Tertúlia revisitada (VIII)

CC-BY-SA Praza Pública

[COPIÓN_‘TERTÚLIA REVISITADA’ _P/ FERMÍN_ENTREGA 3]

Xoves, día inexcusable de tertúlia no Barlovento. Sei que é xoves, quinta feira, desde a primeira hora da mañá; desde que cheguei ao traballo. O Sieiro marca os días pasados nun calendario de parede, cun enorme 1978 a presidir cadriños de meses, semanas e días. Esta mañá ergueuse para riscar o mércores, onte, e as nosas miradas cruzáronse. Mais eu virei a miña cara aos documentos de enriba da mesa porque teño cousas que ocultarlle.
Onte o Escuredo dera orde á Nucha de dicir que non vai estar ata o luns próximo, “para ninguén”. A rapaza asumiu sen protesta a orde e o Sieiro quere que eu lle conte o que pasa. Pero no meu soldo vai o silencio, que esgrimo como discreción de directivo.
O Escuredo escapa porque os clientes non deixan de reclamar os pedidos que nos fixeron, e que non lles damos servido por falta de diñeiro para pagarmos aos fornecedores. Somos a engrenaxe enferruxada dun sistema de producir á toa, rolando, rolando, rolando... Eu formo parte dela e, no entando, en mil lugares, hai mil acontecementos lineais que darían pé para novelas auténticas. Darwin dixo “Quen é capaz de perder unha hora non sabe o que vale unha vida”, e eu debería mandar este choio á merda e coller outro que me permitise ver mundo, tomar notas, relatar...
Ao xantar Ana estaba calada de máis, comía con noxo, apartando todo o que non fose febra limpa dun triste polo de granxa. Mireina ben e tiña os ollos melosos máis grandes do natural, agrandados sobre o azul das olleiras. Miraba o prato fixamente, espurgaba a comida, non quixo nada de sobremesa e desapareceu.
Funa atopar enrolada na cama tapando a cara coas mans e pregunteille que lle pasaba, con medo de que a incerteza en que aguantamos ata as fins de mes fose a causa do choro. Mais era outra. Saloucando contoume que á noite tivera un pesadelo: soñara que ía morrer nun día determinado, fixo, e choraba porque a partir dese día non nos ía ver máis aos nenos e a min.
Deiteime ao seu lado, virouse para min e biqueille o cabelo terso e castaño, aperteina contra o peito e parou o choro e ía adormecendo mentres eu oía os nenos xogaren, idiotas, ao tren; e fun pensando que a vida é así, que un se encariña co que vive e debe ser unha cabronada inicua verse indo por culpa dunha leucemia.
Porque se me antollou que a Ana presentise a leucemia, mal da nosas idades. Ramona díaxome “Sempre se morre de algo. A morte, Xoán, nunca lle leva a culpa”. Canto sabe o pobo...
Volvín ao traballo coa calor da Ana aínda pegada, húmida, ao corpo; pasei pola parte da nosa rúa onde estivera o pelouro, tentei lembralo e non podía. A forma da rocha inútil esborráraseme do maxín.
Marchaba tarde da casa e cheguei á oficina coas dixestións avanzadas, cando a xente xa se move a por un café da maquiniña. O Escuredo non estaba e metinme a traballar concentrado para que o Sieiro non tivese ocasión de virme acima coa cancionciña da nosa fin industrial.
Movín máis papeis dos que cumpría e, ao rematar co choio, doíame a cerviz. Necesitaba pasear para distender os músculos das costas, así que deixei o coche lonxe do Barlovento e fun camiñando ata alá, repasando destrucións pola cidade: como acabaran coas galerías de vidro e madeira, e cos marco de granito nobre, que a tradición ensinara a conxuntar.
Todo é desastre e rotura, e hoxe o ceo estaba branco e apagado á hora de entardecer.
Deambulando sen querer ollar o chan para non ver tamén estragos e desleixo nas beirarrúas, negueime con canta vontade teño a que o soño da Ana sexa premonitorio.
Ana non. Outra xente pode morrer de leucemia na flor da vida, pero a miña muller, non.
Parei de sócato: ¡non!
Volvín en min decatándome de que a xente me miraba; e retomei o paso coa ollada no letreiro do BARLOVENTO BAR a sobresaír dunha das casas que aínda conservan a decencia oitocentista con que foran deseñadas.
Ía alá para evitar que os contertulios puidesen pensar que xa me cría con dereito a desprezalos pola miseria do terceiro premio do ateneo; e tamén me achegaba para comprobar quen asistía; e quen andaba  faltando, ou sexa: escribindo, formigando, apostando duro ao concurso dos cincuenta mil pesos.
Virei o pecho de bronce, empurrei a porta de madeira, sólida, o vidro groso gravado co nome do establecemento e logo me introducían na tertulia o cheiro morno a café con leite, o funguido do scaldatazze e a crónica debilidade dos globos de luz entre as columnas de ferro.
Arredor da mesa de sempre distinguíanse as costas brandas do Cameselle e a melena do Valcarce, a hipérbole pilosa na cara do Souto a un lado e, fronte a el, a Xulia atendendo á parola dun ser a xeito de feto medrado de máis, a testa oblicua, os ollos apavoradamente grandes, verdes, saídos das concas, e boca nun perpetuo xesto de noxo a mostrar dentes illados nas enxivas.
A cabeza do ser estraño a penas sobresaía da mesa, e debín lanzar tal ollada cara a ela que parou de falar. Bruscamente, romperon en felicitacións dos tertulianos polo premio do ateneo (sen que ningún mencionase “terceiro”) e eu agradecínllelas en canto tiraba unha cadeira da mesa inmediata, onde catro vellas falaban da valentía de Fraga, dono da rúa. Como abafado polo esaxero das felicitacións, torcía eu a cara... pero ao relance ía escudrumando as dos compañeiros á procura de acenos de falsidade.
Que non detectei, para a miña marabilla.
Sentei, crucei a perna, recosteime de forma que a espiña non me incomodase. A criatura fetal ficaba a ollarme. A Xulia fixo a presentación:
–Bieito Cordal, presidente da asociación local de minusválidos.
O Bieito (¡tiña nome!) adiantou unha manciña engurrada, de meniño, que lle estreitei a modo, saboreando a experiencia; e con voz de palleta ensalivada díxome:
–Moitísimo gusto. Non todos os días se encontra un co autor de ‘A revolta’.
–Encantado –e calei, esperando que os outros saísen por algunha parte.
O López Cameselle debeu ver a súa ocasión:
–Castro, pagarás algo polo do premio, ¿non?
–Adiantáchesteme. O que queirades –mais xulgaba que alí, paredes cor crema, columnas verde-negras, mostrador de castiñeiro e mármore..., alí non se podía tomar máis que café.
Con todo, o empregado da banca quería espremer a súa sorte:
–Eu un cubalibre.
–Eu tamén –o Abel Souto sorriume encollendo os ombros, decidido a seguir o xogo.
–Eu o mesmo, ¿e vós? –desafiei os outros.
–Igual, de ron –respondeu a Xulia
–Eu quéroo de xenebra –pediu o Cordal, se medo; e axiña engadía–: Con palliña.
Asombrado e desexoso de ver o xefe dos minusválidos bébedo no colo do Cameselle, chamei o camareiro e fixen pedido.
–Non esqueza a palliña –recalquei.
Veu o home coa bandexa chea de combinados cubanos e demos en beber, calados todos, mesmo o Abel. Ollabamos anciáns pasaren as nódoas últimas do rosario vital. Coxitei que non se decataban como as ían pasando, que Erasmo de Rotterdam ten razón e vixencia pois a inconsciencia é o que nos permite percorrer o derradeiro treito.
Tamén comezaba a pensar en Ana e na leucemia, pero daquela rompín coas matinacións malsás e frivolicei:
–O Salvador suxeriume que a voz da academia foi o que me impediu levar a primeiro premio; un dos grandes sabios teimou con que o meu conto era “críptico”, cando xa veredes que a historia d’ O Radiolar é clara coma a auga.
–Agora o que fai falta é que cho publique alguén –interveu o Abel Souto, seco, e volvemos calar e libar, o Bieito coa súa palliña, o vaso sobre os xeonllos, baixo a mesa.
Naquel ambiente había algo inconfesable, sen dúbida receo de eu lles preguntar se eles tamén mandaran contos ao premio xa fallado, medo de que unha imprudencia, posible no Cordal (que parecía ter lido autores coma min, non consagrados) nos obrigase a pasar a parola dun concurso para outro, do concursiño do ateneo local (25.000 pesetas o primeiro premio) ao concurso dunha organización galega (250.000, premio único) polo que agardabamos.
Aguantamos un pouco máis, tensos, eu a imaxinar o ausente Horacio no seu cuarto co papel da parede arruinado polo mofo dándolle á máquina duramente, parindo. Por fortuna, o Pereirázar non acudira á tertulia este xoves. Así aforrabamos recordarnos mutuamente aquela conversa no meu coche nunha noite en que eu non daba dixerido o bacallau do xantar: eu mentíralle, negando que mandara nada ao concurso do ateneo; el ocultárame a súa aposta a ese minipremio, que o Salvador me descubrira: “unha cousa moi súa, sobre a metempsícose”.
Eramos xentalla da mesma ralea. Dábame pena de todos nós e ao tempo gustábame que tal fósemos: era divertido, porque así debían ser os escritores –e as rameiras.
O líder minusválido rematou o cubalibre e deixou o vaso con palliña na mesa para anunciarnos a grande loita do seu colectivo (falaba sobre todo para a Xulia, en ton de quen retoma a conversa). Os discapacitados querían cabinas telefónicas baixas, abertas, e ramplas nos pasos de peóns. Estas esixencias criarían unha forte demanda de emprego (vinme montando unha empresa ad hoc, independizado do Escuredo). A asociación tamén tiña en conta o lecer e o deporte. De feito, preparaba unha excursión de autobuses adaptados ás minusvalías con destino ao Porto, onde ía ter lugar un encontro de balón-cesto en cadeira de rodas. Se queriamos acompañalos; ou se queriamos algo de alá...
Valcarce respondeu que, se podía, lle comprase ‘O Bobo’, de Alexandre Herculano (e eu calei que o tiña na casa, por non me ver obrigado a emprestarllo). Ninguén máis necesitaba nada de alén do Miño mais logo a conversa caía naquelas terras. O Bieito Fetal sentíase amolado pola teima dos colegas portugueses, empeñados en falaren un castelán que descoñecían, a Xulia asegurou que as liberdades das mulleres avanzaran drasticamente  coa Revolução dos Cravos e o Cameselle insistiu en que non temos por que deformar o nosoidioma, o enxebre, para facérmonos entender por catro negros de Angola e Mozambique.
O Valcarce botou para atrás a greña sebosa e advertiu (ollando fulminadoramente para o Cameselle) que a aproximación dos nosos pobos era “unha fatalidade histórica”. Eu calaba para non alimentar a roda viva de sempre; e a parola rematou cunha sentenza do Souto, os olliños mínimos tocados cun xesto de sisudez:
–A aproximación entre as culturas de Galicia e Portugal non adianta nin adiantará porque non se inscribe na loita de clases.
Entón voltamos ao silencio, arrotando o carbónico do cubalibre, quizais a remoermos a frase do colega sindicalista. Os vellos do redor púñanse en pé apoiando as mans nas mesas, os brazos tremorosos. Nese intre o Horacio Pereira estaría a petar con forza na máquina de escribir, a miña Ana tería deitado os rapaces e podería estar recordando o pesadelo de novo.
Ollei o reloxo. Erguinme coma os vellos, mais sen tremer.
–Compañeiros, marcho que me é hora. Bieito, foi un pracer –repetín a experiencia sinistra de estreitar a man minusválida e fun á barra pagar.
Eles ficaban. Ían falar de min, sen dúbida. Farían verdadeira conversa de literatos.
Saín á noite estreada de había pouco. Viña un cheiro lonxincuo de peixe, brillaba o chan cun orballo que apenas era brétema comezando a condensarse. Levantei as lapelas da zamarra e funme indo, a mirar cousas: unha tenda de xamóns, unha administración de lotería... Comida e cartos: a puta vidiña.
Pasando por diante do edificio do xornal que recolle as miñas crónicas baratas, veume ao acordo o seu director. Lembrei un encontro con el na rúa, e o relato que me fixo da comedia preautonómica no Pazo de Xelmírez: don Antonio asegurando que os tempos son chegados, un ministro andaluz esbardallando, o Pío (¿por que Cabanillas e non Cabanelas?) presente no acto por collóns... Todos eles esquecían  o seu pasado de arribaespaña. Para eles as pedras de Xelmírez non merecían respecto, non os obrigaban a nada... E fóra, na praza,a  xente pedía unha Xunta Obreira.  “Foiche un bochorno, Castro, un bochorno”, concluíu o xornalista máximo.
Nesta lembranza bochornosa paseime do sitio onde deixara o coche estacionado. Retrocedín mais non me desprendía do recordo do director cos seus lentes escuros, enigmáticos. Acendendo o motor, desestacionando, os ecos da conversa con el xa non eran de prexunteiros provincianos exfranquistas senón de algo moito máis universal, os concursos literarios:
“Sempre os ha de haber, Xoán, e con bases xustas. O que pasa é que nas bases nunca se poderá prohibir aos concursantes averiguar quen forma parte dun xurado, nin facer chamadas a algún membro para asegurar votos”.
Suxeito intelixente, o das gafas de sol sempre postas (por enfermidade, seica). Acelerei, nunha aceleración, apelotonada, de ideas. Toda a costa arriba, do nivel do mar ao monte da miña casa, fun acelerando, a saltar semáforos en vermello.
Ao chegar á casa a Ana non tiña leucemia e falaba por teléfono con quen identifiquei como a Laura, a mai do Dispositiviño Intrauterino. Rían anécdotas dos pequenos. Indicoume a cociña a alá fun atopar a tortilla. Sentei á mesa e logo corrían polo meu maxín augas e ventos de selva, cheiros e sons do cárcere verde no que me vou perdendo, facendo cada día máis miña a historia que puido ser doutro.
Estaba xa a vivir de cheo o que nunca experimentarei cando a Ana entrou e me puxo unha man no ombro.
–Fun á rúa coa nena... –facía un relato plano, bos prezos en Prenatal incluídos, ao que non lle dei moita atención. Pero mudou de ton para dicir algo do que non perdín palabra–: E cruceime alí co Pepe Lantaño. Vímonos cara a cara; viume por forza. E non me saudou...
Ben. Remato crónica do día. O vento vén do oeste e trae o cheiro inmundo –a peido industrial– da refinería. Os marcos das xanelas non encaixan ben, deixan pasar o cheirume, pero non son capaz de preocuparme por iso. Voume deitar.

