“Non sabemos que pasará no agro, se as labregas galegas seguiremos a carecer de recoñecemento e de dereitos, sen un estatuto xurídico que os recolla, e cunha lei de cotitularidade sen desenvolver. Esa constitúe unha das reivindicacións do 8 de marzo deste ano”. A que fala é Lidia Senra, líder durante dezaoito anos do Sindicato Labrego Galego (SLG), un dos poucos que historicamente se comprometeu na visibilidade e defensa das campesiñas. Faino na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago, convidada por Panxea-Comercio xusto.
“Hai que empezar por modificar o interior das nosas propias organizacións”, recomenda, e recorda que tanto a nivel internacional como estatal as estructuras internas aínda priman os homes: “Sen ir máis lonxe a COAG, Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos, conta só cunha muller e sete homes dentro da súa executiva”.
Desde o 28 de maio do ano pasado as mulleres rurais poden figurar como cotitulares, xunto á súa parella, do negocio familiar de explotación agraria ou gandeira
Desde o 28 de maio do ano pasado as mulleres rurais poden figurar como cotitulares, xunto á súa parella, do negocio familiar de explotación agraria ou gandeira, unha vella reivindicación que por inercia e menoscabo patriarcal se lles negaba. Aplícase de modo semellante aos matrimonios e ás unións de feito, e as subvencións que reciba a parella repartiranse ao 50%, igual que os rendementos económicos.
No momento de se aprobar a normativa, máis de oito de cada dez mulleres traballaban sen ningún recoñecemento legal do seu emprego, en calidade de cónxuxes ou fillas, como “axuda familiar”. Pero a situación “non mellorou en exceso” desde entón. “A ex ministra Rosa Aguilar collera este tema de bandeira e impulsou a cotitularidade, pero o feito é que para que se poida outorgar ten que estar conforme o home e asinala, non a pode demandar a muller unilateralmente; vese que sen outros incentivos a cousa non avanza. Cando existía o Servizo Galego de Igualdade do Bipartito impulsouse cunha medida de acción positiva de 2.000 euros. Só con iso se logrou un progreso”.
“A maioría non cotizaron nunca e moitas só os 15 anos finais”
Ademais, o horizonte económico para as labregas galegas asoma desolador, "coa pobreza como perspectiva". Só un 5% se xubilarán coa pensión completa, fronte a un 80% dos seus compañeiros. “A maioría non cotizaron nunca e moitas só os 15 anos finais”.
Por un decreto do franquismo, para ingresar na Seguridade Social agraria, as mulleres debían demostrar que eran o sustento da familia, algo que se modificou no 2004. Mais aínda agora, os cartos xerados pola explotación non alcanzan en moitos casos para custear dous réximes de autónomo. Non obstante, evolucionouse con respecto ao pasado, sobre o que Senra lembra un caso paradigmárico: “Xubilárase unha familia nunha casa na que xa non quedaba ninguén para traballar. Os señores tiñan unha filla casada levando a medias a explotación da que era titular o seu home. Cando lle quixeron ceder a súa titularidade, con cota do leite, etc., negáronlla coa solución de que lle pasara todo ao marido ou fixera separación de bens. E é que sen cotitularidade non hai nada, tampouco para unha viuva. En caso de divorcio, elas quedan desamparadas, con moitas dificultades para demostrar a súa posición; estou farta de ver trampas nos xulgados para que non lle quede nada á labrega que se divorcia, tivemos que mendigarlles certificados aos vendedores de pensos, aos proveedores, para deixar constancia de que elas traballaban”.
Os cartos xerados pola explotación non alcanzan en moitos casos para custear dous réximes de autónomo
Para a activista labrega, a muller achega sustentabilidade, pois os plantexamentos de soberanía alimentaria “son moito máis cercanos á idea de agricultura como alimentación que temos nós; os homes cando pensan en alimentación adoitan facelo como negocio ou grandes mercados”.