Parece ser que España está ao borde dun rescate total. Ninguén está seguro e todo son ruxerruxes, porque a falta de transparencia alimenta a aqueles que queren especular (e obter pingues beneficios) coas incertezas da cidadanía. Ninguén comprende o porqué desta situación, pois como empresas privadas que son os bancos poderían estar perfectamente sometidos ás mesmas regras do mercado que calquera outra empresa, sen arrastrar con eles á xente de todo un país. Ninguén apunta tampouco camiños ou solucións alternativas, agás un desesperado e estrondoso “non!” a todas as medidas, sen máis motivo cós saloucos pola presunta dor que lle causarán cando se poñan en marcha a moitas persoas.
Así as cousas, seguen faltando as alternativas. Se estamos tan mal, se España e Italia son un problema para a economía global (como apunta o FMI), e se as receitas actuais son claramente ineficaces cando non prexudiciais e regresivas (como teñen manifestado entre outros Paul Krugman, Premio Nobel de Economía, ou Jean Ziegler, vicepresidente da ONU), o lóxico sería que tras tanto tirón de pelos xurdisen as análises e as propostas diferentes. Pero pouco ou nada diso hai no horizonte.
O definitivo da situación parece tan rotundo que calquera solución, por absurda ou peregrina que sexa, parece que merece ser probada por se acaso funciona
A desesperación semella tanta que case non hai tempo para pensar. O definitivo da situación parece tan rotundo que calquera solución, por absurda ou peregrina que sexa, parece que merece ser probada por se acaso funciona. Con todo, nunha sociedade sumida na incerteza, as solucións peregrinas máis ca posibles alternativas serias son, en última instancia, unha perda de tempo e un malgasto de recursos. Cando todos eses recursos fagan falla para poñer en marcha as solucións que podan amañar algo, nos atoparemos con que xa queimamos os cartuchos cando non debiamos facelo. Que facemos entón?
Antes de chegar a ese momento aínda podemos facer caso aos ‘Os Resentidos’: “estamos en guerra pero hai que reflexionar”. Nunca tan certo foi como hoxe cando, en guerra contra unha crise económica que pode acabar con todo, as saídas dignas a esta crise só virán da man de solucións pensadas, meditadas e reflexionadas. Actualmente, a sociedade ábrese a calquera solución a calquera prezo, pero a paciencia se esgota á mesma velocidade ca unha esperanza xa moi castigada. Catro anos levamos pensando que o ano seguinte será mellor có anterior, e a realidade nos amosa que o seguinte posiblemente sexa aínda peor ca este (as previsións do FMI antes dos últimos recortes estiman unha recesión do 0.6% do PIB).
A esquerda ten a maior das responsabilidades pois, na oposición practicamente en todas partes, non ten a presión do goberno, en si ten o tempo de cara para analizar con máis paciencia, rigor e audacia as posibles saídas a esta crise. Aos impacientes direilles que, sen dúbida, hai que estar na rúa e explicarlle á cidadanía as consecuencias nefastas de todo o que está a facer o incapaz e saturado goberno de Mariano Rajoy e do PP. Pero tamén lles digo que só con iso non chega para pasar de oposición a alternativa de goberno. Non chega con protestas e condenar, tamén hai que reflexionar e propoñer, con audacia e sen medo, novas solucións de esquerda.
A esquerda ten a maior das responsabilidades pois, na oposición practicamente en todas partes, non ten a presión do goberno, en si ten o tempo de cara para analizar con máis paciencia, rigor e audacia as posibles saídas a esta crise
O primeiro paso pasa por crear espazos compartidos de análise. A esquerda pode estar organizada en distintos grupos, lexitimamente orientados a grupos sociais e/ou ideolóxicos diferentes; pero iso non significa que as súas forzas de reflexión e creación de ideas deban estar tamén igualmente disgregadas. Aínda máis, foron en momentos de unión de forzas na reflexión, e de multiplicación de esforzos diversos na acción, cando a esquerda ten conseguido historicamente os seus maiores logros. Ese é o camiño. Así o penso. Mesmo estou totalmente convencido diso.
Por iso, un grupo de camaradas/compañeiros/amigos de diversas militancias, correntes e opinións estamos organizando o que pronto será unha proposta aberta a toda a esquerda de Galicia. Un espazo aberto para o diálogo e o debate. Un lugar para intercambiar impresións, xerar ideas e poñer en marcha iniciativas compartidas. Sen máis pretensión que atoparnos e falar. Oxalá a iniciativa calle. Creo, honestamente, que Galicia e España ben o necesitan. Seguiremos informando.