Se na batalha do campo de S. Mamede, junto de Guimarães, D. Thereza e o conde houveram triumphado do moço Affonso Henriquez, outra provavelmente fôra a sorte do nosso paiz. D. Fernando de Trava era um dos mais illustres ricos-homens da Galliza: a sua bandeira fluctuava em muitos castellos daquela vasta e guerreira provincia. Se aos grandes senhorios que herdára do seu pai e aos que tinha em prestamo de Diogo Gelmirez ajuntára o dominio dos dois condados de Portugal e Coimbra, elle fôra sem contradição o mais poderoso barão de toda a Hespanha goda. No meio das revoltas e resistencias que o celebre Affonso Reimundez, chamado o imperador, encontrou na fidalguia da dilacerada monarquia da sua mãe D. Urraca, não seria por certo o conde o menos ousado na desobediencia, nem o mais fácil de subjugar. A guerra entre aquele principe e o seu poderoso vassallo traria forçosamente a sugeição a Castella dos estados do conde Hernique de Borgonha, ou a ser hoje a Galliza uma das provincias de Portugal, e alem della talvez alguma dessa gigante Hespanha, que por tantas vezes tem tentado devorar-nos. Mas a axistencia da monarchia portuguesa estava decretada na mente de Deus. Este paiz, cujos destinos eram conquistar para o christianismo e para a civilização tres partes do mundo, devia ter em recompensa unicamente a gloria: e a gloria delle é tanto maior quanto, encerrado na estreiteza de breves limites, o seu nome, que retumbou por todo o globo, pertence a um povo sumido no meio dos grandes imperios da terra.
Pobres, fracos, humilhados...

