“Non son imparcial á hora de falar de David Rubín. Dende o primeiro debuxo que vin del, atraeume o seu xeito tan persoal e desbordante de forza que tiña. Envéxoo dende aquela”. Con estas palabras, o ilustrador Paco Roca describía a Rubín (Ourense, 1977) no prólogo que lle regalou para abrir a primeira parte de El héroe (Astiberri, 2011). Nestes días, Rubín anda a ultimar a que será a segunda entrega da súa particular revisión do mito de Heracles e o propio autor adianta para Praza.com que El Héroe. Libro dos chegará as librarías a finais de novembro. Aproveitamos a ocasión para falar co debuxante sobre a súa obra, a crise e a banda deseñada galega.
O segundo tomo sairá a finais de novembro. Como está a ser o proceso de creación nesta segunda parte?
En realidade, co primeiro libro escribín a historia enteira. O guión estaba pensando para un só volume, pero fóiseme de páxinas. Pensaba que andaría por 300 páxinas e ao final case chegamos ás 600. Era demasiado para un único tomo, polo que se decidiu dividilo en dúas entregas. De todos xeitos, o segundo foi máis sinxelo de rematar porque xa sabía por onde me movía. O guión estaba feito e xa tiña 300 páxinas ás costas. Desa forma, tes máis controladas as personaxes e contas cunha idea ben clara de como queres narrar a historia. Síntome seguro, non é como cando comezas cunha obra. Nos inicios sempre dubidas máis e dáslle moitas voltas ás cousas. Neste caso, co segundo libro, fun coma un foguete. Pese a que os dous libros conforman unha única obra, nesta segunda entrega quixen ir un pouco máis alá. Cando comezo cunha obra nova sempre quero superar o nivel da anterior, experimentar, ir por outros camiños. Por iso non me quixen quedar no mesmo punto que no primeiro, busquei ir máis alá. Creo que neste tomo o debuxo está mellor logrado e a narrativa tamén. Tratei de non me repetir en estruturas narrativas nin en técnicas de debuxo, quería achegar cousas novas.
Resulta difícil non repetirse nunha mesma obra de 600 páxinas?
Si, pero conséguese. O único que tes que facer é darlle máis voltas aos miolos e traballar un chisco máis. Cando fas un guión completo e comezas a debuxar despois, decátaste que en tal capítulo estás a repetir unha estrutura que xa empregaches no cuarto. Pois dáslle unha volta e fas cambios e así non te repites.
De onde vén o seu interese polo mito de Heracles?
Por un lado, sempre me gustou a mitoloxía. Polo outro, encántame o mundo dos superheroes. E afondando nestes asuntos, acabas por decatarte de que, por exemplo, a historia de Superman está moi pillada de Heracles. Non deixa de ser unha versión moderna dese mito.
"Eses superheroes de agora quedaron estancados. Racharon esquemas no seu momento e agora levan 70 anos ancorados no mesmo"
O dos superheroes xa estaba inventado moito antes do cómic americano...
Claro, para min os mitos gregos son os primeiros superheroes da historia. Os actuais obedecen a un modelo norteamericano creado nos anos trinta e corenta do século pasado. Mais ese modelo non deixa de ser unha reformulación moderna deses mitos antigos. E que pasa? Pois mira, eses superheroes de agora quedaron estancados. Racharon esquemas no seu momento e agora levan 70 anos ancorados no mesmo. Nos setenta chegaron Frank Miller e Jack Kirby e e hai un xiro. Quedou niso e as editoriais como Marvel acabaron obsesionadas con manter a pureza dunhas personaxes que nunca evolucionan... E resulta moi aburrido. A min, persoalmente, paréceme un crime facer unha historia con catro superheroes repartindo hostias e que o resultado sexa tan aburrido. Partindo dese aburrimento, quixen facer a miña visión e meterlle os ingredientes que me gustarían ver nunha historia de superheroes, sen censuras nin autocensuras. De aí xurdiu a idea de recuperar a Heracles e facerlle, en certo xeito, unha homenaxe ao autor máis importante da historia Jack Kirby. Iso si, buscaba o seu substrato, homenaxear a emoción que lle daba as súas historias... Só iso, non quería recuperar nin repetir o aspecto formal do seu traballo. Eu quería facer un tebeo do século XXI. Quería un tebeo de pasado mañá, non de onte.
