Hai agora 15 anos nacía a chamada Declaración de Barcelona, un conxunto de documentos asinados por BNG, CiU e PNV que postulaban “unha nova cultura centrada nunha comprensión da realidade estatal, que require, entre outras cousas, un criterio de valoración das realidades sociais distinto do que difundiu secularmente o Estado uniformizador”.
CiU e PNV ostentaban as máximas responsabilidades gobernamentais nos seus respectivos territorios e o BNG viña de acadar a condición de segunda forza política parlamentaria
Naquel momento, CiU e PNV ostentaban as máximas responsabilidades gobernamentais nos seus respectivos territorios e o BNG viña de acadar a condición de segunda forza política parlamentaria e, xa que logo, dirixía a oposición á Xunta presidida por Manuel Fraga. Nese contexto, as tres forzas nacionalistas proclamaban que “O Estado español é, ao mesmo tempo, a institución que nega a soberanía que nos pertence como nacións e o espazo político no que conquistar a liberdade nacional, por medio da acción conxunta para configurarmos un Estado plurinacional de tipo confederal. Este sería o modelo apropiado para un Estado plurinacional, por canto parte do recoñecemento da soberanía de cada nación, do respecto ao dereito que teñen a tratarse en pé de igualdade e a fomentar a colaboración e coordinación baseadas na equidade, a solidariedade e a liberdade de cada unha. O exercicio do dereito de autodeterminación cabalmente entendido asentase nos procesos e obxectivos devanditos(…) Para poder avanzar nun proxecto de remodelación do Estado español é imprescindíbel que, comprometidos os nacionalistas neste proceso e proxecto, os partidos estatais recoñezan e respecten os ámbitos de decisión comunitaria das nosas respectivas nacións con todas as opcións que iso supón (independencia, confederación, federación).Unicamente a asunción deste duplo compromiso permitirá avanzar no proceso de remodelación” .
Certamente, as circunstancias mudaron significativamente. A situación que se vive actualmente no seo da sociedade catalá presenta unha singularidade destacada: hai un apoio moi maioritario á celebración dunha consulta sobre o futuro das relacións entre Catalunya e o Estado e medrou ate niveis descoñecidos o volume de persoas que apostan pola opción dunha nación independente no ámbito da UE. A sentenza ditada polo Tribunal Constitucional, desnaturalizando a reforma do Estatut ratificada en referendo polo corpo electoral, alimentou unha dinámica de polarización que o goberno de Rajoy non quere alterar e o PSOE de Rubalcaba non é quen de neutralizar. As sondaxes que se están publicando nos últimos meses certifican a envergadura das mudanzas: CiU é superada por ERC, o PSC e o PP padecen un devalo relevante e Ciutadans aparece como o referente preferido polos sectores que se opoñen a unha eventual secesión de Catalunya. CDC virou cara posicións independentistas –algo que non ocorrera na historia desta formación dende 1977- e Unió fica totalmente illada e ameaza cunha ruptura definitiva da coalición nacionalista que gobernou durante tantos anos na Generalitat.
Catalunya vai ser o test de estrés do sistema democrático vixente no Estado español. Nos vindeiros meses comprobarase a consistencia dos materiais sobre os que está edificado o réxime
Catalunya vai ser o test de estrés do sistema democrático vixente no Estado español. Nos vindeiros meses comprobarase a consistencia dos materiais sobre os que está edificado o réxime xurdido na segunda parte da década dos anos setenta do pasado século. Un conflito nacional coma este require, entre outras condicións, a práctica do diálogo e da negociación entre todas as partes concernidas. A posición de Mariano Rajoy e do PP é, precisamente, a menos indicada para tratar de construír un novo status político que suscite os consensos sociais imprescindíbeis.
O proceso que se está desenvolvendo en Catalunya coloca o nacionalismo galego nunha posición contraditoria
O proceso que se está desenvolvendo en Catalunya coloca o nacionalismo galego nunha posición contraditoria. Por unha banda, constitúe unha oportunidade para facer pedagoxía sobre a fortaleza que proporciona a existencia dunha ampla vontade social favorábel ao exercicio do dereito a decidir sobre o propio futuro nacional. Porén, ao mesmo tempo, contribúe a visualizar a debilidade social que padece o propio universo nacionalista (moito mais relevante despois da división rexistrada nos primeiros meses de 2012) e inviabiliza a posibilidade de concertar posicións a respecto de fórmulas alternativas ao propio modelo constitucional vixente. Noutras palabras: coa situación actual, non resulta verosímil o establecemento de propostas de estruturación plurinacional do Estado español análogas ás que se postulaban na Declaración de Barcelona. As organizacións nacionalistas de Catalunya –e semella que tamén as de Euskadi- teñen unhas follas de ruta que non pasan por eventuais pactos coas forzas homólogas das nacións periféricas. Para o fracturado nacionalismo galego non é unha boa nova a perda daqueles proxectos comúns de hai quince anos.