–¿Que che pasa, Xoán? –A min nada, muller, ¿e logo? –É que chegas á cama, abres un libro por unha páxina, poste a ler, voltas para atrás, volves ler o lido... –Non me pasa nada. É que esta páxina de Herculano lémbrame o Alfredo Pardo, as cousas que falabamos en Lisboa. –Imos durmir, ala. –Non soñarás nada feo esta noite, Aniña. –Tomei unha pastilla. –¿Oíches? Cando nos cadre de morrermos... Bo, espero ser eu o primeiro, que me enterredes vós. –Que cousas pensas, Xoanciño... ¿Que andas a escribir? –Unha cousa de aventuras na selva, xa cha deixarei ler. –¿Escribes para o das 250.000 pesetas? –Escribo para... Non sei... –Non te me precipites, Xoán. Fai as cousas a modo, non estragues os temas, ten paciencia –(“Paciencia... Mire, señor Castro: a miña santa avoa sempre falaba do Pacencias, que, de tanto esperar, morreu queimado”)–. Xoán... –¿Que, muller? –Dáme un bico antes de que me faga efecto a pastilla.

COLABORACIONES                                             Página 3

CRÓNICAS DA CORTE

por Maruxa Veiga

QUERIDO DIRECTOR: Cando estaba arranxando as cousas para un novo salto á nosa terra, onde tantos problemiñas teño que resolver, das boas xentes que me votaron para o escano que detento, velaí que recibo unha carta co escudo real convidándome a unha recepción en Palacio, a carta indicaba onde debía esperar o saúdo das SS. MM. e a obriga de vestir traxe longo.
Non teño que dicirlle, Sr. Director con que alegría desfixen as maletas e me aprontei para a ocasión, baixei a Palacio e facía vento, á entrada notábase a preocupación das señoras cos peiteados, que claro non se podía chegar alí cun pano pola cabeza, algúns eran de perruquería moi modernos, era do máis impresionante subir polas escalinatas entre gardas tesos cos seus uniformes tan lindos, todos eran uns rapaces novos e guapos de olé e cando cheguei ao salón empecei a ver xente coñecida de todo tipo ata Carrillo. Axiña veume saudar o marido de Elena Quiroga a famosa autora de “Viento del Norte” e díxome que Elena non viña porque tiña a coitada un ataque de catarro do feo e claro estaba todo o tempo a espirrar, por certo que o outro día un rapaz que tenta escribir falaba mal dela e de Gonzalo Torrente argumentando que eses nosos grandes escritores escriben en castelán e non merecen o cualificativo de nosos e eu pregúntome quen nos coñecería fóra da nosa Terriña se non fose por eles.
Como o Señor Director sabe El-Rei e a Raíña son extraordinariamente amables, o rei ten unha memoria de marabilla e lémbranos a todos polo nome de pía, viñéronnos saudando, estreitando as mans sen esquecer ninguén, as damas faciamos a reverencia de Corte e os cabaleiros inclinaban a cabeza. A Raíña está guapísima con eses ollos tan lindos que ten. E ten un pouco de acento estranxeiro aínda que leva en España xa ben anos pero é elegantísima, o Rei está delgado, debe ser das preocupacións e fai lembrar a magnífica realeza dos seus antepasados, impresiona, a algúns dáballes unha labazadiña cariñosa na cara.
Logo de se acabaren os saúdos pasaron as SSMM e a pos deles nós ao salón onde están os sitiais rexios, alí dispuxeran o buffet con salmón afumado que os camareiros retallaban e colocaban as lascas en anaquiños de pan e eu recordábame de tantos dos nosos paisanos que hoxe pasan necesidades pola falta de enerxía dun goberno que non sabe onde está e por iso di que está no centro. Contoume mentres degustabamos o salmón un amigo que a súa señora non veu por non se topar co Carrillo e outro contoume que ao vicepresidente do goberno lle chaman “don Fernando o Caótico”. Había outras moitas cousas máis que probar, todas parecían riquísimas, moi ben todo, nada desas frituras de goma e eses horrores que nos teñen servido na Moncloa.
Segundo é corrente nestas ocasións e o sr. Director así o debe saber aproveitamos para arranxarmos encontros sobre temas que atinxen os nosos distritos electorais e eu tiven a sorte de concretar co ministro de Obras Públicas comigo amabilísimo as esixencias da xente do Son que necesita como tantos portos pesqueiros, e a nosa Terra xa se sabe o que é para a pesca, unha ampliación que o poña en debida forma.
Así que me dei por satisfeita coa recepción e pensando na nosa xente do mar íame indo cando me atopei coa señora do presidente Suárez cun traxe moi lindo branco, un colar moi longo de perlas, demasiado, e o cabelo rizo como o levo eu esta temporada (Eu lévoo por comodidade porque o intenso labor do parlamento non lle deixa a unha tempo para ir á perruquería).
Na saída topeime co ex-ministro Pepe Solís Ruiz que hai moitos anos lle prognosticara eu nunha festa da miña prima Nena Neira señora de Castro Campos en Sada cando eles tiñan consello en Meirás co Caudillo que habiamos ver isto, todos xuntos coa democracia que garante El-Rei, ao seu lado estaba Carrillo fumando.
Estiven tentada de dicirlle ao Carrillo que ten que repasar a boca porque se lle nota o postizo, e os lentes tamén pero non llo dixen porque xa teño dabondo con aturalo no hemiciclo.
Moi elegante ofreceuse a traerme á casa o senador Iglesias que descubrimos que somos parentes pois está casado coa miña prima Carmela Tourís que a coñeceu naqueles felices tempos do Gran Hotel de La Toja. O senador concorda comigo en que o mal principal da nosa Terra é o fracaso do feudalismo, sen feudalismos, non hai xerarquía nin verdadeira estrutura social, xente que aprenda a obedecer un nobre (Por certo que Elena Quiroga, como Emilia Pardo Bazán, as dúas nobres de berce...

 

–Ola, bos días.
–Ola, Ramona.
–¿Que? ¿Lendo o xornal?
–Xa ve, ilustrándome co que conta dona Maruxa Veiga do que fan en Madrid os políticos.
–O que fan os políticos: élle boa... Se non lle importase mudarse para a outra butaca... É que quería pasar a aspiradora.
–Nada, muller, nada. Non se preocupe, que hoxe é sábado e todo se leva con calma... ¿E que, como vai esa vidiña?
–Vai indo, ho. Non lle habería queixa se non houbese que morrer; e se non fose polos políticos.
–¿E logo?
–Non me diga que iso da Xunta agora, veña inventar cargos para encheren o peto... Mire: eu funlle para París, botei nove anos alá traballando de criada, vin pra acó, comprei un piso e sigo a traballar de criada. Daquela que quere que lle diga...
¿Que me vai dicir esta muller? Pero... “ten que haber algunha esperanza, Alfredo. Tena que haber”.
“Ti déixateme de esperanzas e vai catando ese viñiño do Cartaxo... Escoita: ocasión hóuboa unha vez na Historia e pasou, xa foi, acabouse e non fica máis que lamentármonos como fai o Alexandre Herculano”.
“Pois eu dígoche, Alfrediño, que, se non hai esperanza, temos que inventala e acariñala”.
–Ramona, ¿e ese ruído da aspiradora é normal?
–Non lle sei. Nós alá en París tiñamos unha que durou todo o tempo que estiven na casa, nove anos. Pero aquí, xa se sabe...
–Xa.
–¿Oíu? ¿Sabe o que me pasou onte coa nena? Estáballes pondo o pixama e vai ela e dille ao Antonciño que o sol xa se deitou e que agora vén a lúa... Mira o que sabe a cativa.
–Ai, muller, pois a min este día díxome que a lúa estaba “rompida”. Vainos saír astrónoma.
–Algo ha de ser, ho, que estes seus fillos téñenlle moitísima memoria de Dios nuestro señor.

