Chus Pato e Fina Casalderrey, candidatas a entrar na Real Academia Galega

Fina Casalderrey e Chus Pato Dominio Público Praza Pública

Chus Pato e Fina Casalderrey. Elas son as candidatas a entrar na Real Academia Galega (RAG) para ocupar a vacante de Xaime Isla Couto, segundo fontes da institución confirmaron a Praza. O pasado sábado celebrouse un plenario no que se pecharon as candidaturas e as dúas únicas propostas son as das citadas escritoras. Deste xeito, con toda probabilidade sentará unha muller máis no plenario da Rúa Tabernas. Os académicos terán que elixir en votación a unha delas para convertela en numeraria da institución que preside Xosé Luís Méndez Ferrín.

O plenario da RAG composto por 30 cadeiras, aumentará a presenza feminina e chegará ao mesmo nivel de cinco mulleres co que se contaba en 2010

Desta maneira, o plenario da RAG composto por 30 cadeiras, aumentará a presenza feminina e chegará ao mesmo nivel de cinco mulleres co que se contaba en 2010, cando na institución estaban  Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Xohana Torres, Luz Pozo Garza e Olga Gallego. O falecemento da arquivista en setembro de 2010 reduciu esa presenza e reduciu o número a só catro académicas, unha cifra que non aumentou no proceso de renovación que afrontou a entidade encabeza por Ferrín ao longo de 2011 á hora de cubrir as vacantes que se foron sucedendo de Francisco Fernández del Riego e do xeógrafo Río Barja. Agora, coa próxima votación unha delas, Fina Casalderrey ou Chus Pato, entrarán con toda probabilidade na Real Academia Galega, se así o deciden os membros da institución.

Chus Pato (Ourense, 1955) é profesora de ensino secundario e poeta. A súa obra poética, con fortes reivindicacións ideolóxicas como a conciencia de xénero e a visión marxista da realidade, inclúe poemarios como Urania, Heloísa, A ponte das poldras ou Secesión. Os seus primeiros poemas apareceron na revista Escrita e, dende aquela, en múltiples publicacións como Luzes de Galiza, Dorna ou a Trabe de Ouro. Varias das súas obras están traducidas ao inglés pola poeta e investigadora Erin Moure, quen tamén vén de traducir ao inglés integramente Cantares Gallegos de Rosalía.

Pola súa banda, Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951) destaca como unha das grandes referencias no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil. Tamén profesora de ensino secundario, Casalderrey deuse a coñecer como escritora en 1991, ano no que publicou a súa novela xuvenil Mutacións xenéticas. Cinco anos despois acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa obra O misterios dos fillos da Lúa. A maior parte dos seus libros están traducidos a todas as linguas do estado e tamén ao portugués.

 

O xogo das cadeiras

A incorporación dunha destas candidatas ao plenario chegará un ano despois da polémica renovación que viviu ao longo de 2011 a Real Academia Galega e na que a reivindicación de maior presenza de mulleres foi unha constante

A incorporación dunha destas candidatas ao plenario chegará un ano despois da polémica renovación que viviu ao longo de 2011 a Real Academia Galega e na que a reivindicación de maior presenza de mulleres foi unha constante. En setembro de 2010 declarábase a vacante de Olga Gallego e pouco despois, dende a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo, creouse unha campaña para apoiar a candidatura de María Xosé Queizán. Unha serie de apoios e sinaturas foron entregadas a Méndez Ferrín. Non obstante, a vacante de Gallego non foi para Queizán. O posto foi ocupado polo filólogo e catedrático da Universidade de Santiago Xosé Luís Regueira.

Como reacción, xurdía O xogo das cadeiras, un manifesto asinado por centos de representantes da cultura que esixían unha maior presenza da muller con vistas as outras vacantes que quedaban por cubrir. A primeira delas era a de Fernández del Riego. A súa cadeira, finalmente, foi ocupado por Xosé Fernández Ferreiro, escritor e membro do Grupo Brais Pinto. A súa candidatura superara así a outra candidatura, a de Marilar Aleixandre. A entrada dunha nova muller tería que esperar. E na terceira vacante, tampouco entrou ningunha muller. Foi Pegerto Saavedra, catedrático de Historia da Universidade de Santiago, o elixido para suceder a Río Barja.

Tanto Saavedra como Ferreiro aínda non entraron oficialmente na institución, xa que non se celebraron polo momento o seus plenarios de ingreso

Dese xeito, remataba o proceso de renovación de 2011, no que se cubriron tres prazas e a presenza feminina baixou de cinco académicas a catro. Reforzouse a rama filolóxica coa incorporación xa efectiva de Regueira e Monteagudo (quen fora elixido para substituír a Gil Merino xa en primavera de 2010), forneceuse a parte de humanidades coa entrada de Pegerto Saavedra e aumentou a relevancia do Grupo Brais Pinto na RAG coa chegada de Fernández Ferreiro. Tanto Saavedra como Ferreiro aínda non entraron oficialmente na institución, xa que non se celebraron polo momento os seus plenarios de ingreso.

Fachada da Real Academia Galega © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.