"Ves como os medios tratan as cousas segundo os seus intereses. Por exemplo, o 15M. Hai quen ve ese movemento como unha revolución de auténticos heroes. Outros, en cambio e segundo o medio que sexa, presentan aquilo como un fato de vagos"
Neses ingredientes que lle meteu á historia obsérvanse elementos do manga e unha mestura do mito antigo con elementos contemporáneos da cultura e da comunicación de masas. Hai tamén unha crítica ao sistema de comunicación, de como os medios son capaces de crear heroes de deseño onde non hai nada...
Xustamente. Este heroe só quere ser heroe, pero non lle deixan. Móstrano doutra maneira. Ao final se desvirtualiza todo o seu ser e as súas accións. Iso é o que está a pasar no mundo de hoxe. Ves como os medios tratan as cousas segundo os seus intereses. Por exemplo, o 15M. Hai quen ve ese movemento como unha revolución de auténticos heroes. Outros, en cambio e segundo o medio que sexa, presentan aquilo como un fato de vagos, de tíos que lles dá todo igual e que son uns vándalos. Esa desvirtualización xeral quería reflectila no cómic, aínda que esteamos a falar de deuses gregos e superheroes. Un ten que reflectir na súa obra o tempo e o mundo no que vive. De feito, no tomo dous hai bastante máis contido político.
En que aspecto?
Eu saquei o tomo uns quince días antes de que comezase o 15M. Todo o que pasou despois impresionoume moito. Decateime de moitas cousas e tomei a vida doutro xeito. O guión dunha obra é algo vivo que evoluciona e que vai mudando. Como a miña contorna e a miña vida cambiaran e xa non eran o mesmo, pois iso tiña que quedar plasmado no tomo dous de El héroe. Ese contido político non é algo concreto, é un elemento que impregna a historia e que vai influíndo en Heracles, que no primeiro tomo é un rapaz que lle dá todo igual e que despois se converte nun mito adolescente. Flipa consigo mesmo! Ao final do Tomo 1, dáse conta de que por ese camiño non vai a ningures e que ademais é un monifate. Conciénciase de que debe tomar cartas no asunto e gobernar a súa propia vida. Con ese proceso de madurez atopo un xeito de falar sobre como vexo eu esta sociedade. Falo de como creo que debería evolucionar esta sociedade, nuns tempos nos que hai demasiados titiriteiros na sombra. Uns tempos nos que espertamos dunha ilusión. Esa ilusión era de falsa liberdade e de falsa democracia. Iso era unha gran mentira. O cómic busca polo tanto que a xente se divirta, como non, pero tamén busca que se tome conciencia de como vivimos.
"Uns tempos nos que espertamos dunha ilusión. Esa ilusión era de falsa liberdade e de falsa democracia. Iso era unha gran mentira"
Vivimos nunha ilusión como a de Heracles?
Non era unha ilusión, era unha mentira ben planificada. Non é unha cousa etérea que aparecese da nada. Non estamos na caverna de Platón. A maioría de nós non ve a realidade. [Pausa] Si, é coma se estivésemos na caverna sabendo que hai unha porta e que, detrás dela, están as cousas de verdade. Non é que descoñezamos o que hai, é que temos uns tipos suxeitándonos o cogote e facéndonos mirar a parede na que se proxectan as sombras. A verdade, hai que espertar. Ímonos decatando de que a sociedade viviu nunha puta mentira. Até agora vivíamos felices nesa mentira, agora nin iso! Xa lle vimos as orellas ao lobo... Pero é tarde. Xa nos está a roer as pernas e non nos dá tempo a fuxir. E que fas cando non tes tempo para escapar dun lobo? Pois o único que podes facer é enfrontarte a el, loitar.