Sábado. O día comezou ben, tranquilamente, eu lendo o xornal, gozando, ata me detendo na crónica da Maruxa feliz polos brillos “de Palacio”, como din os amadrileñados.
Ana saíra de compras cos rapaces e gocei de soidade e silencio unha boa parte da mañá. Estiven a repasar o xogo do plaxio, calculando o que me queda por escribir, cortando aquí e alá unha frase, engadindo outras.
Amárgame ter que competir. Eu non nacín para o risco de pórme a proba, paréceme vergoñento o ter que colocarme á altura dos demais.
Os concursos non debían existir.
Pero existen. E os xurados tamén. E os números de teléfono, e os votos comprometidos...
Co pracer de ler o meu –repito, meu– fun tapando a irritación de o ver sometido a xuízo e confrontación, e así aguantei ata a hora do xantar, cando a Ana voltou coa queixa de que o diñeiro non chega para nada (e calou que, aínda máis, non sabemos o que nos vai durar nin sequera o presente irmos indo).
Despois de xantar retomei o xornal e púxenme a procurar traballo polos anuncios. Ofrecen diversos postos de técnico comercial en artigos de limpeza, produtos gandeiros etc.; un de oficial confeiteiro, outro de troquelador, vendedores a comisión moitos (de discos, ferramentas, alimentación...), xefes de vendas e delegados comerciais. En resumo: o país non produce e un suxeito coma min aquí é innecesario.
Cerrei o xornal e os ollos. A Rudgemont Street e a oficina da Carmichael fixáronseme na mente coa pesadez de cando o alcol fai efecto. Inglaterra é unha tentación constante.
Para me distraer volvín ao xornal. Fun procurar recunchos de información polos que aínda non osmara e así reparei en NACIMIENTOS Y DEFUNCIONES: hoxe naceron oito Vanessas, unha Lorena, tres Borjas, tres Tanias, unha Nadia, un Héctor e un Horacio Ransés (sic), unha Soraya, dúas Sandras, catro Iváns... e morreron tres Manueis, seis Josés, tres Ramóns, unha Manuela, catro Carmes, unha Antonia...
En Fiordia, o máis palpable impacto do Radiolar foi sobre os nomes. A xente púñalles aos fillos nomes dos artistas e os aristócratas máis populares de Centralia. O profesor Herrin, antes de se decidir polo ataque suicida ás instalacións emisoras do Radiolar en Fiordia, demostráralle á Academia Fiordesa que por cada 10 mortos de nome e fala fiordeses nacían 16 rapaces, dos que soamente falarían firodés 7 e levarían nome nacional 4.
Síntome moi so, rodeado de xente. A Ana aténdeme, o Luís tamén. Pero devezo por ver o Fermín. A el non lle fai falta atenderme.

O ABRIGO DO SOL – Capítulo 6º

O valor do ouro

Emílio Ribeiro trazou o plan e explicou-lle-lo aos seus compañeiros de canoa e remo antes de volveren embarcar:
O Leôncio Faca Longa levaba-lles vantage; podia buscar ajuda no percurso ata a vila e esta-los agardando a médio camiño, ou chegar ao garimpo e alí organizar a caza. Por tanto, cumpria cubriren ben os corpos e as cabezas con canto servise para disimular as suas persoas. Habian remar sempre afastando-se de embarcacións e aldeas de pescadores. Terian que esperar a que fose noite para tocaren na vila. Ja nela tentarian descubrir o que fora do Leôncio, se lles andaba ao axexo ou non aparecera.
Como for, el, o piloto, habia ir ata a casa para recoller documentos e as chaves do hidro. Despois terian que agardar, calculando, co ollo posto no luar e as ondas que levantase o vento. Se houber luz dabondo e o rio non andar moi agitado, burlarian as expectativas de quen puidese estar co oído posto no ruído do motor do avión: abondaba con soltar amarras e deixar que a corrente afastase o aeroplano da ribeira. No médio do rio, longe do alcance das balas, prendia-se a máquina e daba-se gas. Ja amañeceria antes de teren que tocar auga de novo.
Calou a posibilidade de fallar: que, por algunha complicación mecánica, o motor do hidro non arrincase agiña e os flotadores fosen enguedellar-se cun camalote ou bater nun banco de area augas abaixo. Non queria asustar os compañeiros e calou-lles tamén a prevención bruta que discorrera para o caso peor: mandaria sentar o Zé no lugar do copiloto termando da canoa amarrada cunha corda longa, mantendo-a junto a un flotador ata estaren seguros de que podian voar. Se non puideren, buscarian jeito de pasaren a ela... para seguiren, de novo, a remar e remar.
  Agora remaban, contra corrente, vento de costas. O capitán Ribeiro esculcaba, escudriñaba, fitaba, enxergaba. Os seus ollos verde-azuis buscaban continuamente o que puidese semellar unha canoa cun home pequeno de chapeu grande: o Leô traidor. Tamén espreitaban canoas de índios co torso nu, a cabeza con melena curta, redonda, gente que puidesen interesar-se pola embarcación que el gobernaba; e ajudaban-se co oído na procura de embarcacións motorizadas, capaces de traer homes con rifles á caza de quen posuia un tesouro incrible, dirigidos quizais por índios que teria alertado o Faca Longa.
Porque esa era a secuéncia lógica: o Leôncio maldito metia conversa con índios canoeiros, enganaba-os con promesas para que o ajudasen a remar, a gañar a carreira rio acima, e para ficaren ao axexo. Chegaba á vila adiantado aos sobreviventes da incursión ao Abrigo do Sol e contaba no garito o que sucedera, describia o que vira. Non precisaba máis de tres tafures para tentaren acadar o tesouro. Para todos habia ouro e pedras boas, o garimpeiro fugido era experto e imaginaba a pureza das gemas sen saber que o Brito a certificara.
Pobre Brito, buscador de tesouros, que mala sorte tivera: levar un frechazo no médio da escuridade... Un calafrio percorreu a espiña de Emílio Ribeiro a pleno sol. Dijo-se que tremía por culpa daquel vento que lle daba nas costas, que metia ondiñas por popa, que levantaba salseiros a cada golpe de pá dos que remaban atrás del.
Mais era calafrio de medo, un medo como nunca sentira, nin cando fronte a el aparecian as formacións de Messerschmitt a maior altura cá do seu Spitfire. Agora non se trataba de fiar-se da vista, os reflexos e os mil cabalos da máquina; neste momento a defensa de Inglaterra ficaba no faiado dos recordos, non cumpria deter incursións de homes con máquinas semellantes nun espazo libre, aéreo; non se trataba dun duelo de pilotos sos nas suas cabinas... senón de gardar unha mochila con ouro e pedras preciosas nun mundo hostil, cunha tripulación ás costas que ja estaria a facer cálculos:
“Capitán Ribeiro, aqui nesta cidade sabemos moito de ouro e gemas –digera-lle o gordo Gomes Leite, director do banco–. Iso é o que trouxo os portugueses ata estas breñas asasinas. Iso é o que moveu os egípcios e os romanos. Iso é o que salvou tantos alemáns ao final da guerra, e o que fai que hoje vivan con acomodo en toda Sudamérica: falamos de jóias... Certo que os diamantes e as esmeraldas dan o máximo valor para o menor peso. Nese aspecto avantajan o ouro, si señor; pero o ouro é o patrón perfecto da riqueza: as pedras non se poden dividir sen perderen valor, nin se poden juntar para suma-lo. O ouro pode-se cortar en laminiñas; e anaquiños de ouro poden-se fundir por junto no crisol para facer lingotes.”
Acertado o Leite, de cor leitosa, sempre á sombra, sempre a suar. O tesouro do Abrigo do Sol precisaba tratamento, separar as pedras engastadas, cortar as láminas de ouro para face-las manejables... ¿Que valerian aqueles “garavanzos” de distintas cores? ¿E o total do ouro? ¿Canto lles deberia dar do tesouro á Úrsula e ao Zé Corcovinha?
Por un momento, do máis fondo do pozo das ideas veu-lle a de non dar nada a uns seres que nada tiñan que ver con el. A idea da propiedade exclusiva levou-no a espreitar os sobreviventes do saqueo ao Abrigo do Sol. Parou de remar e virou a cabeza coma quen que só tentaba mirar por ver como ian.
Metida na roupa basta, ben calado o chapeu, a Walkíria non era imaginable coma tal, a muller que arrebataba corazóns nun cabaré. O Zé, miúdo e seco, era só un fillo do sertão pasado polo seringal e o garimpo, un famento que ascendera a mal mantido. Vencidos sobre as pás, cravando-as na auga, embrutecidos polo esforzo, tan dispares, semellaban habitantes dun mundo absurdo.
Ben. Ja veria o que facer co reparto, pois un home non ha de ser fillo de puta nin descoidar-se; nin exceder-se na generosidade. Botando contas, el estaba na orige da riqueza que descansaba na mochila amarrada firmemente á argola da canoa. El descubrira a liña de lagoas, el casara-as coa história do Brito, el figera ao Brito mover-se para ir explorar, el armara a expedición, el viña dirigindo o grupo con firmeza de militar de carreira.
Úrsula. Walkíria. Esa muller tamén dera moito jogo. Diria-se que era duas persoas nunha, a europea rechamante que saca diñeiro aos homes nun claro da selva mal chamado cidade, e a crioula coñecedora de todas as mañas dos salvages. Úrsula Müller non lle mentira ao engeñeiro Brito, non se engadira ao rol da canoa por simples ganas de aventura, por deixar o cabaré uns dias. Sabia de memória as formas do rio grande, e dos afluentes; camiñaba polo mato sen dúbida e usaba revólver coma quen sempre o levou ao cinto.
Contaba e repetia que era filla dun gran profesor, um científico que buscaba o monumento ao sol duns índios de raza superior, convencido de que o atoparia naquela zona do inmenso deserto verde. Por iso a Úrsula se emocionara de tal jeito ao atopar a rocha cortada en forma de cuncha. Atopara-a ela. A filla achara o que o pai non dera localizado... A vida era unha loucura, unha roda de casualidades imprevisibles.
Úrsula facia-lle a Emílio aspirar fondo e lembrar a sua foto de alférez. Ante unha muller de tal guisa sentia-se mozo, esquecia as entradas profundas do cabelo e a manta de gordura que se lle apoiaba no cinto... Habia un mistério na vida da filla do antropólogo que morrera pola Ciéncia: nunca falaba do que ela estudara nin que aventura a levara dos luxos do Rio de Janeiro a unha capitaliña provinciana mal sinalada nos mapas.
E a experiéncia dicia-lle a Ribeiro que a moza era nova de máis para pensar en gañar moitos cartos no cabaré e despois retirar-se, rica, ao mundo civilizado. ¿Andaria no mato por un bandazo das cousas do amor? ¿Ou para se sacar do médio por algo comprometido?
Haberia que falar co fofo do Gomes Leite, haberia-lle que pedir informes da Úrsula, cantora e directora de cabaré: o banqueiro tiña as mellores fichas da “capital”; permitia-se mesmo desprezar as do comisário chefe, emprestaba as suas á policia.


