20 anos

Agora que se cumpren vinte anos, agora que chega por fin o recoñecemento en forma de alado Premio Ondas para unha humilde radio interescolar quero lembrar a pequena parte do camiño que fixen ao seu carón e apoiar de novo a iniciativa que daquela se fanou.

Os integrantes de Ponte nas ondas, eses heroes civís, multiplicaban as horas dos seus atafegados días para poñérmonos no mundo

En 2004 eu traballaba  na fronteira, alí onde a radio confunde constantemente as estremas políticas. Alí, nesa liña imaxinaria, no instituto Pedras Rubias, estaba eu nese ano e puiden asistir de ben preto ás angueiras dun feixe de Mestres con maiúsculas. Os integrantes de Ponte nas ondas, eses heroes civís, multiplicaban as horas dos seus atafegados días para poñérmonos no mundo. Traballaban a prol de que a tradición oral galego-portuguesa fose recoñecida como patrimonio inmaterial por parte da Unesco e esa candidatura, pensabamos, tiña de gañar porque todo o tiña: sociedade civil, Escola, eurorrexión, a historia milenaria que pervive nas marxes do gran río, unha das fronteiras máis pacíficas de Europa. Non podiamos perder e mais perdemos.

Aqueles políticos que tanto enchían a boca falando de Eixo Atlántico, de espazo interrexional, da reconfiguración do espazo europeo non acreditaron abondo na iniciativa dos mestres

Que fallou? Falaron da excesiva ambición da proposta, pero eu teño para min que algo tivo que ver tamén a cativa implicación institucional dos países. Aqueles políticos que tanto enchían a boca falando de Eixo Atlántico, de espazo interrexional, da reconfiguración do espazo europeo non acreditaron abondo na iniciativa dos mestres. Mágoa ante a cegueira. Porque o que eu vivín, implicada a pé de aula cos rapaces, foi un milagre que ás veces sucede. A mellor escola, aquela que axuda a saber quen es e de onde vés. Eu sentín a emoción dos nenos, dos adolescentes que alentados a pescudar nas súas orixes descobren o valioso da súa tradición, as precisas contornas da súa cultura. As avoas e avós como confidentes dun mundo fabuloso e singular. Ninguén fica inmune á experiencia de Ponte nas ondas. A súa ollada cambia, alárgase,  capaz de apreciar o un no diverso. Pular polo recoñecemento da tradición oral galego portuguesa significa aprender a querérmonos, un exercicio esencial de autoestima para este pobo esmagado.

Cincocentos “meniños cantores” de mans dadas unían as dúas beiras e compartían, xa non bacallau ou café, senón cancións, palabra común, música, o sentimento de estaren feitos dos mesmos soños e de habitar no mesmo espazo

A vella ponte de Tui, da que na miña nenez contaba todas e cada unha das súas trabes nas colas interminables ante a alfándega, foi o escenario dun dos actos máis emblemáticos daquela campaña ante a Unesco. Cincocentos “meniños cantores” de mans dadas unían as dúas beiras e compartían, xa non bacallau ou café, senón cancións, palabra común, música, o sentimento de estaren feitos dos mesmos soños e de habitar no mesmo espazo. Unha forza revolucionaria. A forza do recoñecemento. Ás veces a sociedade civil dá leccións así, ás veces a escola convértese nun lugar desde onde pode albiscarse o mellor futuro. Por iso, agora, cómpre apoiar de novo a candidatura, con todo o noso orgullo, con toda a  nosa convicción, a potencia orgullosa da identidade común, a liña máis clara da esperanza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.