Na tradición imaxinaria da Santa Compaña dise que hai almiñas do purgatorio que non poden entrar no ceo e andan pola noite en procesión, penando polos pecados seus ou de outros aínda vivos... Desta caste son Amador Rey e Daniel Niebla de Ferrol, Xosé Ramón Reboiras de Dodro, A Coruña, e Xosé Humberto Baena de Vigo. Pertencían a familias diversas e faleceron violentamente en anos e lugares distintos pero andan van sempre xuntiños porque foron asasinados da mesma maneira: a tiros pola ditadura de Franco nos seus estertores.
Despois de 40 anos aínda está sen facer unha investigación xudicial democrática sobre o metrallamento dos obreiros de Ferrol co fin de identificar e xulgar ós seus autores materiais e intelectuais
Amador e Daniel (36 anos, pais de familia) morreron o 10 de marzo de 1972 na Ponte das Pías cando se manifestaban pacificamente cos seus compañeiros do estaleiro Bazán (Xulio Aneiros, Rafael Pillado, Manuel Amor, Xosé María Rioboo, Ignacio Fernández Toxo…), hoxe Navantia, en defensa das súas reivindicacións laborais. Desde entón, cada 10 de marzo os seus compañeiros maniféstanse no súa lembranza. En 1997 o Parlamento de Galicia, a petición do Sindicato Nacional das Comisións Obreiras (CC.OO.), recoñeceu o 10 de marzo como “Día da Clase Obreira Galega”, e os traballadores dos distintos sindicatos seguen a recordaren cada 10 de marzo ós seus compañeiros caídos na masacre de 1972, que levan catro décadas sen acougo por causa de outros... Din os colegas de dereito internacional que os crimes de lesa humanidade non prescriben nunca, aínda que haxa lei de amnistía-impunidade que, teño para min, en España non houbo (impunidade) pola boca grande. Despois de 40 anos aínda está sen facer unha investigación xudicial democrática sobre o metrallamento dos obreiros de Ferrol co fin de identificar e xulgar ós seus autores materiais e intelectuais.
Moncho Reboiras (25 anos), perito industrial e militante nacionalista, morreu o 12 de agosto de 1975 na rúa da Terra tamén en Ferrol, a consecuencia das balas que lle dispararon polas costas policías franquistas, como se demostra coa camisa que conserva a familia. Cada 12 de agosto a Unión do Pobo Galego (UPG), organización fundadora do Bloque Nacionalista Galego (BNG), réndelle unha homenaxe. En 2009 o seu irmán recibiu do Goberno español una carta de recoñecemento, segundo a Lei de Memoria Histórica de 2007, por ter “padecido de manera ilegítima persecución y violencia, hasta darle muerte, por su militancia política nacionalista”. 37 anos despois deste crime político, Reboiras continua esperando por un xuíz que faga xustiza, ordenándolle á policía democrática investigar este falecemento encarnizado, tres meses antes da morte natural de Franco, que estaba nese día en A Coruña.
Reboiras continua esperando por un xuíz que faga xustiza, ordenando á policía democrática investigar este falecemento encarnizado
Humberto Baena (25 anos) morreu o 27 de setembro de 1975 cos últimos fusilados polo franquismo, García Sanz e Sánchez Bravo, os seus compañeiros do Frente Revolucionario Antifascista y Patriótico (FRAP), e os membros de ETA, Txiki e Otaegui. Penas de morte contra as que houbo manifestacións en toda España e unha enorme solidariedade internacional que non fixo dubidar a Franco que as asinou, dous meses antes de morrer. Luis Eduardo Aute inmortalizou na canción Al alba o sufrimento colectivo que causou en nós, naquel intre, estes crimes de Estado. Humberto, estudante de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, primeiro, e peón de fundición, despois, deixounos un documento de valor histórico: unha carta de despedida dirixida ós seus familiares e compañeiros onde amosa a lucidez, serenidade e valor con que enfrontou a una morte inxusta, ós 24 anos, polas súas ideas de transformación social.
