendeu en 2006

Naquela sesión de 2006 Feijóo dixo estar disposto a un acordo sempre e cando PSdeG e BNG accedesen a remudar a comisión de estudo sobre os incendios que viñan de poñer en marcha por outra de investigación. Non pactaría, tampouco, se antes o Goberno da esquerda non depuraba "responsabilidades" a través do cesamento de, cando menos, o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. Desta volta o pleno comezou coa proposta de comisión de estudo xa lanzada por parte da oposición, que reclama dimisións pero non as sitúa como condición necesaria para sentar á mesma mesa que a Xunta. Alí, di o presidente, o seu Goberno formulará "un paquete de 30 medidas" que, avanza, irán dende o ámbito da prevención ata o da extinción e o da persecución do devandito "terrorismo incendiario".

Feijóo enmarca a vaga nun contexto "excepcionalísimo" e teima en centrar o acontecido nos "terroristas" que "usan o lume para alterar a paz pública"

Sen espazo para o recoñecemento de fallos no dispositivo ou erros da súa dirección política, Feijóo chamou a enmarcar o debate en claves que el mesmo rexeitaba dez anos atrás. As condicións do domingo 15 de outubro non só non eran "normais", senón que o contexto era "excepcional, excepcionalísimo" pola "situación climatolóxica extrema", a seca acumulada e os fortes ventos chegados co resto do furacán Ophelia. Con este pano de fondo, defende, "manteño e afirmo con todas as letras, sen minimizar ou relativizar" que actuaron "terroristas" que "non son, simplemente, individuos que por diferentes circunstancias prenderon lume a unhas árbores". Eses "terroristas", proclama, "usan o lume para alterar a paz pública e provocar episodios de terror". Son todo un "inimigo común" e negar a súa existencia é tanto como "colaborar politicamente con el", advirte.

A oposición esixe dimisións, pero vai "colaborar"

Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón, durante o debate / Parlamento de Galicia

Mentres o presidente centra o debate no "problema de orde pública que debemos condenar e tentar castigar de xeito consecuente" dende as bancadas da oposición apelouse, cunha lembranza case constante da actitude do propio Feijóo en 2006, á responsabilidade gobernamental na xestión da catástrofe. Nas horas claves, lamenta o voceiro de En Marea, Luís Villares, a poboación padeceu "un goberno incompetente" e un presidente "máis preocupado de xestionar a súa imaxe que a catástrofe". Feijóo, mantén Villares, quedou "desacreditado como bo xestor" na noite do "domingo negro" e asumir a súa tese do terrorismo sería dar por boa unha "frivolidade" que, ademais de "xogar coa dor de moita xente", a comezar polo das familias das vítimas mortais, "usa de forma irresponsable un concepto penal e social do que non hai evidencias.

Villares lamenta que Feijóo estivese "máis preocupado de xestionar a súa imaxe que a catástrofe"

O voceiro de En Marea amósase "disposto a falar e chegar a acordos en beneficio do país superando siglas", pero coida que a eventual aprobación e aplicación das medidas bosquexadas por Feijóo serían máis cribles se antes son remudados no seu posto responsables do dispositivo como o director xeral de emerxencias, Luis Menor; a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; e, sobre todo, quen acumula 17 anos á fronte do departamento forestal do Goberno galego, Tomás Fernández-Couto, actual director de Ordenación Forestal.

Leiceaga: "Ou todo estaba perfecto e non teñen responsabilidade ou agora hai medidas que deberan estar tomadas e obviaron"

Tamén o voceiro socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, considera imposible que os "cambios estruturais" que Feijóo di estar diposto a realizar poidan vir da man de Fernández-Couto e da "conselleira que o soporta, nos dous sentidos". Esas medidas estruturais contarán co traballo do PSdeG, avanza, pero a súa propia formulación implica a desmontaxe do discurso de Feijóo. "Ou estaba todo perfecto e non teñen responsabilidade ou ben agora hai medidas que deberían estar tomadas previamente", que "vostedes obviaron" e que agora recuperan tras as imaxes de "cidadanía desamparada" por mor dunha "reacción tardía e despois, impotente" por parte da Xunta.

Pontón resalta que Feijóo é "responsable" de decisións concretas como "precarizar o modelo de extinción" ou "paralizar o Banco de Terras"

Algunhas das medidas que agora Feijóo di estar disposto a considerar, lembra Leicega, figuraban xa nas conclusións da comisión de estudo dos incendios de 2006, a mesma que o PP "boicoteou", lembra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Como o resto da esquerda a líder nacionalista tamén avanza que vai "colaborar", pero sen obviar que o actual Goberno é "responsable" de decisións concretas que atinxiron no efecto do lume, tales como "modificar a lei para reducir as franxas de protección" a zonas habitadas, de "precarizar o modelo de extinción", de "recortar en prevención, paralizar o Banco de Terras" ou prescindir de parte dos brigadistas eventuais para ter que recuperalos cando xa era tarde, operación que tamén reprocharon Villares e Leiceaga.

Non haberá cesamentos

O PP négase a destituír á conselleira Vázquez ou a Fernández-Couto porque "funcionaron ben"

Como era de agardar, ningún dos cesamentos reclamados pola oposición se vai producir. Deixouno claro o voceiro do PP, Pedro Puy, ao considerar que "este goberno, ao contrario" que o de PSdeG e BNG en 2006, "si afrontou unha situación excepcional" e non vai promover a destitución de "persoas que funcionaron ben". E ratificouno o propio presidente, que retrucou irado á reclamación persoalizándoa en Villares. "Cesar a destro e sinistro" non sería propio "dun goberno responsable", senón imitar "o que acontece no partido que vostede milita" no que "cesan ao de Catalunya dende Madrid", dixo en referencia a Podemos, aínda que o voceiro de En Marea non é membro deste partido.

Feijóo non abandonará a tese terrorista e a oposición non a asumirá. O Goberno non destituirá a ningún dos cargos cuestionados por En Marea, PSdeG e BNG pero as tres din estar dispostas a sentar na comisión de estudo e explorar ese posible "acordo de país" sobre medidas que segundo Feijóo xa están "moi avanzadas". O pacto, ao cabo, que hai dez anos non foi alén do papel.

Traballos de extinción en Parada de Sil durante a vaga de incendios de outubro Dominio Público Brif Laza

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.