A petición da UE desde hai 8 anos dunha investigación independente de Angrois seguirá a esperar: os técnicos néganse

Resposta da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) a vítimas de Angrois rexeitando unha investigación técnica conforme coa normativa europea CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión de Investigación de Accidentes do Ministerio de Transportes foi obrigada pola xustiza a responder unha petición das vítimas para que faga unha nova análise do sinistro, pero a súa contestación volve ser negativa

España aínda non fixo unha investigación técnica independente do accidente de Angrois de 2013 conforme ao esixido pola normativa europea. Así o vén reiterando desde hai anos a UE, que censura que a análise oficial do accidente rematada en 2014 pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento nin foi independente nin avaliou todas as posibles causas máis alá do despiste que sufriu o maquinista. 

A pasada semana Praza.gal desvelou nova documentación que proba como o Goberno de Rajoy mobilizou dous ministros e chegou ata o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, en defensa daquela investigación oficial do sinistro, que a UE rematou invalidando. E agora a Plataforma de Vítimas comunica que a CIAF vén de rexeitar novamente realizar unha análise do accidente conforme á normativa europea.

Conclusións da comisión de investigación de Fomento sobre o accidente de Angrois e críticas que lle fixo a Axencia Ferroviaria Europea en 2016 CC-BY-SA Praza Pública

No xuízo penal polo accidente de Angrois, rematado o pasado xullo e aínda pendente de sentenza, foron xulgados tanto o maquinista do tren Alvia como un ex-alto cargo de Adif, ao que se atribúe non habilitar as medidas de seguridade necesarias. Porén, a investigación realizada hai unha década pola CIAF sinalara só a responsabilidade do maquinista. Esa investigación foi invalidada en 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea tanto por non analizar todas as posibles causas do accidente máis alá do despiste que tivo o maquinista como pola falta de independencia da CIAF cando a realizou. 

Tras desmontar aquela investigación, a Comisión Europea leva anos pedindo e constatando -así o fixo aínda o pasado xullo- que España aínda non realizou unha análise técnica independente do accidente de acordo coa normativa europea. Pero os sucesivos gobernos tanto de PP como de PSOE argumentan que agora a CIAF xa si é independente e polo tanto non lle poden dar ordes. E a propia CIAF négase a realizar esa nova investigación porque mantén, en contra do que di a UE, que a feita en 2013 foi correcta.

Ante este bloqueo e o silencio da CIAF ánte as súas peticións, a plataforma de vítimas recorreu á vía contencioso-administrativa para que a xustiza obrigase á comisión de investigación a facer a nova análise. O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid primeiro e o Tribunal Supremo despois estableceron que a CIAF debía dar unha resposta expresa á Plataforma de Vítimas, pero non prexulgaron cal debía ser o resultado desa contestación. Así o estableceron en sentenzas que avalaron a independencia actual da CIAF, pero sen analizar se esta era independente cando emitiu en 2014 o seu informe sobre Angrois nin se o contido deste se adecuaba aos requisitos da UE.

Resposta da CIAF á Plataforma de Vítimas de Angrois rexeitando unha investigación técnica do accidente conforme coa normativa europea CC-BY-SA Praza Pública

A CIAF rexeita outra investigación "ao non aparecer novas probas", malia que o que lle censurou a Axencia Ferroviaria Europea foi que coas probas que xa había debía analizar outras causas do accidente máis alá do despiste do maquinista

Tras estas sentenzas xudiciais que a obrigaban a responder expresamente ás vítimas, a CIAF vén de enviarlles un escrito no que contesta máis de tres anos despois á petición que lle formularon en decembro de 2020 pero para manter a súa postura. As súas investigacións, salienta a CIAF, buscan recomendacións para mellorar a seguridade no futuro, non atopar culpables, polo que, di, "ao non aparecer novas probas ou aspectos non identificados, dos que se puideran extraer novas ensinanzas e novas recomendacións para a mellora da seguridade do sistema ferroviario, a realización dunha nova investigación sobre un suceso xa investigado carece de fundamento". Non di a CIAF que o que considerou a Axencia Ferroviaria Europea foi que co que xa se sabía daquela debían analizarse, como establece a normativa europea, outras cuestións máis alá do erro humano do maquinista.

Pola contra, a CIAF reduce a "unha opinión" o informe de 2016 da Axencia Ferroviaria Europea e nada di de que diversos altos cargos da Comisión Europea, como as dúas últimas comisarias de Transporte, Violeta Bulc e Adina Vălean, ademais do propio director da axencia ferroviaria ou o director de Transporte Terrestre, veñan dicindo que España aínda ten pendente de facer unha investigación adecuada.

A CIAF mesmo salienta que a Axencia Ferroviaria Europea "tampouco pode impoñerlle decisións" e que a posibilidade de volver a investigar Angrois "corresponde exclusivamente á CIAF" e a axencia europea non ten capacidade "para condicionar ou dirixir esa decisión".

A CIAF asegura que as nove recomendacións que formulou tras o accidente de Angrois "fóronse poñendo en práctica", pero as súas memorias anuais seguen sen dar por cumprida unha cuestión pola que foi precisamente xulgado un cargo de Adif

A CIAF tamén lembra na súa resolución que a súa investigación de Angrois estableceu nove recomendacións de seguridade para o futuro, e asegura que "fóronse poñendo en práctica ao longo dos anos transcorridos, de modo que a día de hoxe todas elas foron xa aplicadas e cumpridas". Non é iso o que veñen recollendo as memorias anuais da propia CIAF, que seguen sen considerar cumprida unha desas recomendacións, a de que se fagan análises de risco específicas nas liñas ferroviarias, precisamente a cuestión pola que foi xulgado o cargo de Adif. Segundo fontes consultadas por este diario, o cumprimento desa derradeira recomendación foi comunicado á CIAF pola Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria o pasado ano pero está pendente da súa publicación oficial na próxima memoria anual.

Recomendación de mellora da seguridade que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) aínda non dera por cumprida na súa última memoria anual publicada, correspondente a 2022 © CIAF
a

Ante esta resposta da CIAF, a Plataforma de Vítimas considera que esa comisión quedou "totalmente desacreditada por Europa" e lembra que o seu actual presidente, Ignacio Barron de Angoiti, traballou para Renfe máis de 20 anos e amosou no Congreso máis "pena" pola imaxe que o accidente supuxo para o ferrocarril español que polas vítimas.

Esta nova negativa da CIAF a analizar o accidente de Angrois conforme á normativa europea chega cando o Ministerio de Transportes vén de enviar novamente ao Congreso para a súa aprobación unha lei que creará un ente único de investigación de accidentes ferroviarios, marítimos e aéreos con máis independencia que os tres actuais. A tramitación do novo ente leva anos en marcha e a lei que o regulará xa fora enviada ao Congreso antes das eleccións xerais do pasado xullo, pero estas interromperon o seu debate e agora debe retomarse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.