A unidade de acción non é unha opción: é unha necesidade

  • Editorial

O Partido Popular posúe un poder institucional insólito na (breve) historia democrática española e está decidido a aplicalo para remover dereitos políticos, sindicais e sociais conquistados ao largo de décadas de loitas. A reforma laboral anunciada o venres polo Goberno español, ben como os plans de axuste no emprego público autonómico expostos pola Xunta de Galicia na véspera, constitúen as mostras máis evidentes do programa que desde Monte Pío e desde a Moncloa se pretende levar a cabo.

Ante esas agresións, dunha gravidade tal que custa encontrar precedentes, urxe unha resposta social daqueles sectores que se negan a atrasar o reloxo da historia en varias décadas, aínda máis cando a experiencia dos úlitmos anos –dentro do Estado español e no resto da UE– demostra que os sacrificios son unha vía de man única, un círculo vicioso que nin axuda a superar a crise económica nin reparte de xeito equitativo as cargas.

Para que esa resposta social se produza e teña a necesaria amplitude e solidez, é imprescindible o concurso dos sindicatos de clase. E máis aínda: é necesaria unha unidade sindical firme e sen fisuras que contribúa á creación dun grande pólo social fronte ás agresións laborais, á perda de dereitos sociais e á minorización do sector público en beneficio do lucro privado.

 

Os sacrificios son unha vía de man única, un círculo vicioso que nin axuda a superar a crise económica nin reparte de xeito equitativo as cargas

As mobilizacións conxuntas contra a reforma laboral da función pública autonómica ou en defensa do sector naval de Ferrolterra deben ser o exemplo que guíe esa acción sindical conxunta, pois a pesar de erros como a convocatoria unilateral dunha folga xeral por parte da CIG, hai tempo para construír unha unidade de acción que inclúa os 3 grandes sindicatos pero tamén outros minoritarios e sectoriais.

Mais ao mesmo tempo, as grandes centrais sindicais están obrigadas a faceren unha autocrítica. As actuacións tanto duns como doutros desde o comezo da crise dista de ser exemplar, o que provocou en boa parte da súa base social un distanciamento que cómpre superar. Unha vía para conseguilo pode ser a de articular un movemento amplo, no que se dea cabida a outras organizacións sociais e onde os movementos sociais progresistas –tanto os clásicos como os novísimos que se agrupan en torno ao 15-M– se sintan coprotagonistas. Do éxito do empeño depende boa parte da saúde dun Estado do Benestar que, mesmo precario en moitos aspectos, resulta imprescindible manter e ampliar para construír unha sociedade máis xusta.

A cidadanía está á espera de mensaxes de esperanza e de alternativas. O primeiro paso para conseguir a súa atención é superar o estupor e o medo que hoxe cunden entre amplas camadas sociais e, se non hai unidade e xenerosidade, será moito máis difícil conseguilo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.