... u shebók laná jobéina ...

“y perdona nuestras deudas, así como nosotros perdonamos a nuestros deudores...” Así ás carreiras e redondeando, penso que levarei rezado catro mil padrenuestros (non painosos, que a min Deus sempre se dirixiu en castelán) en dez anos de infancia e adolescencia. Son moitos ou poucos Non sei, pero como texto literario chégalle ben. Porque non creo que cantara mais de cen veces Romance in Durango ou Tempestades de Sal. No ano 1988, cando eu xa deixara o rezo, a Igrexa mudoulle a letra á canción: onde antes dicía débeda agora debiamos dicir ofensa. Din que en arameo a mesma palabra designa “culpa” e “débeda monetaria”, pero por que o cambio precisamente agora? Naquel ano 1988, Reagan, Thatcher e mailo Papa Wojtyła encabezaban a última Gran Cruzada contra o pérfido comunismo e na defensa dun mercado libre bendicido por Deus. A ver que vai ser isto! Agora as leis do mercado son leis divinas, os contratos deben cumprirse e as débedas pagadas, sicut erat in principio, et nunc et semper, et in saecula saeculorum...ui... síntoo, que fun esvarando coa emoción. En fin, que o poder relixioso sempre de ganchete co poder económico.

Os problemas do ser humano coa débeda non son cousa nova. No Levítico establecíase que cada 49 anos había un de perdón, un ano de xubileu onde as débedas eran perdoadas, e os israelitas que caeran na escravitude por mor das súas débedas eran postos en liberdade. Semella que xa daquela o sistema económico tiña querenza pola concentración dos activos e, xa que logo, pola concentración do poder. O ano sabático intentaba coutar que tal cousa sucedera; e como a esperanza de vida andaba naqueles tempos polos 50 anos, o ano sabático tamén actuaba para eliminar o problema da débeda xeracional. Deste xeito, a xeración que seguía ao pai pobre e endebedado recuperaba a terra e tiña a oportunidade de empezar a cultivala outra vez. Os pecados dos pais (mala administración) non caían así tan pesadamente riba das cabezas de fillos e fillas. Tamén o código sumerio de Hammurabi (1700 a.C., o código de leis mais antigo que se conserva) contemplaba algo similar en Mesopotamia: perdón regular da débeda, a cal incluso prescribía unha vez cada tres anos. Isto é interesante porque semellaría que a sociedade mais antiga en permitir que houbera rédito nos préstamos, tiña ao mesmo tempo instrumentos de perdón, os cales anulaban o poder da débeda.

Hai toda unha vizosa literatura no Antigo Testamento sobre o concepto da liberación dos escravos da débeda (Éxodo 21:1, Levítico 25:8, Deuteronomio 15:1,...). Pero o Novo Testamento leva esta institución social a un nivel mais alto e fundamental. Alguén tiña que pagar un rescate polo pobo que caera na escravitude. Este pobo debía ser mercado, rescatado ou en termos globais contemporáneos, bailed out, ou sexa, liberado mediante o pagamento dunha fianza. O perdón, tanto sexa de débedas coma de pecados, é a clave futura do cristianismo, aquilo que a fai única entre as relixións principais. O papel de Xesús era redimir os homes, mercarnos por un prezo, pagar a nosa débeda para ceibarnos do abrazo asfixiante do pecado, da débeda. Para o pobo xudeu daquel tempo, Deus  veu a proclamar o ano do xubileu, o ano do perdón das débedas, dos pecados.

No ano 2008, o libre mercado estoupa unha vez mais, e tras súa un fumeiro de desolación, un regueiro de escravos da débeda. Países enteiros escravizados. Reagan, Thatcher e Wojtyla son xa apenas po no camposanto e non teñen ollos para ver a desfeita da súa Gran Cruzada. Do que é mal, adóitalle suceder aos humanos que non poden ver os seus mausoleos rematados: tampouco Fraga chegou a ver o esplendor da súa Cidade Santa. E daquela temos que volver a Xesús, crebar as regras da competencia sobre as que está construído o capitalismo, e pregarlle ao demo comunista-cristián que nos bote unha man. Unha vez mais, aínda que nos doia e aínda que sexa inxusto, debemos recorrer ao perdón da débeda e asumila todos en comunista comandita. Por que os bancos e as compañías mais endebedadas, que semella non deberon competir moi ben que digamos, reciben o perdón mais grande? Porque sería difícil imaxinar o armagedón financeiro que acontecería se os gobernos non pagaran o rescate nin redimiran os bancos e demais empresas sistémicas. Non é xusto, de seguro, pero tiña que facerse para redimir non soamente as compañías altamente endebedadas senón tamén outras que fracasarían se aquelas poucas non foran salvadas. Nós así o quixemos. Fomos nós que renegamos do demo Estado e lle sacamos a solta ao anxo Mercado. Logo, xa ceibo, o anxo e desfixo a eito, e deixou medrar compañías ata convertelas en sistémicas. O inxusto é que cando estas caen, non as salva o Mercado, senón o Estado. Non as salva Deus senón o Demo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.