A comida escaseou e non debian arrimar ás aldeas de pescadores, onde quedase memória do seu paso. Arrimaban aos furos e metian-se por eles á procura de augas claras. A branca-índia sempre acertaba nalgún peixe coas frechas que collera do índio morto por defender o Abrigo do Sol. Comian, descansaban do máis ardente do dia; e facian elucubracións sobre a vantage que lles puidese levar o Leô Faca Longa. Nunha parada, Úrsula deu opinión firme:
–Imposible que vaia por diante de nós... A non ser que o leven bos remeiros.
Emílio calou, non se esforzou en apoiar a idea clara. O Zé tamén calou, porque estaria de acordo. Fumaron os cigarros últimos. A muller renunciara a fumar para que a eles non lles faltase vício. Só por veces vencia-se á oferta dunha pitada no cigarro do piloto.
Peixe de rio sen sal sabe a fango, pero mantén. Auga clara mata a sede. A sombra, mália os mosquitos, ajuda ao alívio... Ao pór do sol viña o esforzo de novo. Ata que, exhaustos, procuraban acougo nas praias, cada noite máis amplas segundo a estiage se afirmaba.
O Corcovinha sabia dar con areais onde durmiren afastados da orla do mato e os seus asasinos nocturnos. Agachaban-se tras de troncos e camalotes varados. Durmian coas armas á man, Ribeiro recostado sobre a mochila. O fungar do vento do inverno nas pólas ajudaba-os a coller o sono. Mais para o piloto era un durmir de lebre: espertaba cos ruídos do rio, cos chimpos dos peixes, que lle soaban como golpes de remo; e coas palabras raras que soltaba o Zé. O moreno debia ter pesadelos; en soños falaba de auga, de chúvia...
Na jornada final de retorno á vila dos garimpeiros, un escándalo de gaivotas e o pistonear dun motor espertou-nos aos tres e ao tempo. Alborecia; as copas dos gigantes da selva tingian-se de verde-ouro; o rio enganaba a vista cunha cor anil. Por el avanzaba unha jangada de mergulladores, na que viajaban uns ilusos cara a un punto do rio onde esperaban atopar diamantes que valerian máis cás suas tristes vidas. Ao se incorporar sobre a mochila, o cóbado de Emílio Ribeiro bateu coas pezas de ouro do Abrigo e sentiu-se un ser infinitamente superior.
–Zé Bento, ¿canto tempo calcula que nos poida levar chegarmos á vila? –preguntou para confirmar unha idea.
–Era bo esperarmos aquí agachados, capitán. Deste sítio para cima hai casas de caboclo nas duas bandas do rio, move-se moita embarcación.
Os tres estiveron de acordo. Ficarian, durmirian aos pedazos tentando esquecer a fame, sempre dispostos a reaccionar ante un encontro non calculado (con calquera que precisase de praia para descansar ou entrar ao mato). A canoa estaba ben disimulada con ramallos, e eles ocultaban-se tras de troncos; mal os habian divisar desde o rio pero existia o risco dunha emergéncia que desviase alguén á praia.
Ribeiro seguiu maldurmindo, sentindo o sol facer arco no ceo. Non podia deixar de ve-lo porque tentaba durmir nun areal orientado ao norte no hemisfério sur da Terra... A Terra, o Geoide, Geodésia: ese era o nome da matéria que lle ensinaban na escola de aviación. O Geoide era unha esfera algo esmagada, como se estivese apertada nos pólos. Nos seus delírios de rapaz vira-se sobrevoando o Geoide en avións poderosos. Admiraba aqueles pilotos que se lanzaran a conectar os continentes cos seus aparellos. As aventuras da posta aérea daban-lle razón de vivir. Sempre quigera emular o Saint Exupéry.
¿Como morreria aquel campión desaparecido?
Como fose, caera con glória. Os seus ósos jacerian no fondo do Mediterráneo...
Pasaban as horas e a mesma fame ajudaba a sonequear. Non facia falta comentar entre eles o risco de se moveren ou andaren aos tiros no mato. Ninguén debia saber das suas existéncias. Aguantaban. O capitán Ribeiro cavilaba: ao chegaren á vila, nin el nin a Walkíria espléndida se podian deixar ver: el por coñecido, ela por descoñecida rechamante. Dependian do Corcovinha para investigar o que houbera do seu camarada traidor, das trapelas que lles puidese ter preparado. Necesitaban-no para iso e mais para lles conseguir comida.
Emílio Ribeiro soñou várias veces coa neveira chea de botellas de cerveja, e con boas presas de churrasco de boi... O Zé Corcovinha tamén teria necesidades, e tentacións. Nada garantia que o mulato sertanejo non fose o segundo traidor da expedición; era-lle ben doado procurar un grupo de fulanos que o acompañasen a dar cabo de quen custodiaba o botín do Abrigo do Sol.
Non, non o faria, porque teria que repartir con vários; se a sua mente estragada pola cachaça ainda funcionaba, fixaria-se outra meta: acabar apoderando-se do tesouro pola sua conta. Cumpria logo observa-lo.
Pasou algunha lancha motora; pasaban canoas con persoal de todo tipo. Na vila a gente andaria-se a preguntar que fora do piloto, por que o hidroavión seguia amarrado. ¿E o Zé Corcovinha? Correra tempo de máis sen presenza deles...
Cando a sombra da floresta ja cubria a banda norte do rio, lanzaron a canoa e remaron cara alá. Rumbearon pola sombra. Ainda no escuro non sacaban os chapeus, para que ninguén os identificase desde a ribeira, desde as casas metidas na auga sobre paus, palafíticas, en que moraban os caboclos.
–Se o Faca Longa deu sinais para nos procuraren –discorreu a Úrsula en alta voz–, falaria de catro persoas a bordo da canoa. Faltando o pobre do Brito, iso ajuda ao disimulo de quen somos os tres restantes.
–Pois é –a penas acrecentou o Zé apoiando-a.
Emílio oíu a conversa e non terzou, para que os outros o imaginasen por cima deles, desprezando unha obviedade. Mais nin contando con ese factor de ajuda ao despiste se fiaba do que os puidese agardar na vila. Dijo-se que o receo estaba a confundi-lo; porque facilmente o maldito Faca Longa ficara atrás exhausto, famento e sedento, incapaz de adianta-los: non se desprazaba máis rapidamente o vehículo máis ligeiro senón o que tiña mellor proporción entre poténcia e peso. Unha canoa grande con moitos remeiros era a que máis corria.
Ia-se facendo noite e a gente andaria a comer. Ninguén navegaba. Ben longe comezaban-se a ver as luces escasas da vila, o vento e as ondiñas mal deixaban escoitar algunha música do almacén do sírio, que estaria para pechar. Afrouxaron a remada. Só encostarian de noite. Emílio Ribeiro devecia por beber e comer, por lavar-se con jabón e mudar de roupa; e por durmir despreocupadamente. Imaginaba as mesmas necesidades nos seus compañeiros e discorria como organizar un voo que quizais nunca volvese facer.
Si, quizais nunca fose repetir o voo entre a vila garimpeira e a capitaliña rio abaixo... salvo por pracer de turista. A image do tesouro convertido en liquidez diluia-lle a da liña aérea soñada, desde a boca do rio ás fronteiras do interior. Con moito diñeiro quizais tentase negócios en lugares de menos risco. O seu tio habaneiro sempre lle dixera que o Caribe estaba cheo de illas necesitadas de liñas de aviación.
Ben, mais nese intre tiña objectivos concretos por acadar antes de seguir soñando: bebida, comida, roupa, documentos, chaves, diñeiro. Polo apuro, quizais aguantaria sen baño. E debia esquecer-se de durmir a jeito. Ja o faria logo de voar.
–Zé Bento, ¿vostede ten algo que resolver na vila ou viria connosco no hidro? –falou cando entraron nunha enseadiña tranquila–. Digo-llo porque penso que non nos debemos separar en ningún momento. Somos tres a protegermos o que traemos, e mellor será reparti-lo longe de aquí.
–Non se preocupe por iso, capitán, que a este Corcovinha ja o deberon dar por morto... O que si conviña era o falado: sabermos o que fijo o Leôncio. Se non volveu ainda, podemos mover-nos algo pola vila e matar necesidades. Eu non tardo en saber que foi del.
–Ja pensei niso, Zé. Veño a pensa-lo. Pero imagine que el ja chegou e hai gente á espera de que vostede se deixe ver ou faga preguntas. Daquela estamos perdidos.
–Estou de acordo co capitán –soou a voz de Úrsula, nun ton sereno–. É moi arriscado andar á esculca do que foi dese canalla. Agora só importa que o hidro funcione e que o piloto estea en condicións de voar. Despois ja se arranjarán as contas co traidor.
Siléncio. O aire calmaba-se naquel recanto, apenas se sentian saltar cardumes e algún grito de macaco no mato por cima da barranca. Descansaban á vista das catro luces da vila, e Ribeiro pensou na compaña: o moreno Corcovinha sempre fora manso e agora parecia-o máis, tal vez pola fame que o amolecia; a Walkíria era despistante, nela habia algo que non encaixaba. Quizais fose vella antes de tempo, feita muller de pequena, de andar tras dos pais pola selva.
Como for, o que importaba, efectivamente, era que o avión funcionase e que el o puidese guiar. Seguro das prioridades, falou:
–Imo-nos ir achegando ao embarcadoiro para botarmos unha ollada ao hidro. Daquela os tres achegamo-nos á miña casa polo camiño do mato e alá nos arranjamos con tento e lanterna, sen prendermos as luces. Esperamos a que non haja persoal ás voltas e soltamos amarras. Ja sei que é moi arriscado deixar-se levar para o médio do rio sen máquina e a contravento. Pero teñen que confiar en min, que noutras peores me teño visto... Imos ja, dean-lle ao remo.
Remaron. Pouco a pouco, en contraste coa claridade vaga do luar e das lámpadas avaras, xurdiu a forma do hidro: temón, ás, fuselage, flotadores confundidos coa liña do pantalán. O corazón do piloto alterou-se: velaí o seu aparelliño querido, compañeiro de soños e visións de marabilla. Pola ánsia de tocar no seu, permitiu-se abandonar o remo e saltar ao flotador.
Entón confirmou un cheiro que se lle anunciara mesmo a contravento: queroseno. Cheiraba a queroseno, como se houbese unha perda nos depósitos.
Maldición, ¿que diaño pasara?
Percorreu cos ollos a forma apagada do avión á procura dalgún indício e así reparou en que o vidro da porta da cabina estaba roto. Pero ¿quen seria o grandísimo fillo de puta...? Que imbécil fora, non deixar o Corcovinha de garda... ¡Oh!
A rabia, o asaño contra si própio cegaron-no e houbo de agarrar-se á asa da porta. Apoiou a testa na fuselage e nesa postura permaneceu un tempiño, querendo serenar-se. Ata que uns ruídos incomprensibles o forzaron a volver á realidade.
¿Que estaba sucedendo? Sen soltar a asa enxergou as escuridades e viu que a canoa ja non estaba a pé do hidro senón junto ao pantalán, en cujas táboas soaban carreiras.
¡Maldito negro, puta de gringa: saltaran a terra!, ¡como lla jogaran os moi cabróns!
Levado da carrage, soltou a asa, botou man á pistola e tentou pór-se de crequenas no flotador para disparar contra eles por baixo da fuselage. Pero unha bota esbarou-lle, desequilibrou-se e foi petar coa cabeza na columna de apoio da fuselage no flotador. O son metálico, que o cránio amplificou, foi o último que oíu conscientemente.

