O Plan Galicia cumpre 15 anos con só tres das súas oito grandes obras en execución

Mapa das liñas ferroviarias do Plan Galicia, incluído nun programa do PP, e entrega da Medalla de Galicia a Cascos en 2003 © PPdeG / Xunta

Porto Exterior, Parador de Muxía e o AVE a Madrid xa iniciado daquela, única herdanza do Consello de Ministros celebrado na Coruña o 24 de xaneiro de 2003, dous meses despois do inicio da crise do Prestige

“A Coruña, 24 de xaneiro de 2003. O Consello de Ministros aprobou o Plan Galicia, un conxunto de medidas destinadas a paliar a curto prazo as consecuencias económicas e sociais do Prestige e, a medio e longo prazo, impulsar o desenvolvemento social e económico de Galicia”. Así comezaba a nota de prensa difundida polo Goberno de José María Aznar hai hoxe 15 anos tras a reunión que aquel día mantivo de xeito extraordinario no Pazo de María Pita, a Casa do Concello da Coruña. Cinco lustros despois, só tres das súas oito grandes obras están en execución: o Porto Exterio da Coruña, o AVE á Meseta e o Parador de Muxía.

Naquel Consello de Ministros celebrado na Coruña por invitación do seu alcalde, o daquela socialista Francisco Vázquez, dous meses despois do inicio da crise do Prestige e entre elevadísimas medidas de seguridade polas manifestacións contra a xestión da catástrofe, aprobáronse diversas liñas de axudas e actuacións de urxencia baixo o epígrafe de Plan Galicia. Posteriormente, a Xunta tamén usaría ese mesmo termo para as súas propias actuacións. Pero se aquela nota de prensa permaneceu no imaxinario colectivo foi polas oito grandes obras que o Goberno central se comprometía a realizar en Galicia. Curiosamente, no Boletín Oficial del Estado (BOE), onde as notas de prensa se converten en feitos oficiais, o termo Plan Galicia só sería empregado polo Goberno galego para publicitar as súas actuacións, pero non polo Executivo central.

Aquela nota de prensa posterior ao Consello de Ministros de hai agora 15 anos supúxolle a Medalla de Galicia ao daquela ministro de Fomento Francisco Álvarez-Cascos

Aquela nota de prensa posterior ao Consello de Ministros de hai agora 15 anos, que lle supuxo a Medalla de Galicia ao daquela ministro de Fomento Francisco Álvarez-Cascos, admitía que boa parte do seu contido en materia de grandes obras públicas era unha recompilación de actuacións xa prometidas pero sen prazos ás que se melloraban as súas características e supostamente se lles inxectaban máis cartos, ata un total duns 5.200 millóns. A actuación de maior importe das concretadas, 1.476 millóns de euros, era o denominado “AVE del Cantábrico (El Ferrol-Asturias-Cantabria-Bilbao), do que o Goberno se comprometía a iniciar a súa planificación e prevía xa o antedito investimento só no seu treito galego. Esa liña quedou desbotada antes mesmo de que chegase a crise e hoxe o obsoleto FEVE actual segue a deteriorarse.

Os trens rápidos do Cantábrico, Lugo-A Coruña e Monforte-Ponferrada desapareceron pronto

A liña de AVE que hai 15 anos xa tiña avanzada a súa planificación e estaba en obras nos seus treitos máis próximos a Madrid, comúns coa liña desde esa cidade a Valladolid, era a do AVE entre Galicia e a Meseta. Naquel Consello de Ministros acordouse mellorar algo o deseño anterior cunha “solución de dobre túnel e alta velocidade” no treito Lubián-Ourense, pero o Goberno central mantivo as obras con peores características que esas ata 2010. As obras desa liña están notablemente avanzadas, pero se hai que ter en conta a promesa dun trazado con características de alta velocidade realizada daquela, ese AVE non entrará en servizo aínda ata a próxima década.

Aquela nota de prensa de hai 15 anos tamén anunciaba o “inicio dos estudos de trazado da conexión de Alta Velocidade Ponferrada-Monforte, cun investimento para este trazado no treito galego de 690 millóns”, así como o mesmo “inicio dos estudos de trazado da conexión de Alta Velocidade Lugo-A Coruña, trazado que contará cun investimento de 780 millóns de euros”. As dúas liñas desapareceron ben pronto das promesas políticas, substituídas pola alternativa dunha conexión Ourense-Lugo que tamén quedaría en nada e que hoxe se limita ao inicio dos estudos para melloras puntuais da liña actual.

A Autovía Chantada-Monforte non tería tráfico e a Pontevedra-A Cañiza foi reformulada na A-57 Pontevedra-Vigo-O Porriño, con só 6 quilómetros en obras

Aquel Plan Galicia tamén citaba dúas actuacións en materia de autovías. A “Autovía Pontevedra-A Cañiza: 480 millóns de euros” viu como o seu trazado variaba e se achegaba máis ao oeste reconvertida na A-57 Pontevedra-Vigo-O Porriño, cuxo deseño se estendería tamén cara o norte a xeito de circunvalación da capital provincial e onde só hai en obras un treito de 6 quilómetros cuxa primeira pedra se colocou dous meses antes das eleccións xerais de 2015. E a “Autovía Chantada-Monforte: 196 millóns” segue nunha prolongada fase de estudos previos malia que o tráfico da estrada convencional, daquela como hoxe, é escaso.

O Parador de Muxía aínda está en obras e o Porto Exterior carece de acceso ferroviario e de data para o traslado do tráfico de petroleiros desde os peiraos do centro da Coruña

Así, daquelas oito grandes actuacións, e á marxe do AVE á Meseta en construción, só están en obras o Parador de Turismo da Costa da Morte, en Muxía, para o que o Goberno prevía un investimento de 24 millóns e xa supera os 27 tras anos de traballos parados, e o Porto Exterior da Coruña. Paradoxalmente, desa actuación foi da que menos se concretou naquela nota de prensa do 24 de xaneiro de 2003. “Realización da análise da viabilidade do proxecto de porto exterior na Coruña”, limitábase a dicir aquel comunicado, sen indicar cifras dun proxecto que hoxe ten rematados os seus peiraos cun custo que se disparou ata superar os 700 millóns de euros pero que está aínda infrautilizado e carece de acceso ferroviario. Ademais, o obxectivo daquel porto era afastar dos peiraos do centro da cidade o tráfico de petroleiros para a refinaría da Coruña, que xa motivara en 1992 o afundimento do Mar Exeo. 15 anos despois, Porto Exterior xa hai pero segue sen data ese traslado dos petroleiros.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.