1er Rencontre International d’Hommage à Picasso. Vallauris, 1972

Dominio Público

“A arte molesta”. “Un libro é unha arma”. Estas son expresións ditas por intelectuais para tratar de explicar por que os réximes ditatoriais atentan tantas e tantas veces contra a cultura. O poeta Louis Aragon preguntaba: como sería a arte do século XX sen a figura de Picasso? E tamén: que acontecería coa arte e mais coa cultura se Alemaña ganase a II Guerra Mundial?

Atentado Galeria Theo, 1972 Dominio Público

Tot va començar el 22 de novembre de 1971 quan vaig rebre una trucada telefònica de Jordi Costa a les tres de la matinada per dir-me que el Taller de Picasso s’estava cremant perquè hi havien llençat uns explosius per la finestra, i que havien arribat els bombers per apagar el foc. (…) em vaig trobar amb un espectacle horrorós: tots el quadres estaven cremats, les parets eren de color negre (Santiago Palet, 2022).

Cara finais do ano 1971, co gallo do 90 aniversario de Pablo Picasso, en bastantes cidades españolas programáronse homenaxes a prol do pintor malagueño. Xa coa ditadura ben andada, e forzando situacións para liberdades non contempladas nas leis franquistas, esa efeméride semellaba un bo intre para reivindicar ao artista universal, unha das bestas negras do réxime fascista.

Ao tempo -no senso contrario-, desde as cavernas do franquismo xurdiron propostas para contrarrestar precisamente esas accións. Os cans das xuventudes fascistas saíron dos negros tobos dispostos a non consentir tal cousa. A arte molesta.

Os dirixentes de ultradereita atoparon nunha peza que Picasso fixera en 1937 -xusto ao acabar o Guernica- o pretexto perfecto para encirrar os seus cadelos. A obra picassiana, elaborada 33 anos antes!, leva por título Sueño y mentira de Franco, unha serie de gravados que formaban parte do mesmo proxecto que o artista concibira (xunto co tapiz Guernica) para o Pavillón da II República Española, creado por Sert para a Exposition internationale des arts et des techniques appliqués à la vie moderne, 1937, París. (Co gallo dos Xogos Olímpicos de Barcelona, 1992, erixiuse no barrio excéntrico barcelonés de Horta unha réplica exacta do Pavillón da II República, tal cal o deseñara e levantara Sert. Hogano, ese emblemático edificio alberga o Centro de Estudios Históricos Internacionales e a Biblioteca del Pabellón de la República, cun dos fondos máis importantes a escala mundial sobre a Segunda República, a Guerra Civil, o franquismo, o exilio e a transición en España e Cataluña).

As hordas fascistas orquestraron diversos xeitos de arreporse ás homenaxes a Picasso que se organizaron en España. Por unha banda, os xornais que editaban (e outros que tamén controlaban) inzáronse de artigos denigrantes contra a persoa e obra do artista. Ao tempo, algunhas librarías que exhibían nos seus escaparates libros dedicados ao estudo e análise das creacións de Pablo Picasso sufriron atentados. O día 29 de outubro de 1971 -por exemplo- foron atacadas, en Madrid, as librarías Visor, Cultart e Antonio Machado; de tal barbarie quedan testemuñas fotográficas. O 24 de novembro sufre a mesma sorte a libraría Cinc d’Oros de Barcelona, polos mesmos motivos. Un libro é unha arma.

A tarde do 21 de novembro do mesmo ano seis individuos entraron na galería de arte Theo de Madrid. Nese centro cultural exhibíanse nada máis e nada menos que 24 gravados de Picasso que formaban parte do que se coñece como Suite Vollard, unha serie de 100 pezas realizadas entre 1930 y 1936 para o marchante francés Ambroise Vollard. O atentado contra Theo tivo como resultado a destrución de todas as pezas (rachadas con navallas, queimadas con ácido); os salvaxes deixaron escrito nunha das paredes comando de lucha antimarxista Curiosamente, ao facer balance da brutalidade fascista, os propietarios da galería botaron en falta dous dos gravados! Iso saíu na prensa: os fascistas roubaran dúas pezas de Pablo Ruíz Picasso! E, ao día seguinte, tocoulle a quenda á galería Taller de Picasso -dirixida por Santiago Palet e instalada no mesmo local da rúa da Plata, onde Picasso tivera o seu obradoiro- sufrir o atentado que o propio Palet relata no parágrafo que enceta este apartado. O atentado tivo como resultado a destrución total das obras expostas do artista italiano Ricardo Vaccaro. A arte molesta.

