100 días do goberno Sánchez

A diferenza do que ocorría tradicionalmente, os 100 días de prazo que se conceden aos gobernos constituídos ao fío das investiduras realizadas polos distintos parlamentos, xa non teñen operatividade. Non se adoita respectar esa tregua temporal por parte das forzas da oposición e tampouco pola opinión publicada. No caso do gabinete de Pedro Sánchez, hai dúas circunstancias que reforzan esa carencia. Por unha banda, a singularidade do acceso ás responsabilidades executivas a través dunha moción de censura provocou que a dereita política e mediática utilizara a metáfora descualificadora do “goberno Frankestein” e invocara a suposta ilexitimidade do apoio dispensado polas formacións independentistas catalás. E ademais, o PP -con Pablo Casado instalado no posto de mando da rúa Génova- asumiu as tácticas xa practicadas no pasado. Cando perdeu o poder nas eleccións xerais de 2004 (despois daquel espectáculo inesquecíbel das mentiras difundidas sobre o atentado do 11-M), promoveu un modelo de oposición extraordinariamente belixerante que destilaba unha mensaxe inequívoca:foran inxustamente derrotados por unha conspiración de escuros intereses políticos, mediáticos e mesmo internacionais.

O balance da acción do novo goberno de Sánchez ofrece, como era previsíbel, luces e sombras. Entre as primeiras destacan tres novidades relevantes: as actuacións tendentes a rebaixar a tensión que atravesa a vida política e social de Catalunya; a maior esixencia na asunción de responsabilidades políticas e unha mellora no respecto polo pluralismo na RTVE.

Aínda que non é realista pensar que o conflito catalán poda ter unha solución a curto prazo, si resultan constatábeis algúns cambios significativos a respecto da liña seguida polo goberno de Rajoy: reactivación das comisións bilaterais coa Generalitat; disposición a unha apertura de diálogo e negociación sobre o actual encaixe de Catalunya na estrutura do Estado e afirmación da primacía das vías políticas sobre as anteriores opcións xudicializadoras. Perviven, como é obvio, importantes factores de confrontación: o encadeamento preventivo de varios dirixentes independentistas e as duras peticións de condena que manexa a fiscalía; a actitude de máxima belixerancia adoptada polo PP e C´s (reclamación dunha nova aplicación do 155 e negativa a calquera diálogo coas formacións que integran o govern da Generalitat) e as notábeis diverxencias iniciais sobre os eventuais denominadores comúns que permitan concretar un futuro pacto político entre os diferentes actores involucrados.

As dimisións de Huerta e Montón representaron un significativo punto de inflexión nas tradicións políticas vixentes nas últimas décadas de bipartidismo onde, como é sabido, só se abandonaba un cargo se había unha previa condena xudicial. Para Pablo Casado, neste aspecto, a vida segue igual. A súa traxectoria na URJC ofrece indicios relevantes de ter recibido un trato privilexiado por parte dalgunhas autoridades académicas. Que se facilite a obtención dun mestrado sen cumprir os requisitos que se esixen ás demais persoas pode non encaixar acaidamente nunha figura delitiva determinada ou ter prescrito a eventualidade responsabilidade penal mais iso non altera o xuízo ético que merece semellante comportamento. A exemplaridade de calquera dirixente político non debería ter data de caducidade.

Non se pode negar, finalmente, a existencia dun novo clima nos informativos e nas tertulias de RNE e TVE. Deixaron de ser obxecto da manipulación obscena protagonizada polos comisarios políticos do PP nos anos da hexemonía absoluta deste partido, certificando que, se hai vontade na maioría parlamentaria, é posíbel dignificar o funcionamento dos medios públicos de comunicación e acadar o nivel de pluralismo esixíbel a un sistema democrático de calidade.

Unha das sombras mais evidentes no labor do executivo de Sánchez foi a renuncia a conxelar a venta de armas a un réxime -o de Arabia Saudita- que van ser empregadas nas súas falcatruadas bélicas en territorio iemení. A pesar de que tiña a cobertura da propia legalidade española, a ministra de Defensa tivo que desmentir o anuncio inicial debido á chantaxe practicada polos gobernantes saudís coas fragatas encargadas a Navantia. O episodio deixa unha conclusión para o futuro: levar adiante políticas alternativas ás desenvolvidas pola dereita esixe que todos os sectores implicados (partidos, sindicatos representativos e votantes) reflexionen sobre as hipotecas que leva aparelladas a produción indiscriminada de material armamentístico.

Dúas eivas mais completan este breve cadro analítico. Unha delas: a banalización da reforma constitucional que supón prantexar só a modificación dos aforamentos para colocar á defensiva aos dirixentes do PP na liorta partidista conxuntural. E a outra: a indefinición dunha folla de ruta na política económica mais alá da remisión  a unha tutela acrítica por parte das autoridades de Bruxelas. Os síntomas que apuntan á inminencia dun ciclo recesivo internacional poderían colocar a este goberno diante dunha erosión análoga á padecida nos tempos de Rodríguez Zapatero se non se rexistra unha reacción axeitada.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.