“Hai unha viñeta de Castelao que di: Ti estás cos de antes ou cos de agora? Eu estou cos de despois. Esa é básicamente a filosofía dos que facemos o Festiletras”.
Case unha bacanal de letras é o que levan armando os últimos trinta anos -“e un día”- en Ponteceso para celebrar o 17 de maio. O Festiletras, a programación de actividades lúdicas e culturais -unha sorte de festas parroquias da lingua-, que celebran todos os veciños da terra de Eduardo Pondal, supera nesta edición tres décadas de “carreira de obstáculos” para os falantes.
Case unha bacanal de letras é o que levan armando os últimos trinta anos -“e un día”- en Ponteceso para celebrar o 17 de maio
Os promotores son os membros da Asociación Cultural Monte Branco, da parroquia do Couto, a mesma xente que está detrás da Fundación Pondal, aínda que oficialmente figure o Concello. Tamén participan a Asociación Inllar, Asociación A Oliveira de Monte Branco e Colectivo Con V de Valarés, e contan con colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Un proxecto colectivo
“Festiletras é un esforzo colectivo de compromiso co país”, explica o coordenador, José María Varela, en conversa con este diario: “Aquí non só participamos persoas do mundo do ensino, hai compañeiros que son labregos, mecánicos, limpiadoras…, que adican o seu tempo libre a cantar no noso coro, a participar na organización, a manternos vivos. Houbo un momento na historia deste país en que aos políticos en xeral se lles enchia a boca falando do rural, pero non fixeron nada e vemos que está a morrer e con el boa parte da nosa cultura”.
“Festiletras é un esforzo colectivo de compromiso co país”
“Coa axuda do sol”, inaugurouse onte esta semana de celebracións cun recital de versos de Pondal e de Paz Andrade, feito por nenos de seis escolas de Bergantiños - o Colexio Rural Agrupado (CRA) Novo Mencer (Coristanco), o CRA Os Remuíños (Cabana de Bergantiños), o Centro Público Integrado As Revoltas, o CRA Nosa Señora do Faro, e os CEIP de Laxe, Eduardo Pondal e As Forcadas (Corme)-. En opinión de Varela, “os profes de educación infantil deste país, que son a maioría profas, fan un labor impresionante inculcándolles a nosa cultura aos nenos; merecen unha homenaxe de todos os galegos. Onte os nenos recitaban de memoria un poema de Pondal, que ten moitas dificultades, e cantaban expontaneamente os temas populares que interpretaba o home orquesta -Cé Pantasma-”.
O domigo, día grande
Este xoves entregáronselle a Xosé Pumar Gándara, Uxía Blanco e o Mago Antón os premios Queixumes, os galardóns Bos e Xenerosos da Fundación Eduardo Pondal. Pola tarde transcorre unha master class de Kepa Junkera –“que xa namorou do lugar”-, un formato que pensan ampliar en edicións futuras “polo seu bo funcionamento”. Péchase o día coas ‘contadas’ de Quico Cadaval e Celso Fernández.
Coa presenza do escritor Xosé Neira Vilas, o venres inaugúrase na Casa dos Veciños a exposición Querido Balbino. E de noite soará La Troba Kung Fu, despois de que pola tarde impartan un obradoiro de rumba catalana.
O domingo “chegamos ao día grande”, segundo o coordenador. “Convertiuse cos anos nun clásico noso, porque cando comezamos o Día das Letras non era festivo, así que a maior festa deixabámola para o domingo seguinte”
O sábado será xornada de convivencia entre a Fundación Eduardo Pondal e a López Abente, e arrincará unha exposición de torneiros na sede da primeira. Será tamén o día de Valentín Paz Andrade, cun café na lareira da fundación, coordinado por Luis Giadás e presentado por Jorge Mira.
O domingo “chegamos ao día grande”, segundo o coordenador. “Convertiuse cos anos nun clásico noso, porque cando comezamos o Día das Letras non era festivo, así que a maior festa deixabámola para o domingo seguinte”, explica. Pola mañá inaugurarase a XXX Feira de Artesanía, haberá actuacións de música e danza de Monte Branco e Inllar, e rematará coas Cantareiras de Ardebullo. “Convido a todo o mundo a participar. A xente neste país ten ganas de cultura. E ten ganas de rir, porque a risa cambia o mundo. Hai xente con moita cabeciña neste país, se nos deixásemos de liortas e volvésemos a ser nós mesmos, outro galo nos cantaría. E eu pensó que si, que outro galo nos cantará. En Ponteceso seguiremos traballando para iso”.