Hommage à Picasso, Vallauris, 1972 Dominio Público

1er Rencontre International d’Hommage. As manobras da ditadura franquista

 

Na premiação da IV Bienal ( de São Paulo), uma das surpresas foi Chagall não ter sido eleito, apesar de suas obras terem chegado em meio a grande expectativa, precedidas por ampla divulgação do prestígio do pintor. Parecia que o Grande Prêmio estava garantido para ele, mas quem o recebeu foi o italiano Giorgio Morandi. (L Mendes. Pesquisa Ciccillo Matarazzo. Fundação Bienal de São Paulo, 1994).

Acabada a II Guerra Mundial a ditadura de Franco queda totalmente illada do mundo exterior; son os anos da autarquía. Pero a Guerra Fría (iso que é posible que regrese agora coa invasión de Ucrania polo réxime de Putin) remexe alianzas e conveniencias estratéxicas (a ética sempre é inmolada). E así, o franquismo firma o Concordato co Vaticano, xa en 1953; rearme do nacionalcatolicismo. No mesmo ano os EEUU de América (defensor das liberdades?) acorda os Pactos de Madrid: instalar catro bases militares en territorio español, a cambio de certas axudas económicas e militares (ás paupérrimas escolas daqueles anos chegaron leite en po e queixo rancio).

Como parte da ruptura do illamento, EEUU axuda a España a estar presente nos acontecementos culturais internacionais máis renomeados. Daquela a CIA –a través do MOMA de New York e de todo tipo de axudas– está impulsando por todo o mundo a arte dos enfants terribles da Escola de New York, o expresionismo abstracto: Pollock, de Kooning e compaña. Polos Pactos de Madrid os EEUU animan ás autoridades ditatoriais a levar artistas novos a eventos internacionais, escaparates da arte mundial.

Luís González Robles, home que traballa para o ministerio de Asuntos Exteriores, desde a Dirección General de Relaciones Culturales, é un dos encargados de facer esa promoción internacional. En 1957 logra levar un mangado de obras de artistas que traballan en España á IV Bienal de São Paulo O éxito foi total: Jorge Oteiza logrou alzarse co primeiro premio de escultura. Ao ano seguinte González Robles enche o pavillón español da XXIX Biennale di Venezia con 162 pezas de arte de 19 artistas novos que traballan en España. Os exiliados/exiliadas non interesan: algunhas artes molestan aínda máis. Ali estiveron Guinovart, Cossío, Rafael Canogar, Manolo Millares, Antonio Saura, Antoni Tàpies (que levará o segundo premio de pintura), Antonio Suárez, Feito, Cuixart, Tharrats, Mampaso ou Rivera, entre outros. E, na entrada do pavillón, había 17 pezas do escultor Eduardo Chillida, que levará o primeiro premio. As crónicas e críticas publicadas en Italia, Francia ou Gran Bretaña falan de que foi o mellor (ou máis sorprendente) dos pavillóns presentados. Algúns dos artistas presentes na Biennale afirmarán despois que se sentiron utilizados polo goberno franquista para “vender” unha imaxe de estado moderno e aberto ás liberdades cara o exterior, e por iso se negarán a participar noutras colectivas que o ministerio de exteriores lles proporá.

Pablo Picasso por suposto non foi convidado, nin el se prestaba. O artista malagueño -bautizado como Pablo Diego José Francisco de Paula Juan Nepomuceno María de los Remedios Cipriano de la Santísima Trinidad Ruiz Picasso- afirmou que só volvería a España cando Franco estivese baixo terra (ao morrer en 1973, o artista non volveu).

