"O obxectivo é conseguir vender Novagalicia Banco polo 50% do actual valor en libros da entidade". Este é o reto que se marcou o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (Frob), o brazo financeiro do Estado, para concluír a operación de privatización de Novagalicia Banco (NCG), segundo recoñeceu o director xeral, Antonio Carrascosa.
Aceptar esta perda do 50% implica aceptar que se perden case 7.650 dos 9.000 millóns que o Estado inxectou na entidade
Comparado co euro polo que venderon bancos como Banco de Valencia, CAM ou Unnim a operación podería ser unha das mellores da reestruturación financeira. Pero convén lembrar que NCG Banco foi rescatado polo Estado e aceptar esta perda do 50% implica aceptar que se perden case 7.650 dos 9.000 millóns que o Estado inxectou na entidade. Un diñeiro que saíu do peto dos contribuíntes españois.
O organismo público facilitoulles a semana pasada ás entidades interesadas na compra o acceso detallado ás contas do banco e ao resultado da auditoria legal realizada para a venda. Segundo os datos facilitados por Carrascosa o valor en libros da NCG é de 2.700 millóns de euros, polo que daría por bo pechar a venda cuns ingresos de ao redor de 1.400 millóns. E a idea é repetir unha operación similar á de EVO Bank, (unha escisión das NCG Banco creada coas súas sucursais fóra de Galicia) que foi vendida ao fondo de investimento Apolo por 60 millóns de euros, un 55% do seu valor neto contable.
Aínda así os cálculos de Frob non deixan de ser optimistas, xa que son as contas do vendedor e haberá que ver até que punto os compradores están dispostos a pagar esa contía ou non. Iso non se saberá até mediados do mes de novembro, segundo explicou este mércores Carrascosa nun encontro con investidores institucionais estranxeiros, moitos deles representantes dos coñecidos como fondos voitre, no hotel Wellington de Madrid.
Alí, tanto o director do Frob coma o ministro de Economía Luís de Guindos confirmaron que cinco entidades españolas se interesaron pola operación e que varios fondos internacionais poderían acudir unidos á privatización. "Hai un fondo de investimento que está claramente interesado e outros tres que están a analizar o proceso, pero que non mostraron un interese claro na operación" aseguraron.
As entidades interesadas teñen tempo até final de mes para analizar a información, solicitar aclaracións e realizar os seus propios cálculos
O sector financeiro identificou como "o máis interesado" ao xigante estadounidense Guggenheim, ao que, segundo publicou a prensa especializada, poderían acompañar outros como Anchorase, Elliot e WL Ross ou o vello coñecido do sistema financeiro español JC Flowers. Aínda que a idea de Guggenheim sería ir da man con outro fondo que tivese unha vocación investidora de, cando menos, medio prazo na operación.
De momento, as entidades interesadas teñen tempo até final de mes para analizar a información, solicitar aclaracións e realizar os seus propios cálculos. E será entón cando teñan que comunicar se finalmente acoden ou non á poxa.