Escribo a penas unha nota matinal, en canto fago tempo para ir ao aeroporto.
Antonte recibín o télex do Fermín na empresa, prudentemente cifrado, imitando a mensaxe dun posible cliente americano. Sen pudor nin remorso largueilles as correspondentes mentiras á Nucha e ao Escuredo para faltar ao traballo na mañá de hoxe. E comecei a contar as horas que me faltaban para me encontrar co amigo da alma, como supoño que fan os namorados á espera de que apareza o outro, o que eles supoñen único e sublime.
Custoume concentrar nas cousas do traballo, na casa escoitei polo teléfono a xente da puta asociación cultural das traizóns (entre socialistas galegos e socialistas entregados a Madrid), non biquei e rebiquei a miña nena como ela merece, bonequiña lindísima con fala de trapo... O Fermín aparecíame na memoria unha e outra vez:
Madrid, Avenida de la Moncloa, 1965. Cheiraba a follas de pradairo queimadas no xardín do colexio maior. Enchíanse as bocas dicindo “colexio maior”, xa eramos maiores, alá quedara o instituto, o colexio dos pequenos... Na entrada á sala de xantar do “maior” había un letreiro conminativo: Acceso al comedor con corbata. Un tipo risoño esperaba por min a pé dese anuncio molesto. Púxome a man no ombro e identificouse:
“Eu chámome Fermín Landeira, ¿e ti?”
“Xoán Castro”.
“Vese que es novato, Castriño... Non perdas o tempo pondo camisa e gravata, ho. Mira como se fai: deixamos por aquí unhas gravatas de merda co nó feito, aí neses colgadoiros. Sonche as gravatas do pobo, da masa non identificable. Se o regulamento di que hai que entrar na sala de xantar con gravata, ti ves co niki ou co polo ou co que carallo leves posto, e chimpas unha cousa desas arredor do pescozo e que lle dean polo cu ao dire e á puta que o pariu...”.
¡Puf! Moito Fermín, moito, moito. ¿Por que a algúns coma el non lles fai falta dicir “aquí estou eu”? Abóndalles con estaren...
O Fermín Landeira foi o que nos conectou cos vascos, o Kepa xa era amigo del, do ano anterior, porque eles xa fixeran o selectivo en Madrid. Eran xa mestres da subversión cun só ano de universidade.
Ensináronnos. Onte pasei pola “Clínica Doutor Pérez Alvariño, Traumatólogo”, alias El Gallego Mamón alá no colexio, e as lembranzas se me apelotonaron na chencha. O tipo, fillo dun tendeiro de vila, non quedara en Santiago a estudar Medicina porque –argumentaba–  “conviene hacer la carrera en Madrid, que te dá el prestigio aunque luego vayas a ejercer en provincias”.  Vivía no cuarto 129, e mantiña na porta o letreiriño de “SILENCIO, AQUÍ SE ESTUDIA”. Eu fun o que lle pintou por baixo “PERO NO SE FOLLA”. Moito nos rimos.
Con todo, o Fermín e o Kepa sempre nos superaba aos aprendices. Eles foron os que fixeron pola noite a pintada grande de “COLEGIOS MAYORES NO, COMUNAS SI” no valado do colexio. O Fermín decatouse de que os vira o Mamón, que saíu a fumar á fiestra, e discorreu co Kepa unha operación de alto risco. Pintaron un cartel pequeno nun folio: “MÁS VALE EL SILENCIO VOLUNTARIO QUE EL SILENCIO DE LA TUMBA”. Espiaron por fóra e por dentro, desde o corredor, ata estaren seguros de que o Pérez Alvariño durmía. Tamén que durmía o conserxe, que roncaba coma un hipopótamo. Colléronlle ao roncador a chave mestra dos cuartos. Entraron no do Mamón e coláronlle o letreiro ameazante ao crucifixo de enriba da cama.
Aquel miserable, delator en varias ocasións coa desculpa de que un veterano non ten pr que aturar cousas de rapaces, desa volta non piou. E fixo ben, porque o Kepa, daquela, xa estaba adestrado para accións inmencionables contra “las fuerzas de seguidad”...
Ai, Fermín, e Kepa, e Luís cos seus ensaios de teatro e aquelas rapazas que estaban tan boísimas... Din que a infancia é a patria ineludible de cadaquén. Mais eu coido que a nosa grande patria é o “maior”, onde nos acabamos de facer xente.
En fin. Estoume desviando. Algún día escribirei unha novela de aventuras de colexio universitario baixo o terror sibilino do franquismo...
Volvo ao principio. Quería deixar por escrito que me dá vergoña de min mesmo, desta sensación de espera nerviosa en que vivo. Teño tanta necesidade de ser eu quen reciba o Fermín que mesmo lle facilitei á familia o ilo procurar ao aeroporto. Eu serei quen lle dea a primeira aperta, quen lle vexa o sorrir cínico antes que ninguén, quen o teña consigo no encerro do coche para que vaia ceibando os primeiros disparos á vista do impaís (ao que decidiu retornar desde as terras do Imperio Verdadeiro, dominador do mundo).
Fin de nota no diario. Esta noite escribirei máis. Ou non, que co Fermín nunca se sabe.