EquipoCronica. s-t,1972 Dominio Público

1er Rencontre International d’Hommage à Picasso. Os tapetes pro-Picasso

 

En aquells anys existia un gran esperit de companyonia entre els artistes, en un ambient més humanista i solidari (…) Per això, el fet que molts artistes pintors, escriptors, cineastes, actors. Músics, intel·lectuals, de transversal i transavanguardista hagin creat unes obres per manifestar la la seva admiració i solidaritat amb Picasso, té uns significació molt especial. (Santiago Palet, 2022).

Picasso non se acomodaba ás maniobras franquistas. No ano 1944 fixérase oficialmente membro do Partido Comunista de Francia. O autor de Les Demoiselles d’Avignon era a besta negra do franquismo.

No ano 1971 o director de cine Manuel Summers, na súa cinta Adiós cigüeña, adiós, plasma os comentarios dun profesor: Recordad que ha sido España, precisamente, la cuna de los más grandes artistas del mundo. Velázquez, Goya, El Greco, incluso Picasso en su etapa azul. A ironía e sarcasmo de Summers son evidentes.

A partires do 22 de novembro de 1971 Santiago Palet contacta con Antoni Tàpies, e outras persoas, para ver que se pode facer como reacción aos múltiples atentados que sufriron diversas entidades por homenaxear a Pablo Picasso polo seu 90 aniversario. Tàpies proponlle que sexan accións duradeiras; non só firmar un manifesto. E conta Palet que Salvador Dalí propúxolle que personalidades fixesen unha obra sobre papel ou outro elemento perecedoiro, como se se tratase da preparación da obra definitiva. Ao final optaron por pedir a artistas, escritores e personalidades que elaborasen unha peza sobre un tapete de fío, rodeado de blonda (un encaixe que rodea a tela de fío). O resultado, por tanto, das intervencións de moitas persoas resultou ser unha obra pequena, sobre un soporte doméstico (como para servir un café e unhas galletas). O formato ofrecía a vantaxe de poder enviarse por correo sen que se decatasen as autoridades franquistas. Por outra parte, contiña o simbolismo de seren unha ofrenda que as persoas presentaban a Picasso: unha bandexa chea de solidariedade. Os tapetes foron confeccionados por monxas dun convento de Barcelona.

Non deixa de sorprender, con todo, que se pretenda (e logre) unha homenaxe internacional a Pablo Picasso con pezas tan kitsch, obxectos que -desde a perspectiva das creacións do pintor malagueño- poden ser considerados de mal gusto, cursis. Aínda así, a arte molesta.

Por diferentes redes de contactos chegouse a moitas e moitos creadores. A resposta foi masiva. Máis de 400 tapetes se recolleron, e houbo quen fixo varios traballos. A nómina por tanto é longa e diversa, contando escritores, artistas plásticos, cineastas, intelectuais, e mesmo hai algún do que hogano non se sabe a súa autoría. Agora, nas salas dos Espais Volart da Fundació Vila Casas están expostos case todos (uns 300). Entre os autores están artistas tan coñecidas e coñecidos como Sonia Terk Delaunay, Joan Miró, Antoni Tàpies, Juana Francés, o Equipo Crónica, Saura, Guinovart, Vasarely. Un dos traballos do Equipo Crónica consiste nun guante de boxeo vermello sobre o que está escrito a rúbrica que sempre facía Picasso. Todo un símbolo de loita antifranquista.

Logo vén un amplo elenco de escritores entre os que sobresaen os traballos de Neruda e os de Alberti (que en realidade quería ser pintor). Tamén se contan actores, como Fernando Fernán Gómez e Emma Cohen, que o firman xuntos. Os motivos cos que se elaboran os deseños e pinturas varían moito: nalgúns casos toman como referencia algún traballo de Picasso: unha figura ou escena ben coñecidas do pintor, diversas interpretacións do Guernica, unha pomba ou escena de tauromaquia, ou mesmo unha fotografía do malagueño.

