Praza Pública

Unha ducia de novas para unha ducia de meses de 2016

O 2016 xa foi alá, pero antes de poñernos en serio con este 2017, imos lembrar 12 novas que marcaron o ano que rematou. Unha por mes. Dende a prórroga a ENCE ata a negativa do Goberno a transferir a AP-9, pasando polo pasamento de Agustín Fernández Paz ou as eleccións xerais e autonómicas. Podes consultar nesta ligazón, igualmente, o medio cento de informacións, reportaxes e entrevistas que máis lestes en Praza.

  1. 01

    Xaneiro: a polémica prórroga a ENCE

    O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que daquela estaba en funcións, decidiu outorgarlle a ENCE unha prórroga de 60 anos na concesión que lle permite ocupar os terreos de Lourizán, en Pontevedra. A prórroga, que comeza a contar en novembro de 2013, momento da solicitude, permite que a factoría se manteña na súa actual localización ata o ano 2073. A decisión, cargada de polémica, provocou un rexeitamento case unánime e decisións como a declaración de "persoa non grata" a Rajoy na cidade do Lérez.

  2. 02

    Febreiro: o escándalo dos abortos terapéuticos sen asistencia médica

    Saltou o escándalo. Unha denuncia da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto relataba como varias mulleres foran sometidas a abortos terapéuticos na área sanitaria da Coruña sen a asistencia médica requirida, sen presenza dunha matrona ou mesmo expulsando o feto nun baño. Descubriuse logo como a maioría das persoas que requirían unha interrupción do embarazo pasadas as 14 semanas de xestación eran enviadas a unha clínica privada de Madrid. Unha delas denunciou á Xunta, que foi condenada e sancionada cunha elevada cantidade por pór en risco a vida da afectada. Terribles consecuencias dun caso que está en mans da Fiscalía

  3. 03

    Marzo: De Lara imputa a Besteiro

    A mediados do mes de marzo, De Lara imputaba a Besteiro e outras seis persoas na operación PulpoO que daquela era líder do PSdeG confirmaba ás poucas hora que non sería candidato á Xunta, tal e como estaba previsto, aínda que asegura que seguiría como secretario xeral dos socialistas galegos. Aclaraba que abandonaba a carreira electoral "por responsabilidade e por coherencia" pero advertía que "se frea" a súa candidatura "pero non o cambio en Galicia". O que ocorrería despois xa é outro conto. 

     

  4. 04

    Abril: a Fiscalía acusa a Xunta de homicidio por atrasar fármacos da hepatite C

    No mes de abril sóubose que a Fiscalía acusaba a Xunta de homicidio por atrasar fármacos da hepatite C por "razóns orzamentarias". A nova, adiantada por eldiario.es, supuxo un novo golpe á Administración galega na súa xestión sanitaria, máis aínda no caso destes doentes e familiares, que levaban meses protestando polas eivas no seu tratamento. Hai tan só unhas semanas, a Audiencia Provincial da Coruña ampliaba a imputación de unicamente por prevaricación á de presunto homicidio contra os dous altos cargos do Sergas, asumindo así a petición do Ministerio Fiscal.  

  5. 06

    Xuño: o PP frea o seu devalo na 'repetición' das xerais

    O PPdeG freaba nas eleccións xerais do 26 de xuño o seu devalo na segunda oportunidade. A reedición dos comicios serviulles aos conservadores galegos para frear o voto fugado cara a Ciudadanos e acadar o obxectivo do que ficaran lonxe en decembro: a maioría absoluta dos escanos en xogo por Galicia, isto é, 12 dos 23. Os populares gañaron un escano pola banda laranxa e outra pola de En Marea, que perdía folgos tras un ano de ascenso e cedía o representante que lograra hai seis meses na provincia de Ourense, ficando con 5.

  6. 08

    Agosto: Acordo 'in extremis' en En Marea

    Xullo e agosto foron meses de incerteza para a En Marea. O 5 de xullo os alcaldes da Coruña, Compostela e Ferrol persentaron un manifesto chamando á celebración dunha asemblea que lanzase a candidatura. E o 30 de xullo as mareas constituíron un partido instrumental para presentarse ás autonómicas. Porén, tras varios días de tirapuxas, non foi ata o 13 de agosto que Podemos aceptou participar nas primarias conxuntas, renunciando á súa marca electoral

  7. 10

    Outubro: Os incendios fixeron do 2016 un dos peores anos para o monte dende o 2006

    A primeira quincena de setembro foi o momento do ano con máis incendios, queimando só na provincia de Ourense ao redor de 7 mil hectáreas en dúas semanas. Outubro foi momento de facer balance e, aínda que as cifras completas non se coñecerán ata dentro duns meses, houbo que concluír que o 2016 foi un dos peores ano para o monte na última década. Cifras que alimentaron as críticas sobre a organización do servizo de loita contra o lume.

  8. 11

    Novembro: Avances nas áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, obstaculizados polo PP

    Os últimos meses do ano deixáronnos avances na constitución das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña. No caso vigués a área constituíuse oficialmente o 1 de decembro, malia o abandono da sesión dos representantes do PP. Nos últimos días do ano a Xunta consumou o boicot popular, rexeitando rexistrar o ente. Na Coruña o proceso botou a andar o 20 de outubro, coa sinatura da Declaración de María Pita por parte da maior parte dos concellos, mais coa ausencia dos tres gobernados polo PP. O proxecto segue avanzando, mais coa dúbida de se o Goberno galego se posicionará tamén neste caso en contra da iniciativa.