Vitoria magra da dereita, derrota amarga para a esquerda

  • Editorial

O primeiro que cómpre destacar das eleccións celebradas onte é a vitoria do Partido Popular e do seu candidato, Alberto Núñez Feijoo. Estamos diante dunha vitoria absolutamente lexítima e que admite pouca discusión, pois a maioría do PP prodúcese nun Parlamento de 75 escanos cun limiar do 5% como se produciría se o número de deputados se reducise ou se o mínimo para o acceso ao Parlamento de Galicia fose do 3% e porque a cifra de votos recibidos polo PP supera –levemente, mais supera– a suma dos obtidos por PSdeG, AGE e BNG, forzas que constituirán a oposición parlamentaria na IX Lexislatura da nosa historia autonómica.

Faría mal o PP en ignorar que esta vitoria chega despois de perder o apoio de máis de 135.000 electores a respecto de 2009, o que significa un descenso de nada menos que o 17,2% de apoios

Feijoo sae reforzado como líder da escena política galega e como valor en alza do PP a nivel estatal tras ser o primeiro gobernante europeo que consegue revalidar o cargo nas urnas con comodidade a pesar da aguda crise que estamos a atravesar. Unha vez máis, como xa ocorrera en 2009, a vitoria de Feijoo servirá de impulso para Rajoy, que se daquela se proxectou cara a Moncloa, desta volta recibe un valioso balón de osíxeno para impor a política de (máis) sufrimento que acompañará o inminente rescate do Estado español por parte da troika.

Non obstante, faría mal o PP en ignorar que esta vitoria chega despois de perder –a expensas do reconto do voto CERA, desta vez cunha participación moi cativa e que non alterará significativamente as contas– o apoio de máis de 135.000 electores a respecto de 2009, o que significa un descenso de nada menos que o 17,2% de apoios, que se traduciu na perda de soamente un 1,0% sobre voto válido debido ao notable aumento da abstención. A dimensión do triunfo do PP, traducido en escanos, resulta tamén enganosa, xa que é máis produto da deformación causada pola lexislación electoral que dun resultado plebiscitario que estivo moi lonxe de se producir, xa que o PP obtén o 54,7% dos escanos mais acadou un 45,7% dos votos e a súa vantaxe sobre o conxunto da esquerda parlamentaria (PSdeG, AGE e BNG) é do 1% e de menos 15.000 votos. Xa que logo, non se pode afirmar que a cidadanía galega referendase a acción política de Feijoo, senón de que suspendeu categoricamente a da oposición. Cómpre reflexionar sobre o paradoxo de a crise terlle pasado máis factura á oposición que ao goberno.

Non se pode afirmar que a cidadanía galega referendase a acción política de Feijoo, senón de que suspendeu categoricamente a da oposición

Se as perdas do PP son moi notables, as de PSdeG e BNG son dramáticas. En conxunto, as tres forzas que compuxeron o Parlamento de Galicia nesta última lexislatura perden case medio millón de votos, pero máis do 70% dese descenso correspóndelle á oposición. Tanto o PSdeG como o BNG están obrigados a facer unha profunda autocrítica, pois a priori sería difícil imaxinar un escenario máis propicio para exercer a oposición que o que se lles presentou durante o primeiro mandato de Feijoo. A mesma necesidade de autocrítica é aplicable, salvando as distancias, para Compromiso por Galicia, cuxos resultados están moi aquén do esperado e que foi incapaz de recoller o electorado descontento dos sectores progresistas máis moderados, precisamente aqueles onde a abstención se disparou.

O enorme éxito da AGE –e particularmente dun Xosé Manuel Beiras que se erixiu en único líder capaz de discutirlle a primacía a Feijoo– ultrapasou todos os prognósticos mais resultou insuficiente para compensar a sangría de votos perdidos por PSdeG e BNG

Esa necesidade de reflexión e de autocrítica é extensible ao conxunto da esquerda, tanto a partidaria como a social, pois se é verdade que o sistema económico e social está en plena crise, non o é menos que no plano político é a esquerda quen paga as consecuencias. O enorme éxito da AGE –e particularmente dun Xosé Manuel Beiras que se erixiu en único líder capaz de discutirlle a primacía a Feijoo– ultrapasou todos os prognósticos mais resultou insuficiente para compensar a sangría de votos perdidos por PSdeG e BNG, e non debería servir de coartada para agachar os problemas de fondo dunha esquerda que desceu en máis de 150.000 votos e que carece dun proxecto de goberno socialmente crible, como demostra o feito de que só a mensaxe dunha forza de oposición frontal como é a AGE obtivese eco no electorado. Neste país non se gañan eleccións sen vocación de gobernar, sen xeración de confianza e sen unha –unha, non varias enfrontadas– alternativa clara á dereita. Todos estes requisitos estiveron ausentes no ámbito da esquerda partidaria.

Non podemos esquecer que esta mesma Galicia que onte revalidou a maioría do PP é a que ao longo da lexislatura que conclúe protagonizou as maiores mobilizacións da historia en defensa da lingua galega, a que saíu ás rúas masivamente o 29 de marzo e o 19 de xullo deste ano e a que vén de dar un exemplo –inadvertido para moitos por producirse en plena campaña electoral, mais decisivo– ao formar a Alianza Social Galega. Hai, polo tanto, unha base social amplísima, tensionada e cohesionada, mais cuxas dinámicas non encontran translación na esfera política electoral.

Hai unha base social amplísima, tensionada e cohesionada, mais cuxas dinámicas non encontran translación na esfera política electoral

Esa desconexión da esquerda social a respecto da esquerda partidaria formula un grande desafío, que se divide en dous procesos complementarios. Trátase do desafío da confluencia: confluencia dos partidos cos movementos e organizacións sociais e mais confluencia entre os propios partidos ao redor de mínimos partillados por todos (que os hai se se queren atopar con humildade e responsabilidade histórica). Deben ser procesos serenos, construtivos e integradores, mais tamén inadiables para poder construír unha alternativa á hexemonía cultural e electoral da dereita. Para un enorme continxente de electores, non ten sentido que a esquerda que loita xunta nas rúas compareza dividida ás eleccións, sen unha converxencia de acción á vista. Resolver esa fractura social e dotarse dun programa capaz de explicar o que está a ocorrer e de formular alternativas susceptibles de acadaren un apoio maioritario constitúen os dous grandes retos da esquerda.

A oposición ten a partir de hoxe unha lexislatura enteira para comezar a afrontalos. Mais isto só será posible se se evitan respostas escapistas da autocrítica, se se evita caer no vicio do “canto peor, mellor” e, sobre todo, se prima a cooperación sobre a competición

A oposición ten a partir de hoxe unha lexislatura enteira para comezar a afrontalos. Mais isto só será posible se se evitan respostas escapistas da autocrítica, se se evita caer no vicio do “canto peor, mellor” e, sobre todo, se prima a cooperación sobre a competición, un risco moi presente a teor dos resultados electorais do domingo e que debe ser conxurado tan axiña como posible. Esa tarefa correspóndelle en primeira instancia ás respectivas direccións partidarias, mais tamén ao conxunto da súa militancia e, dun modo xeral, á base social organizada da esquerda, que debe facer un chamamento para impedir a consolidación de lecturas en clave interna e o acirramento das tensións, a fin de que se instaure un clima proclive ao entendemento e non a unha confrontación con resultados previsiblemente estériles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.