"No mundo de Internet, se tes algo que te diferencia é máis doado que te atopen", dicía en 2014 Edita de Lorenzo, directora xeral da Asociación Puntogal, dous días antes da activación dos primeiros dominios. A realidade vén demostrando nos últimos anos que a lingua galega e as novas tecnoloxías non son incompatibles, senón que unha e outras benefícianse das súas sinerxías cando se combinan. O idioma, polo alcance universal das redes e a capacidade dos produtos dixitais de chegar ás novas xeracións, e as iniciativas innovadoras pola carga de proximidade e identidade que achega a lingua propia do país. O 17 de maio é, ademais do Día das Letras, o Día Mundial de Internet. Unha pura coincidencia pero que debe ser aproveitada.
No sector das novas tecnoloxías atopamos empresas como Dinahosting que, de forma paseniña pero constante, foron crecendo ata se converter en grande compañías con capacidade de competir de igual a igual con estruturas moito máis grandes. E empregando o galego con total normalidade e sen complexos. Afortunadamente non é unha excepción. Son moitas as iniciativas empresariais nacidas nos últimos anos que se moven no mercado global sen renunciar ao uso do galego, dende Cilenis a Appentra, exemplo das ducias de spin-off xurdidas das tres universidades galegas.
A lingua galega serve tamén para informar sobre novas tecnoloxías, innovación e ciencia, como demostran Código Cero, GCiencia, os desaparecidos Galiloxía e A Mac-eira -cuxo responsable entrevistamos na súa despedida- ou Mallando no Android, que ademais de manter a súa actividade informativa, abandeirou a campaña para acadar un Android en Galego. Precisamente o responsable de Mallando no Android, Iago Varela, destacaba hai apenas uns meses dende Mobile World Congress de Barcelona que "en Galicia temos canteira tecnolóxica, pero fai falla máis financiamento".
O galego é protagonista nas tecnoloxías libres, tanto nas iniciativas de software libre coma nas de hardware libre. Empresas como IGALIA levan 15 anos crecendo, empregando con naturalidade o galego e demostrando que o software libre é tamén unha grande oportunidade de negocio, como destacaban trala súa participación na gran cita tecnolóxica barcelonesa. Un software libre que na última década fortaleceuse ao abeiro de iniciativas como Mancomún, cuxos responsables destacan que "para incrementar a penetración do software libre hai que fomentar os procesos colaborativos". E en galego tamén se fai e se difunde a filosofía maker, que crece en feiras, a través de Escornabots e tractores open source.
E que dicir da actividade da Galipedia, que celebrou xa o seu 14º aniversario e mantén o seu crecemento, enriquecendo e completando os seus contidos grazas á actividade constante dos seus editores e editoras (hai poucas, pero hai) e grazas tamén aos eventos especiais (editatóns) que de cando en cando se organizan.
As novas tecnoloxías achegan solucións específicas para todos os ámbitos, tamén para as zonas rurais, como demostra o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que dende o 2010 traballa nunha liña de investigación educativa de análise das potencialidades da computación cloud e o software libre para mellorar a forma de traballar, colaborar, ensinar e aprender nas pequenas escolas rurais ou illadas. E tamén para os sectores produtivos, por exemplo para a venda de madeira ou para as explotacións gandeiras, unha aposta na que está a traballar con éxito a empresa afincada no Porriño Sinergia G6, cuxos responsables destacan que "o sector agrogandeiro demanda innovación tecnolóxica para maximizar marxes".
Lingua galega e novas tecnoloxías van da man en moitas iniciativas culturais, coma o crecente sector dos libros electrónicos, con cada vez máis peso en selos como Xerais ou Galaxia, editorial que leva anos "contando contos a través da rede". Unha das persoas que máis ten apostado polas sinerxías entre o mundo dixital e a cultura galega é Fran Alonso, que hai uns anos destacaba nesta entrevista que "hai que afrontar os cambios con protagonismo: cando ti protagonizas os cambios saes beneficiado, cando te deixas levar polos cambios, os cambios arrástrante". En conversa con Praza Manuel Díaz Regueiro, presidente de Igaciencia, destacaba neste senso que "é na ciencia e tecnoloxía onde se produce a maior introdución de ideas e nova terminoloxía. Cómpre incorporalas á cultura galega para que non se fosilice e medre". Un ocio dixital en galego que contou co impulso de iniciativas como LEGA (Lecer Galego), un portal para recompilar, crear e promover recursos lúdicos dixitais con licencias libres, iniciativa da plataforma de crowdsourcing GalegoLab.
En galego fanse ducias de apps para dispositivos móbiles e outras ferramentas dixitais. Unha das máis recentes é O Ximnasio dos Verbos, centrada ademais na aprendizaxe da lingua, pero hainas de todos os tipos: dende Waze, unha aplicación colaborativa de información en tempo real de tráfico, que xa conta cunha copiloto que fala galego (e que se chama Uxía); ou A liña do galego, unha app para axudar a vivir na lingua propia; un Trivial galego de ámbito comarcal; Bochoio, unha app para buscar emprego; e mesmo unha pandeireta para iPad e iPhone.
O pasado ano o Equipo de Dinamización Lingüística do IESP A Cachada (Boiro) lanzou a competición STARgal co obxectivo de "demostrar que as TIC e o galego poden e deben ir da man se queremos construír unha sociedade máis sólida e preparada". STARgal inclúe unha competición de elaboración de videoxogos didácticos coa ferramenta Scratch a cargo de rapazas e rapaces de instituto. Na rede pódense ver algúns exemplos dos videoxogos realizados na pasada edición, coma este Pasapalabra centrado na figura de Manuel María, un xogo de preguntas e respostas sobre o autor da Terra Cha. Ou A auga Ben-dita, no que o xogador ou xogadora debe moverse coas frechas esquerda-dereita para coller as gotas de auga que levan oracións ben formadas, e deixar que caian ao chan as gotas con oracións mal formadas.
Os centros de ensino de todo o país levan anos aproveitando as potencialidades sumadas das novas tecnoloxías e da lingua. Dende os colexios e institutos publícanse videopoemas, booktrailers, tutoriais e outro tipo de materiais audiovisuais, aproveitando o dominio que os mozos e mozas teñen destas tecnoloxías, gravando directamente cos seus móbiles e editándoos con facilidade. Ese mesmo instituto de Boiro foi o escenario no que se desenvolveu hai cinco anos a pioneira experiencia de Amores Prohibidos 2.0, unha obra de teatro en tempo real, impulsada por Chévere.
E son os mozos e mozas dos centros de secundaria os principais creadores e consumidores de canles de youtube. Para aproveitar o poder que estas canles comunicatuvas están adquirindo entre a mocidade, hai uns meses lanzouse Youtubeir@s, un concurso de vídeos na internet que impulsan os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e máis dos concellos da Coruña, Ames, Baña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove. "Incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes máis empregadas no mundo e incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos", era o camiño buscado por este certame.