A construción naval precisa respostas

  • Editorial

A reconversión do sector naval galego foi carne de películas, libros, reportaxes e moita mobilización social. Os grandes estaleiros, que prescindiron da meirande parte do seu cadro de traballadores durante os anos oitenta e noventa, botaron man de auxiliares e subcontratas para manter o ritmo de produción e intentar facer fronte á dura competencia europea e asiática. A crise financeira mundial non fixo máis que agudizar a dramática situación dun sector que forma parte da identidade galega. As empresas, grandes e pequenas, afrontan un futuro incerto e carente dun apoio institucional que tamén esmorece.

Se se teñen en conta os datos oficiais, non é posible defender que a suspensión do sistema de bonificación fiscal (coñecido como tax lease) sexa o único motivo que explique a ausencia de novos pedidos. Non se constrúen novos barcos pesqueiros, especialidade durante décadas dalgún dos principais estaleiros de Galicia. Máis aínda, as administracións bonifican a desmontaxe deste tipo de embarcacións. Pero tampouco hai encargos de grandes buques debido á falta de financiamento, de estrutura empresarial e de apoio das administracións.

Por cada traballador fixo dun grande estaleiro, hai outros dez indirectos de firmas auxiliares e subcontratadas. Só na área de Vigo hai máis de 17.000 traballadores que dependen directamente do feito de que o naval non sexa, agora, protagonista da historia pasada da economía de Galicia. O excesivo apalancamento ao que recorreron grandes firmas como Vulcano ou Hijos de J. Barreras vén de agravar a ausencia de apoio financeiro para a negociación de grandes barcos, que implican un enorme custo de produción. Pero situacións como a de Navantia vai máis alá da crise financeira. O veto imposto desde Bruxelas fai que a súa supervivencia dependa dunha postura surrealista: a de non permitir que o estaleiro asuma toda a capacidade de produción á que pode facer fronte. Hai centos de postos de traballo en xogo. 

O naval precisa dun respaldo firme e convencido das administracións, que respondan ante os traballadores e a sociedade do país. Os xestores dos grandes estaleiros, que nalgúns casos optaban por pagar multas pola demora da entrega e asumían máis contratos dos que se podían facer, deben responder, tamén, fronte á dureza da realidade. Galicia xógase parte do seu futuro. O naval xa está a ser xulgado polo seu pasado. Só de Galicia depende reivindicar a importancia dun sector que sempre camiñou da man do mar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.