Manda carallo: que se diga que isto é un aeroporto rexional dun país europeo no ano 1978, no último cuarto do século XX. E aínda temos os outros dous “campos de aviación”, como lles chama a Ramona. En fin, señores...
Llegadas, pois si, vén na hora... Que ganas teño de velo, xa doen os anos.
“... anuncia la llegada de su vuelo...” Este vai traer unhas maletas de carallo. A ver o que tarda en saír...
–¡Fermín, ei, ei...!
–¡Hostia divina! ¡Xoán perillán montado nun can! Ven aos meus brazos, corazón, caghoendiola...
–Déixame verte, ho, deixa que te vexa, a ver... Carai, os putos anos... Non o creo e non o creo e non o dou crido: ti aquí... Veña, ala, imos para a casa dos teus vellos, que moito me encareceron que non nos enguedellásemos. ¿Como quedou a Peggy alá?
–Ben, feliz, cos pais e os cativos, recollendo todo... Iso si que che é o carallo maior, o da mudanza: ver o que lle deixa á familia en Boston e o que mandamos traer. Hai que esperar a que nolo metan nun contedor.
–Eu cólloche esa maleta e o bolsón... Incrible, Fermín: ti e eu aquí levando a túa equipaxe ao meu coche... Antes de nada, camarada: eu déixote na casa dos teus pais e vou para o choio. ¿A que hora te vou recoller esta tarde?
–Ás oito, ¿non?

 

–Moito tardabas en baixar, Ferminciño. Case son as nove.
–Os vellos... E a miña irmá, e todojesucristo que me quería ver: o retorno do indiano... A vella quería armar unha cea. Díxenlle que teño mal corpo, do avión.
–¿Decátaste de que é a primeira vez que nos vemos “en democracia”, como din estes conas da UCD? Xa non hai Franco, rapaz.
–Pois si. Acabouse o “enano del Pardo” pero quedan os de sempre, e o “pelele Borbón”. Non é como antes de que morrese o anano pero tampouco é diferente de todo, Xoán. A democracia é unha tradición, ho. A democracia séntese: onde a hai, todo cristo vota por todo, consúltase todo. Os ianquis son uns charramangas da merda, pero nacen na democracia e nela viven.
–Dime a verdade: ¿como me ves?, ¿como son eu?
–Home, estás a “deixar testa”. Tes menos pelo e púxoseche máis escuro; e parece que che afundiron os ollos nas concas, e tes esas engurriñas que che baixan do nariz aos cantos dos beizos.
–Pois ti estás non máis gordo pero si máis corpudo. A merda da vida: xa estamos morrendo.
–Bo, saca de aí, ho, que aínda hai moito que bourear... E, á parte do Luís, ¿quen anda por aquí dos nosos de Madrid?
–Moita xente. Isto é un micro-Madrid, a xente vai varando nestas ribeiras. Está o Campelo, está o Guante Branco...
–¿O Guante Branco? E será carteirista: mangaba con xeito, o cabrón.
–Pois agora éche fiscal.
–¡¿Fiscal o Guante Branco?! Pero este país é alucinante.
–Si, señor. Alucinante. Estamos de acordo... ¿E sabes quen máis do colexio vive aquí? O Unicornio... Pero, espera, que che vou contar algo que nunca che contei por carta. ¿Lémbraste do Aquilino, o Carroña?
–¿Como non me vou lembrar? “Vós deixade as feas para min, que son as máis agradecidas”.
–Pois era profesor en Exactas, en Santiago. Era famoso, un pioneiro cos ordenadores. Andaba a dar conferencias. Eu, cada vez que o vía nas fotos dos xornais, escarallábame, con aquela boca de mulo que tiña...
–¿Por que falas del en pasado?
–Pois... Espera, a modo. O que non imaxinas é con quen casou... ¡Coa Cristeta!
–¿O Carroña casou coa Cristeta? Oh, my God, Xoán, pero ¿que dis?
–O que escoitas, o Aquilino casou coa “Cristeta, dez quilos en cada teta”, como dicía o Luís.
–Volver con la frente marchita... Volvo e mátasme a sorpresas. Vai haber que beberlle algo.
–Imos á cervexería aquela, alí nos soportais... Cóntoche: a min díxome o irmán da Ana que o seu xefe era un tal Aquilino, e describiumo. Era o Carroña sen dúbida. E despois describiume a muller do xefe: a Merchi Pazos, a mesmísima Cristeta. Morra Marta e morra farta: o Carroña fartaríase de fozar naquel corpazo... O tipo morreu o ano pasado, dun derrame cerebral.
–¡Hostia!
–E só che era dous anos máis vello ca nós, Ferminciño. Era do 45 polo que apareceu na mortuoria.
–¡Puf! Tamén morreu o noso socio, o Larry, con trinta e cinco anos, dun infarto, cando xa nos estabamos montando nos cen mil dólares ao ano cada un de nós.

 

