1918. O feminismo abre novos horizontes

Os cambios de século a través da historia, supoñen normalmente saltos ideolóxicos, científicos, artísticos, tecnolóxicos... Consideraba eu que a vaga postmoderna estaba durando demasiado e o pensamento brando rebaixaba o nivel político, social e cultural.

Tamén o aspecto ético. O maltrato e os asasinatos de mulleres no espazo privado, incrementábanse dun modo incompatible coa democracia.  A “normalidade” con que os acollía a sociedade, a “irrelevancia”  nos medios de comunicación, son testemuñas do escaso valor concedido ás mulleres ou o que é o mesmo, o pouco poder do  feminismo.  

E de súpeto, medio século despois do Maio do 68, que non foi feminista, pero alertou as mulleres da desigualdade, da brecha salarial e do  abuso  sexual, e tal vez as magníficas teóricas dos 70, como Kate Millet que publica Política sexual, en 1971, ou Shulamith Firestone quen con Dialéctica do Sexo, no 1970,  sinalan o poder sexual como a clave da opresión das mulleres. Nos vindeiros anos, o feminismo se terxiversa, e as mulleres tal bolboretas “cegas na luz que as ía queimar” dixera Rosalía, buscan a liberación sexual no modelo masculino, no que a promiscuidade as prostitúe e as intercambia. Sexo libre. Trampullada.

Conseguiron que entrasen no reparto mociñas moi novas, que o sexo fose cada vez máis violento, e o poder sexual máis cruel. Así xorden as bágoas negras que fan rebordar os diques de contención e aflorar o feminismo difundido que estaba latente nas mentes que críamos durmidas. E enchéronse as rúas das cidades e os pobos con reclamacións de mulleres.   

Nos EEUU, xa un famoso, listo e belísimo periodista, Ronan Farrow, fillo de Mía Farrow e Woody Allen, fixo unha investigación, e escribiu na revista New Yorker un explosivo artigo que destapa os abusos sexuais de Hollywood, en concreto do caso Harvey Weinstein, agresor sexual durante décadas, artigo que foi recoñecido co premio Pullitzer e, ademais motivou a denuncia de famosas actrices que se propagou como un andazo no coñecido Me Too.

Weinstein, multimillonario, con todo o poder para desbaratar os feitos e silenciar as persoas,  fala acotío cos seus avogados, que intentarán defendelo das numerosas causas penais que ten na súa contra. Desde Arizona onde fai unha terapia para adictos ao sexo, nunha clínica que se chama Camiño suave no prado, onde tamén estivo outro famoso denunciado por acoso sexual, Kevin Spacey. Nese paraíso que costa 58.000 dólares os 45 días de terapia, a disciplina é tan rigorosa que ten o alcume de Camiño brutal. Desde Taichi a terapias especiais de neurofeedback, non paran de tratarse, desde as seis da mañá até as 7 do serán en que son obrigados a retirarse. O famoso produtor non aturou os 45 días.

Que sometan os poderosos e lle baixen o supernarcisismo e aínda lle fagan pagar por iso, non me molesta. En Europa non existe tal patoloxía, senón luxuria, violencia sexual e poder para exercela. 

Para Weinstein xa é castigo que os amigos non lle collan o teléfono, e a muller pedira o divorcio (cun valor de 15 millóns de dólares). O produtor máis importante da industria cinematográfica, acusado pola fiscalía de crear un “ambiente tóxico para as mulleres” coa súa “conduta ilícita”, foi denunciado tamén por nove mulleres no Reino Unido. Pode pasar á historia como o iniciador do Me Too, un regueiro de ira que se foi estendendo polo mundo. Contaxioso, o movemento feminista entrou en erupción como un volcán e sacou das casas a nais, avoas e netas, implicadas con cadansúa reivindicación.

O traballo de anos deu os seus froitos. As americanas, sempre na vangarda, con máis posibilidades de ser escoitadas, como actrices e divas, dado o seu renome e categoría pública, comezaron a denunciar abusos sexuais por parte de produtores, directores ou actores valorados, e un Me Too desabordou as grandes figuras para ir indignando a mulleres de menor categoría económica e social de diversos países, que perden o medo e a honra (que nas mulleres só ten valor sexual) en vías de conseguir un me too mundial. Así, as mulleres van acabando coas imposturas nas que está terxiversada a súa vida e, ao mesmo tempo, abrindo horizontes de autenticidade nunha sociedade onde se derrote o abuso do poder. Velaí a revolución feminista, fundamento do resto dos avances na democracia. Base dunha sociedade máis xusta, máis sincera, afable e libre.  

De entrada Weinstein, un home especialmente rico e poderoso, xa está detido por abuso sexual das mulleres. Un triunfo que tamén o celebraría Rosalía de Castro. 
Ao día seguinte xa está na rúa. Por 1 millón de dólares. Poderoso don diñeiro.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.