Os seus pais e agora a súa irmá Flor peregrinaron de tribunal en tribunal pedindo en democracia que se revisase e anulase o ilegal proceso militar (acusárono, sen probas, de matar un policía) ata chegar ó Tribunal Constitucional que, baixo a presidencia de Manuel Jiménez de Parga, non admitiu en 2004 a denuncia porque “La Constitución no tiene efectos retroactivos, por lo que no cabe intentar enjuiciar actos de poder producidos antes de su entrada en vigor”. Igual lle dixeron ás familias de Julián Grimau, Salvador Puig Antich e… a Garzón. Tampouco o Tribunal Europeo de DD. HH. admitiu en 2005 (hoxe seria distinto) a denuncia da familia Baena. A Lei da Memoria Histórica de 2007, en vigor (seica), non comprende a anulación das sentencias dos irregulares tribunais franquistas. A asociación de Jueces para la Democracia vén de insistir, despois dos atroces xuízos contra Garzón, na urxente anulación das condenas do franquismo, sen o cal non haberá xustiza, reparación e verdade para as vítimas dos anos negros 1936-1977, nin verdadeira reconciliación nacional.
Os avances en España e noutros países da recuperación da memoria histórica, e os avances do dereito internacional e das institucións internacionais tocante á persecución universal dos delitos imprescritibles de lesa humanidade, están creando novas condiciones para que se faga xustiza en Galicia e España coas vítimas do franquismo sen restricións temporais. Tamén axuda o escándalo nacional e internacional provocado polo procesamento do xuíz Garzón xustamente por “intentar enjuiciar” os actos criminais do franquismo.
Escándalo e mobilización que impediu a súa condena por “prevaricación” de parte do Tribunal Supremo que logrou, a cambio, a súa expulsión da carreira xudicial pola súa investigación da trama Gürtel. Viuse con todo o TS na obriga de recoñecer a lexitimidade de posición de Garzón, e doutros xuristas españois e instancias internacionais, contra o poder xudicial español que polo de agora segue defendendo, xunto cos partidos maioritarios, que a Lei de Amnistía de 1977 supón garantía de impunidade para os represores franquistas.
A “cacería xudicial” contra Garzón deixou claro a ollos do mundo enteiro, no ámbito social, xurídico e político, que en España non se vai aplicar hoxe por hoxe o dereito internacional, e menos cun Goberno do Partido Popular
A “cacería xudicial” contra Garzón deixou claro a ollos do mundo enteiro, no ámbito social, xurídico e político, que en España non se vai aplicar hoxe por hoxe o dereito internacional, e menos cun Goberno do Partido Popular, en canto a persecución dos crimes do franquismo: o que abre, dunha banda, a posibilidade de levar adiante o principio de xurisdición universal, no que foi pioneiro Garzón, procurando a noutro país o que en España non é posible, e facilita, doutra banda, a demanda de extensión da tutela xudicial ás vítimas ata o fin da ditadura, xa que o rexeitado Auto de Garzón de 2008 abranguía soamente homicidios, torturas e outros delitos de motivación política cometidos polos franquistas, as súas institucións e os seus corpos represivos.
Consolídase así, en 2012, a vía internacional para xulgar os crimes do franquismo entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977, incluídos os asasinatos dos nosos mortos que piden vida: Amador, Daniel, Moncho e Humberto. A xustiza universal sobre os crimes do franquismo esta aberta neste momento en dúas instancias estranxeiras: xustiza arxentina e Tribunal de Estrasburgo.
