Hai un amplísimo consenso na sociedade catalá sobre a necesidade de redefinir a súa relación co Estado español. Trátase dun consenso transversal, froito dun proceso de debate exemplarmente pacífico e democrático, que reclama como cauce normal de expresión a consulta á cidadanía. As institucións do Estado español tiveron tempo e ocasión para escoitar, entender, propor, negociar… En vez diso, as elites españolas responderon cunha ofensiva recentralizadora nos planos político, financeiro, xudicial e mediático. Ese foi o verdadeiro certificado de defunción do pacto de 1978, que xa dera sinais de esgotamento na etapa de Zapatero, coa negativa a negociar o Plan Ibarretxe, as sacudidadas da crise global de débeda e a amputación do novo estatuto catalán, e que foi pechada en falso mediante a sucesión dinástica e a renovación do arco político español.
A dereita española impuxo o seu discurso máis tradicional e a esquerda foi incapaz de propor alternativas viables, sen conseguir sintonizar coa corrente central da sociedade catalá
As elites con sede en Madrid, iso que nos últimos anos se veu dando en chamar o IBEX-35, concentraron todos os seus esforzos en conxurar o perigo para os seus intereses representado pola nova esquerda estatal, xurdida dun discurso de impugnación do réxime, sen conceder análoga importancia á quebra do pacto constituínte coas burguesías vasca e catalá. En resumo, a dereita española impuxo o seu discurso máis tradicional, nunha nova mostra da súa incapacidade para deixar atrás as concepcións autoritarias que historicamente a teñen lastrado; pola súa parte, a esquerda foi incapaz de propor alternativas viables, limitándose a declaracións de intencións sen percorrido e a unha análise de curto prazo, sen conseguir sintonizar coa corrente central da sociedade catalá.
Perante a inconcreción das boas palabras da oposición, a nula capacidade de iniciativa do Goberno e a acomodación dos poderes fácticos españois, o pobo catalán vese chamado a un referendo que a escasas horas de celebrarse segue rodeado de incertezas. Sería desexable que o referendo fose pactado e que non houbese un tirapuxa entre un goberno que o organiza e outro que fai todo para impedilo. Sería desexable que cada cidadán e cada cidadá de Cataluña tivese a absoluta certeza de que poderá votar se así o desexa e do valor que terá o seu voto, sexa cal for o sentido do mesmo. Sería desexable que houbese un guión consensuado por todas as partes sobre os pasos a dar a partir do día 2 de outubro, dependendo do resultado que as urnas deitasen.
Agora é o tempo da xente: se é posible, a través de voto; se non, será certamente mediante a profundización da vaga mobilizadora, que en ningún caso debe ser reprimida pola vía violenta
Pero nada diso pode xa ocorrer. O tempo dos pactos entre elites acabou, como demostra a política de persecución policial e xudicial da convocatoria e como nos lembran cada día os principais medios de masas, altofalantes acríticos dunha única visión posible de España da que fica fóra o amplo sector da poboación que vai do independentismo ata quen aposta, simple e abertamente, polo diálogo. Agora é o tempo da xente: se é posible, a través de voto; se non, será certamente mediante a profundización da vaga mobilizadora que xa está en marcha e que en ningún caso debe ser reprimida pola vía violenta.
Non hai partos limpos, nin mundos perfectos, e é evidente que este referendo non é o ideal. Pero semella o único referendo viable nesta altura dos acontecementos, e por iso merece ser apoiado, como a mellor expresión posible da vontade democrática de arredor do 80% do pobo catalán, atendendo a múltiplos inquéritos, sobre o seu futuro colectivo. Sexa cal sexa o sentido maioritario do voto, todos os demócratas deberían respectalo e actuar en consecuencia.
Cabe preguntarse se o papel do Goberno galego se vai limitar en erixirse nun anacrónico dique de contención entre apelacións ao apoliticismo que farían arroibar a quen impulsaron a propia autonomía
Xa agora, quen perseguen urnas e papeletas, ben como aqueles que os apoian sen permitir matiz ningún, deberían reflexionar sobre o seu concepto de democracia. Porque é diso que se trata, da máis xenuína democracia: consultar ao pobo o camiño que desexa seguir, en vez de negarlle a voz por todos os medios, algo que con toda probabilidade ha acabar sucedendo se, despois deste 1-O, as apelacións ao ardor guerreiro poden comezar a ser remudadas pola política, tan ausente.
Nese novo escenario de probable reconfiguración territorial do Estado cabe preguntarse, adicionalmente, cal será o papel do Goberno galego. Se o de, cando menos, aspirar a preservar o minguado autogoberno do país ou, como ata o momento, erixir con dilixencia a Xunta en anacrónico dique de contención e alicerce programático da madrileña rúa de Génova entre baldeiras apelacións ao apoliticismo e negacións da condición nacional galega. As mesmas que fan arroibar ao seren comparadas xa non co ideario soberanista, senón mesmo coas ideas básicas de quen impulsaron a propia autonomía.