O 15 de novembro é o aniversario da declaración de independencia de Palestina, proclamada por Iasser Arafat, en Alxeria, en 1998
O 15 de novembro é o aniversario da declaración de independencia de Palestina, proclamada por Iasser Arafat, en Alxeria, en 1998. Dezasete anos despois, a data segue a ser unha proclama tallada na mente palestina con madeira de oliveira, esa árbore rexa e ancorada á terra que o propio líder palestino erguera na Asemblea Xeral da ONU, o 13 de novembro de 1974. Daquela defendera o valor deste símbolo perenne para que xamais caducase nas nosas cabezas: «Hoxe vin cunha póla de oliveira e a pistola dun defensor da liberdade. Non deixen que me caia da man a póla de oliveira».
A idea do manifesto foi un xeito de apremar a comunidade internacional para recoñecer a soberanía palestina
A idea do manifesto non foi o do recitado dun imaxinario estado libre de pasaxeiros con palabras fugaces, como escribiu o poeta Mahmud Darwix, autor da declaración, senón un xeito de apremar a comunidade internacional para recoñecer a soberanía palestina. O feito de producirse tras os anos violentos da Primeira Intifada (1987-1993), marcou un punto de inflexión na loita pola liberación, ao empregar a diplomacia como estratexia. Con todo, o acto só conseguiu pequenos cambios simbólicos, como foron os Acordos de Oslo.
O entón líder da OLP, Iasser Arafat, e mais o primeiro ministro israelí, Itzhak Rabín, acordaron a creación da Autoridade Palestina no pacto pacífico de 1993
O entón líder da Organización para a Liberación de Palestina, Iasser Arafat, e mais o primeiro ministro israelí, Itzhak Rabín, acordaron a creación da Autoridade Palestina no pacto pacífico de 1993. O éxito da sinatura apenas pasou do intercambio de sinaturas e imaxes, nas que Arafat volveu gravar no imaxinario da xente o significado de Palestina, unha terra cun pobo de seu, cunha longa historia de pescadores, labregos e camiñantes, e cunha identidade propia, tatuada xa para sempre na kuffieh.
Arafat aproveitou a icónica prenda para burlar calquera tipo de prohibición e arrimar o lombo á loita pacífica, ao levar Palestina sempre ao ombro, coa kuffieh a representar o mapa da Palestina histórica
A kuffieh é o pano para a cabeza que adoitaba usar o campesiñado e co que se protexía do sol e das tormentas de area. Durante a revolta árabe de 1936, serviu para cubrir a cara diante das autoridades coloniais británicas e o intento de prohibir o seu uso provocou o efecto contrario. Por iso Arafat aproveitou a icónica prenda para burlar calquera tipo de prohibición e arrimar o lombo á loita pacífica, ao levar Palestina sempre ao ombro, coa kuffieh a representar o mapa da Palestina histórica, delineada con redes, follas de oliveira e vieiros que serviron de guía a rutas como a da seda.
A paciente resistencia da oliveira, enraizada á terra, é a do pobo palestino, célebre por festexar con palabras feitos que se lle negan, como é o apego ao lar. Ese sumud, resiliencia, permite entender a constante realidade do lugar, reflectido na obra de Darwix, quen lamentou: «se as oliveiras soubesen as mans que as plantaron, o seu aceite converteríase en bágoas».