A xuíza federal María Servini abriu en 2010 unha causa en marcha contra o franquismo, apoiada pola Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica
A xuíza federal María Servini abriu en 2010 unha causa en marcha contra o franquismo, apoiada pola Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica, a demanda de Darío Rivas (fillo do alcalde de Castro de Rei, asasinado pola Falanxe en 1936), Silvia Carretero (viúva de José Luis Sánchez Bravo fusilado con Baena en 1975) e doutras vítimas. Xustiza arxentina efectiva logo para as vítimas españolas da ditadura, que quixo e non puido acadar Garzón, hoxe reforzada polo apoio público, de ampla resonancia internacional, que o pasado 1 de marzo de 2012, o Goberno e o Parlamento arxentinos deron ó xuíz Garzón despois de tanto maltrato por parte da xustiza española…
A segunda opción é o Tribunal Europeo que Dereitos Humanos que, hai un mes, admitiu a trámite unha demanda do Fòrum per la Memòria del País Valenciá por xenocidio, crimes contra a humanidade e violación de dereitos fundamentais, en nome das 23.661 persoas asasinadas e sepultadas en 6 fosas comúns entre 1939 e 1945. Denuncia colectiva que foi rexeitada -como a de Baena- polo Tribunal Constitucional español, tramite preceptivo en todo caso que tamén vai seguir o recurso de Garzón pola inhabilitación ordenada polo Tribunal Supremo. As sentencias do Tribunal de Estrasburgo son executadas directamente polo comité de ministros do Consello de Europa.
Paralelamente, a Oficina das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos vén esixindo do Estado español a derrogación da Lei de Amnistía de 1977, por causa da súa utilización político-xurídica durante 35 anos para encubrir os crimes do franquismo. A última vez que a ONU dirixiuse ó Goberno de España con dita demanda foi tres días despois da expulsión de Garzón da Audiencia Nacional: “España está obligada, bajo la ley internacional, a investigar las graves violaciones de los Derechos Humanos, incluidas las cometidas durante el régimen de Franco, y a procesar y castigar a los responsables si todavía están vivos”, recordou desde Xinebra este Alto Comisariado comunitario o pasado 11 de febreiro de 2012.
Se ben os avances institucionais da xustiza e a verdade histórica sobre o franquismo son agora máis internacionais que nacionais, tamén se dan en España. Onde se da un paradoxo: os partidos que máis defenden (xustamente) memoria e reparación para as vítimas do terrorismo, cuxos autores están na súa maioría presos e condenados pola xustiza democrática, son os que máis se opoñen a concederlle os mesmos dereitos humanos e democráticos, incluído o dereito a xustiza, as vítimas do franquismo. Dobre vara de medir desde políticos que está dificultando o proceso de paz en Euskadi.
O Goberno vasco presidido polo PSOE, e sostido polo PP, está preparando un decreto de reparación das vítimas vascas da policía española entre 1968 e 1978
De aí que o Goberno vasco presidido polo PSOE, e sostido polo PP, estea preparando un decreto de reparación das vítimas vascas da policía española entre 1968 e 1978, como os etarras Txiki e Oteagui fusilados o mesmo día que Baena e Sánchez Bravo, os obreiros de Vitoria metrallados en 1976 e outros reprimidos violentamente (tamén torturados). Trátase dun paso adiante para a paz e a rexeneración de democracia en España, por moito que se queira desligar esa violencia policial do franquismo (chámanlle “excesos policiais”) ou reducir a reparación das vítimas a unha indemnización económica, sen investigación xudicial nin verdade histórica.
Este punto de inflexión no País Vasco, que vai ter se queira ou non a súa influencia no resto de España, estendendo a reivindicación colectiva da memoria ata 1977, tivo xa una consecuencia simbólica inédita: o pasado 3 de marzo de 2012, a portavoz do Goberno vasco colocou unhas flores de homenaxe no monumento ós cinco afiliados de CC.OO. e UGT mortos a tiros por participar nunha asemblea de traballadores, como en Ferrol. No mesmo acto falou a representante da pioneira Asociación de Víctimas 3 de Marzo (nacida en 1999) que, una vez mais, pediu que se faga xustiza cos mortos de Vitoria durante o derradeiro goberno da ditadura, presidido por Arias Navarro. Chegará un día que unha Xunta de Galicia faga o mesmo en Ferrol o 10 de marzo, día da clase obreira galega, xunto cos sindicatos.
Dixo Castelao que “non enterran cadáveres, enterran semente”, vai sendo hora de que saian as flores. Son chegados os tempos de que todos os nosos mortos por culpa do franquismo descansen en paz no ceo dos xustos.