Entre tantas persoas que se suman a esta peculiar homenaxe de desagravio a Picasso hai unha ducia de mulleres, non máis; o que representa unha porcentaxe moi baixa (arredor dun 3% do total).

J. Miró, s-t, 1971 Dominio Público

Homenatge a Picasso. Fundació Vila Casas. A exposición en Vallauris

 

Naturalment he estat molt contrariat i condeno l’expressió de violència i destrucció per un grup perturbador qu’ha atentat contre les obres d’art de Picasso. És desconsolador el constatar que hi ha aquests sers agresius contra les creacións del esperit. Però amb el seu odi, solament es fan mal a ells amteixos!! Nosaltres no podem més que repudiar-los (Pau Casals, carta sobre os atentados, 1971).

Despois de darlle voltas e voltas sobre onde expor tantas mostras de solidariedade kitsch con Picasso, decidiuse que non podía ser en España (as posibilidades de prohibila eran moitas) e optouse por facela nunha vila moi a carón de onde vivía Picasso. A vila de Vallauris, localidade da Côte Bleue francesa que xa estaba afeita a recibir exposicións do propio artista e outras similares. Hogano en Vallauris tamén hai un Musée Picasso!! As autoridades da vila aceptaron albergar alí tan especial homenaxe ao artista, e de aí vén o 1er Rencontre International d’Hommage à Picasso. Vallauris, 1972.

Antes de instalarse alí as máis de 400 pezas (os tapetes con blonda, saídos das mans de monxas) houbo problemas na fronteira. As pezas eran cativas e podían camuflarse con facilidade; non como pinturas sobre lenzos ou táboas. Con todo, as autoridades portuarias españolas quixeron deter ese envío. Pero entón entrou en acción un factor non tido en conta ata ese momento. Entre as persoas que fixeron e firmaron os tapetes de homenaxe ao demo con cornos do franquismo había varias persoas “adictas ao réxime”, e esas persoas fixeron xestións para que os máis de 400 tapetes pasasen a fronteira. As persoas que elaboraran e estamparan as súas rúbricas nalgunhas das ofrendas “do réxime” cóntanse algunhas tan significadas como o escultor Juan de Ávalos, o escultor do Valle de Cuelgamuros e de monumentos de loa ao “caudillo”. O mesmo se pode dicir de José María Pemán, o escritor do réxime, ou Camilo José Cela, que daquela andaba facéndolle as beiras ao franquismo. A intervención destas persoas salvou a situación e os tapetes chegaron a Vallauris.

Desde entón os numerosos tapetes pasaron por moitos avatares e situacións. E agora a totalidade das pezas téxtiles decoradas a prol da persoa de Pablo Picasso foron adquiridas pola Fundació Vila Casas. E esa é a razón de que agora se poidan contemplar e admirar nos Espais Volart, uns dos locais que esta fundación ten para exhibir mostras temporais. A exposición Homenatge a Picasso. Vallauris, 1972, unha escolma de obras moi completa, tamén se poden ver os gravados da serie picassiana provocadora da reacción das hordas fascistas:  Sueño y mentira de Franco. E, desde logo, moitos gravados da colección Suite Vollard, algúns dos seus exemplares destruídos (e roubados) na galería de arte Theo de Madrid.  

Como anécdota dicir que Pablo Picasso, que vivía a escasos quilómetros de onde estaban expostos os tapetes, soubo perfectamente a xénese desa mostra de respecto e homenaxe á súa persoa, pero nunca a foi ver. Cal sería a razón de semellante desplante?

A mostra Homenatge a Picasso. Vallauris, 1972 é un exercicio de responsabilidade social por parte da Fundació Vila Casas, e unha magnífica oportunidade para constatar -unha vez máis- que a arte é necesaria para vivir. Por iso, a arte molesta.

EXPOSICIÓN: Homenatge a Picasso. Vallauris, 1972. Fundacio Vila Casas ata o 2 de outubro de 2022

 

Artigo publicado orixinalmente no blog Praza Catalunya

A. Tàpies. s-t. 1971 Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.