NGB é unha cuestión de país

  • Editorial

O cambio de Goberno converteuse nun pano a través do cal non se deixan ver as críticas da Xunta. A mesma que condenou o recurso á Lei de Caixas ou o decreto de reforzamento financeiro reinterpreta agora as palabras do ministro De Guindos para asegurar que o final de Novagalicia Banco, anunciado de xeito explícito, non ten por que producirse. Luis de Guindos avanzou este xoves a nova reforma financeira que aprobará hoxe o Consello de Ministros. Preguntado pola situación na que se atopan as catro entidades nacionalizadas (Novagalicia Banco, Catalunya Caixa, Unnim e Banco de Valencia), o mandatario foi claro: o Executivo as porá no mercado "o antes posible".

Isto só significa unha cousa. Que os máis de 2.400 millóns que o Fondo Bancario (FROB) puxo para recapitalizar a entidade que preside José María Castellano hai que recuperalos. A vía é facer unha poxa na que o banco que poida asuma o bo e o malo de Novagalicia. O malo, entendido desde a óptica financeira, será menos relevante tendo en conta que a empresa vén de anunciar outro ERE para ata 700 traballadores. O bo, unha cota de mercado que case chega ao 50% en Galicia. Non hai apenas morosidade entre os clientes particulares da empresa. Só a construción, como en tantos outros casos, perfora a confianza no balance da empresa crediticia.

Malia á claridade de De Guindos, desde a Xunta confíase no futuro independente e galego da compañía. Os desexos non son cousa dos Gobernos, porque tampouco impediron que a Consellería de Facenda xudicializase o proceso con recursos ao FROB ou ao decreto de solvencia. O novo regulamento, que rematará coa subhasta de Novagalicia Banco, só recolle optimismos. O futuro dunha empresa coa relevancia económica, histórica, social e cultural de NGB é unha cuestión de país, non de reinterpretacións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.