–E, mira, Xoanolas, ¿e nesas viaxes sudamericanas fodiches moito?
–Pois... Espera, que vou pedir máis combustible. ¡Dúas medias máis de negra! O malo desta cervexería é que lle hai que berrar ao fulano... Pois, home, no de foder, se foses outro, diríache que si fodín a mazo para que me deixases tranquilo. Pero non. Ás veces os das empresas metíanche unha moza de agasallo no cuarto do hotel... Pero para a fodemia cómpre ter tempo. Aínda non vin sitio onde non teñas que darlle unhas voltas ao asunto antes de meteres a caralla en quente, mesmo que sexa cunha goodtimer. Eu... ¿Como cho diría? Eu ando na maldita teima de espremer cando a vidiña me dá, que xa pasei dos trinta anos. Ándoche a zugar o que acado... Imaxíname na Arxentina, nunha mañá de xullo austral na pampa, o aire parado, a cara a doer co frío, o bafo mesto do cabalo e todo aquel mundo verde prateado polo lazo... Non ía quedar en Buenos Aires á cata de conas podendo botar nunha estancia os catro días libres que tiña por alí.
–Tes razón, pero nas novelas tamén hai que meter escenas de cama. Se non, non vendes... Teño unha idea. No avión vin a pensar que nos temos que facer ricos por todos os medios. Ti e mais eu postos a parir novela pornográfica teriamos que ser o demo. ¿Imaxinas unha de orxías en colexio maior feminino, monxas incluídas?
–O Luís anda niso, pero en teatro, e en cine. E o Avelino di que me ten que contar o que pasa no hospital, para que faga un novelón do diaño, tamén con orxías de bata branca.
–¿E que pensas facer coa túa novela esa d’O mirto e os loureiros?
–Esperar, agardar, ter paciencia... O Alberto Mourín díxome “váiseche publicar” pero insinuou que teño que reescribir  o principio... Non che sei... Ese éche un texto condenado á gabeta para sempre.
–Pois logo será un negocio cando sexas famoso, seguro, ho. Daquela dásllela aos de calquera cátedra de literatura e publícancha comentada: unha obra do período de formación do grande novelista Xoán Castro Méndez, etcétera... ¿Que andas a parir agora? ¿Que escribes?
–Ui, iso é unha historia moi longa. Sabía que mo ías preguntar... É que aquí non hai quen publique nada, e, como di un da nosa tertulia no Barlovento, non existen os delincuentes senón falta de traballo. Por iso me lancei a facelo.
–¿A faceres o que? Non che entendo.
–Un momento, déixame ordenar ideas, que a cervexa empeza a facer efecto, e non só diurético. A ver, a ver... Ben, a cousa é o que xa sabes, que as vacas sagradas e os sagrados becerros van publicando; e os demais, merda. Non che queda máis remedio que mandares cousas aos concursos... Por exemplo, non hai moito déronme un premio por un conto.
–¿Déronche un premio? ¡Ben!
–Case ben, Fermín, case... O caso é que me deron un premio, un premiño de consolación.
–¿E que carallo contabas nese conto?
–Pois... éche a historia dun país que se chama Fiordia, que o ten oprimido Centrália. Os centraleses métenlles alí aos fiordeses o Radiolar, que é un sistema de radiodifusión que se leva posto. Quero dicir que todo o mundo anda acoplado a el continuamente, todo cristo anda cun aparello receptor metido na orella coma os audífonos dos xordos. O persoal está sempre atento... O caso é que todo canto se escoita polo chintófano é falado en centralés, e así van machucando a fala da Fiordia... A historia acaba en pelexa entre fiordeses radicais, que queren petardear as emisoras do Radiolar, e moderados, que se reclúen nunha península illada e erguen unha pantalla electro-magnética, dispostos a conservaren o idioma a todo custo.
–Boa mensaxe, ¿e vancho publicar?
–Seica si, os do ateneo. Son os que organizaron o premio, e queren facer unha publicación colectiva, cunha escolma de premiados e finalistas.
–É curioso. Fáiseme curioso estar bebendo unha Guinnes nun ambiente coma o desta cervexería, que non é un pub. Estamos oíndo xente a falar, ¿como era?, centralés e fiordés, ¿non?, ao tempo. Isto é unha diglosia que manda chover na Habana. Eu veño disposto a pór bombas, se fai falta, para acabar co desastre... ¿Sabes que? Que andei bastante metido nos movementos dos chicanos e dos cubanos, e mesmo dos portorriqueños, que queren a independencia. Ti mira, con todo o noxo que me dá esa xente media mulata e media india, todos cans de palleiro, aínda así, púñame do lado deles.
–Fermín, tiñamos que ir a Lekeitio, co Luís. O Luís xa cho contará, pero adiántoche unha cousa: aquela monxa do colexio maior das vascas, aquela que sempre diciamos que tiña que andar esmagando as tetas para que non se lle notasen...
–Sor Izaskun. Nomes a machado. ¿Non me digas que se saíu de monxa? Mira que estaba boa, e o cabrito do Kepa a falar en vasco con ela. ¿Que lle diría?
–Andaba a quentarlle a cabeza, e algo mais, se cadra... A sor Izaskun non é de raza pura. A mai élle galega, filla dun galego de Pasaia, un patrón de pesca... Sabémolo porque a familia do patrón é de Lubre, da aldea do sogro do Luís. A Izaskun apareceu preñada alí, en Lubre.
–¿Preñada dun da aldea?
–Seica non... E deixou o fillo cunha tía e foise. Todo cristo na aldea di que “a monxa” é da ETA e que está en Francia enguedellada cun deles.
–¿E o cativo?
–Viñérono recoller os avós, que viven en Pasaia. Din que llo levan a ver en Francia... Calquera día ségueos a Garda Civil e cáchanos. Está cantado.
–Hostia, e ti dis que con estes carallos da UCD a cousa é diferente. Hai que ir a Lekeitio.

 

–Pensei que me abandonaras, Xoanolas. Tráesme a este mesón e desapareces. Aínda ben que pedín unha cunca.
–É que, amais de mexar, chamei a Ana para dicirlle que non vou cear.
–¿E que dixo?
–Nada. A Ana éche de boa madeira... Tanto o Avelino coma ela teñen ciúmes de ti porque el me coñece desde que eramos uns cagallóns e porque ela non admite intrusos na súa arañeira, pero os dous son bos, son moi bos, moi boíños, aínda que o besta do Ave pareza que come o mundo... Mentres mexaba, lembreime do moito que nos escarallamos cando mataron o Melitón Manzanas. ¿Como podía chamarse así un fillo de puta desa categoría? Melitón, Mortadelo y Filemón.
–Tes razón no de que cómpre ir a Lekeitio, ao cemiterio de Lekeitio, aínda que non sirva para nada... En fin: váiseme a cabeza e non é polo jet lag; é que me emborrachan estes recendos. Velaí choquiños, e, mira, teñen callos, callos sacrosantos. Xa me tardaba que nos fósemos da cervexería, puf. O cheiro da cervexa é o mesmo en todo o mundo. Necesitaba cheirar país, e o cheiro dos callos é matricial.
–¿Non irás pedir callos de noite, Fermín? Non farás iso, Fermín, Ferminciño. Mira que acabas botando a mascada nunha esquina. Non me fodas.
–Vai pró carallo... Señora, faga o favor, ¿oíu?, dúas cuncas e unha ración de chocos, e outra de callos. ¿E ti que queres?
–Mexillóns ao vapor... Unha cousa, ¿e cando vén logo a túa familia?
–Cando os cativos acaben a preschool.
–Estiven a pensar que, se cadra, podiamos pór as mulleres a traballar nunha English school para cativos.
–Pois mira que a Peggy é capaz de darlles doutrina reencarnacionista e asústanos os pais dos alumnos. Ándache nun movemento postrelixioso. Din que as relixións están superadas pero que a espiritualidade está e estará viva e hai que termar dela. Entón ándanche coa cousa esa do spiritual improvement, co de ter coidado dun mesmo, amar a un mesmo, a espiritualidade práctica. Todo moi ben, pero de repente empezan a barrenar coa reencarnación e...
–Ti es a reencarnación do teu avó telegrafista.
–E ti a de Macías o Namorado... Mira que callos, ¡sursum corda!
–Mão de vaca com grão de bico...
–¿O que?
–Nada. Estoume a lembrar do equivalente en Portugal. A min o que me gusta é a pata cos garavanzos. As tripas, non.
–Home, agora que falas de Portugal... Foi un verdadeiro pracer coñecer en persoa o Alfredo Pardo, o galaico-lisboeta. O tipo ten unha teoría absolutamente válida: que nós somos o pobo máis orixinal de Europa, un pobo a contrafío de todo, que non acepta os esquemas organizativos dos demais, que empezou por desmontar o sistema feudal e a partir de aí todo o fai ao revés. El está orgullosísimo de que sexamos o país do “non” ao que sexa.
–“Non” a todo menos á lingua de Centralia. Para iso os fiordeses estamos sempre dispostos ao “si”. Si, bwana. Doma e castración.
–Está ben esa idea da pantalla electro-magnética para protexerse do castelán-centralés. Se cadra, Xoanciño, é a nosa solución final... ¿Esperas polos mexillóns? Proba os callos, ho; só unha cullerada, e mira ese anaco de pata. Mételle a culler, métella, carallo. Sen medo.

 

–Logo da bacanal de callos e suposto ribeiro, ¿a onde quere don Fermín o Indiano que dirixamos os nosos pasos cambaleantes?
–¿Aínda funciona o tipo aquel das queimadas?
–Non. Debeuno matar a competencia do Fraga.
–Certo, o Fraga... Ata as Américas nos chegou o conto das súas habilidades. O pailán dos tirantes de arribaespaña facendo queimadas políticas, ¡que país!
–Pois si, ho. España é unha galaicocracia: sempre hai un galego tentando mandar en Madrid... Ei, mira onde pisas, coidado co ciscallo.
–¡Puah, que noxo!
–Isto non ten nome. Deixamos as bolsas de plástico amoreadas nas beirarrúas co lixo das casas e despois veñen os cans e rómpenas para fozaren nelas.
–Na civilización americana un esquécese destas cousas. Alá poñen uns contedores para botar o lixo... Axiña te afás a

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.