Indignaríanme máis as palabras do ministro Wert se non fose porque xa me teñen acostumado, se non fose porque non me sorprende nada en eles. E indignaríame menos se non fose porque “españolizar”, nas verbas da dereita, que sempre foi o adalide do orgullo patrio, tanto se era dunha nación con Estado como sen el, sempre significou outra cousa, ben distinta que “vivencia equilibrada de dúas identidades”. E para iso basta con documentarse historicamente un pouco sobre o que significa esta data de hoxe.
Non viría mal lembrar as palabras do sabio escritor e intelectual uruguaio Eduardo Galeano sobre como se gañou ese territorio que disque descubrimos os hispanos e se dá en chamar América Latina
Neste Día da Festa Nacional, das Forzas Armadas, do Pilar e da Hispanidade, da Unidade de España (non a Hespaña que dicía Castelao), do Espírito Nacional e Hispano e tantas cousas que os políticos, Rajoy, Wert, Santamaría e compañía, pretenden invocar con chamadas á Patria e á identidade nacional… non viría mal lembrar as palabras do sabio escritor e intelectual uruguaio Eduardo Galeano sobre como se gañou ese territorio que disque descubrimos os hispanos e se dá en chamar América Latina. “A división internacional do traballo consiste en que uns países se especializan en gañar e outros en perder. A nosa comarca do mundo, que hoxe chamamos América Latina, foi precoz: especializouse en perder desde os remotos tempos en que os europeos do Renacemento se abalanzaron a través da mar e lle afundiron os dentes na gorxa (…).
Este xa non é o reino das marabillas onde a realidade derrotaba a fábula e a imaxinación era humillada polos trofeos da conquista, os xacementos de ouro e as montañas de prata. Pero a rexión segue traballando de serventa. Segue a existir ao servizo das necesidades alleas, como fonte e reserva do petróleo e o ferro, o cobre e a carne, as froitas e o café, as materias primas e os alimentos con destino aos países ricos que gañan consumíndoos, moito máis do que América Latina gaña producíndoos. Son moito máis altos os impostos que cobran os compradores cós prezos que reciben os vendedores”.
A tan cacarexada imposición dunha lingua non é máis cá do castelán, transfigurado en español co nacemento dos Estados nacionais, ao longo e ancho do continente americano
Efectivamente, o que hoxe celebramos, ou celebran algúns, como un descubrimento propio e a conformación dunha identidade ultramarina, non é máis cá conquista a sangue e lume do alleo, do estraño, do que non é noso e sen embargo nos apropiamos; e a deturpación, ocultamento e devastación das identidades indíxenas, até a invención dunha falacia histórica coa que dar de comer á mente enaxenada das xeracións posteriores. A tan cacarexada imposición dunha lingua non é máis cá do castelán, transfigurado en español co nacemento dos Estados nacionais, ao longo e ancho do continente americano, e máis aló.
A nosa riqueza baséase na súa pobreza; se nós somos tan ricos agora é porque antes e agora os saqueamos
E a causa desta imposición non é máis que económica, político-militar e imperialista. Enriquecerse coas materias primas e a man de obra dos pobos dominados a toda costa e a expensas do empobrecemento material, social e moral destes, a todos os niveis. Algo moi parecido a desangrar un corpo e aproveitarse do cadáver secula seculorum, mesmo cando xa non se lle ten que sacar, todos os seus azos xa baldeirados. “É América Latina, a rexión das veas abertas. Dende o descubrimento ata os nosos días, todo se transmutou sempre en capital europeo ou, máis tarde, norteamericano, e como tal se acumulou e se acumula nos afastados centros de poder.”
A nosa riqueza baséase na súa pobreza; se nós somos tan ricos agora (como civilización, xa non falo do reparto extremadamente desigual e inxusto deses beneficios entre cidadáns e clases sociais intra muros) é porque antes e agora os saqueamos, e eles, como os seus irmáns de África e Asia, sosteñen, co seu subdesenvolvemento imposto por nós, o super-desenvolvemento de Europa, Norteamérica e as demais rexións denominadas “desenvolvidas” (Israel, Xapón…). Como di Mafalda na súa célebre viñeta, interrogando a un impasible globo terráqueo: “Que fixeron algún Sures para aturar certos Nortes???”.
Di Galeano en As veas abertas de América Latina: “Para quen concibe a historia como unha competencia, o atraso e a miseria de América Latina non son outra cousa que o resultado do seu fracaso. Perdemos; outros gañaron. Mais ocorre que quen gañaron, gañaron grazas a que nosoutros perdemos: a historia do subdesenvolvemento de América Latina integra, como se dixo, a historia do desenvolvemento do capitalismo mundial. A nosa derrota estivo sempre implícita na vitoria allea; a nosa riqueza xerou sempre a nosa pobreza para alimentar a prosperidade doutros: os imperios e os seus capataces nativos”. Por iso, o que se festexa hoxe non é unha historia de unión, senón de disgregación; nin de paz e concordia, senón de guerra e incomprensión, asoballamento e uniformización, cun móbil económico en primeiro termo.
O que se festexa hoxe non é unha historia de unión, senón de disgregación; nin de paz e concordia, senón de guerra e incomprensión, asoballamento e uniformización, cun móbil económico en primeiro termo
A “rojigualda” semella unha bandeira de sangue e lume, ou peor, bile, coa que se exaltan os millóns de mortos dende aquel tráxico 12 de outubro de 1492 no que Europa albiscou por primeira vez a Terra virxe das infamias do Home occidental, porque dicir Ser Humano sería moito: con toda a súa carga de patriarcalismo, imperialismo e fundamentalismo relixioso, étnico e cultural, todo pola causa do Imperio Cristián. A súa pobreza serve á nosa grandeza, a da Patria Hispana que, aínda hoxe, nos tentan insuflar vía mass media tódolos días os gardiáns ideolóxicos do Imperio. E por iso, este día nos pobos latinoamericanos celébrase como o Día da Resistencia Indíxena, algo moito máis acaído á Realidade e á Historia. E eu engadiría que habería de chamarse o Día do Saqueo, ou do Descubrimento. Pero da súa Riqueza. E da nosa Miseria.
(Este artigo é a ampliación e actualización doutro publicado no desaparecido xornal en papel Galicia Hoxe o 12 de outubro de 2010)