Pregunta clásica para os debuxantes: A ilustración estivo sempre en crise?
Si, claro. Iso é verdade. Para moita xente, a banda deseñada sempre foi a irmá parva da arte. Nunca se tiña en conta. Moito antes de que se descubrise esa crise, xa estabamos afeitos a recibir paus e a gañar pouca pasta. Tamén é certo que notamos que as cousas van a peor, que hai menos encargos, que hai que negociar máis a pasta... É unha putada, pero dentro do que cabe... Pois mira, o sector vai tirando. Eu chego a fin de mes. Non ando con luxos, pero tampouco tiven unha vida de luxos, nin sequera cando estaba no cine, que gañaba bastantes cartos. A min dáme para vivir tranquilamente.
"Os dereitos das miñas obras están libres para o galego. Só precisa que un editor decida mercalos e producilos en Galicia. E non teño ofertas"
Pódese vivir disto en Galicia?
En Galicia e dende Galicia, si. Para Galicia? Non, imposible. Hai moita xente aquí que vive disto, o truco está en ir publicando as obras en varios países. Publicas en España e despois noutros sitios. E intentas publicar en galego, que non é fácil. Por desgraza, os dereitos das miñas obras están libres para o galego. Só precisa que un editor decida mercalos e producilos en Galicia. E non teño ofertas.
Parece que fai vostede un chamamento.
Si, porque estou farto. Cada vez que promociono un libro, sempre cae a pregunta: Por que non publicas en Galicia? Como se fose culpa miña! Como non vou querer! Eu simplemente son autor, non editor. A min páganme por facer unha historia, non pago por publicar historias. A min gustaríame poder lanzar unha historia que Astiberri publicase en España e unha coedición en galego dunha editora galega. Pero nada... Mira, para a editorial Astiberri, é mellor así porque seguirá vendendo máis. Falouse con Astiberri de publicar unha minitirada en galego e dixéronme que non. E non porque non quixesen. Basicamente foi porque con algún libro xa o fixeron. Sacaban unha edición en castelán, outra en galego, outra en vasco e outra en catalán. Vendíanse moi ben en todas as linguas agás o galego. Que pasou en Galicia? Venderon máis exemplares en castelán que en galego. Iso non pasou en Cataluña nin en Euskadi.
"Non axuda que algúns se dediquen a disparar os compañeiros, como Gemma Sesar ou El Patito Editorial"
Estou a lembrar unha frase que me dixera Gemma Sesar, de El Patito Editorial, sobre a banda deseñada en Galicia: “Non hai industria, seguimos a ser catro francotiradores”. Iso débese á falta de apoio, erros editoriais ou é que non hai mercado?
O mercado de banda deseñada en Galicia medra, é mellor ca nunca... Pero segue a ser moi baixo. É simple estatística. Galicia é un lugar no que non se le moito. Nesa lectura, a literatura galega significa unha minoría. E dentro desa minoría, hai unha minoría aínda máis pequena que le cómic. Ese é o problema. Si, no cómic galego somos uns poucos francotiradores. Ademais, non axuda que algúns se dediquen a disparar os compañeiros, como Gemma Sesar ou El Patito Editorial. Eu, de feito, a única editorial coa que nunca publicaría sería con El Patito. Nunca publicaría cun selo que maltrata os autores e as súas obras.
Así, directamente...
Pois si
Como disparan?
Imos deixalo aí... Tampouco hai que afondar no tema. Teño discutido en público con eles e esa é a miña opinión ao respecto. Afondar nos porqués sería botarlle amarillismo a esta entrevista. Non serve para nada... Pero, vaia, non é algo illado, que pense eu só. Pensámolo moitos autores. Os que publican en El Patito como Emma Rïos ou Álex Cal non son donos da súa propia obra. Eles non deciden con que editorial publican. Os dereitos véndense a determinada editorial e os autores non ven un peso. En El Patito non contribúen a que o autor galego gañe diñeiro co seu traballo. Ademais, fan moitos feos e vese que son xente mala. Non me interesan.