Escribo estas liñas agora que está rematando o 2012 coa seguridade de ter sobrevivido á fin do mundo prognosticada polos maias, que en realidade era simplemente un cambio de era. Pero profecías á marxe, a sensación que me queda deste ano que xa remata é de medo, de temor ó presente e ó futuro. Quizais a principal culpa destes medos é da crise económica, que todo o contamina e da que ninguén é quen de fuxir. Os medios de comunicación tiveron grande responsabilidade en lembrarnos permanentemente o mal que está todo, ateigando as nosas vidas de datos económicos negativos: O paro medrou, a afiliación á Seguridade Social baixou, a confianza na clase política tocou o chan, o consumo privado e o investimento público continuaron caendo, etc.
A sensación que me queda deste ano que xa remata é de medo, de temor ó presente e ó futuro. Quizais a principal culpa destes medos é da crise económica, que todo o contamina e da que ninguén é quen de fuxir
Este foi o ano no que coñecemos a un novo membro da familia, a prima de risco, que nunca coma agora determinara tanto as nosas vidas, ata o punto de que na altura do verán a súa evolución foi seguida por máis xente cá vida de moitas celebridades. Tamén se fixeron famosos os concursos, pero non o de Gran Hermano ou Cifras e Letras, senón os de acreedores, pois moitas empresas atopáronse imposibilitadas de pagaren as súas débedas a curto prazo; en moitos casos ós bancos. Algún deles tamén pasou o 2012 con moitas dificultades, coma Novagalicia Banco, que deixou de ser noso para ser do Estado, e todo apunta a que no 2013 deixará de existir como tal, sendo un Botín moi apetecible para os grandes bancos españois.
Tamén lembrarei este 2012 por unhas siglas que se repiten cada vez con máis frecuencia: os ERE; que son unha figura na que os poderes públicos recoñecen implicitamente que os recursos humanos son un atranco para as empresas con problemas e que é mellor botalos
Tamén lembrarei este 2012 por unhas siglas que se repiten cada vez con máis frecuencia: os ERE; que son unha figura na que os poderes públicos recoñecen implicitamente que os recursos humanos son un atranco para as empresas con problemas e que é mellor botalos. Xente que nalgún caso tivo que durmir literalmente na rúa ou nos caixeiros. Os bancos ós que o Estado e maila UE estiveron axudando enormemente puxeron neste 2012 a moitas persoas fóra das súas casas, contribuíndo a incrementar o noso vocabulario xurídico en galego a través de palabras coma desafiuzamento, que ás veces compartiron espazo nos telexornais coa palabra suicidio.
E mentres todo isto ocorría os políticos seguiron vivindo alleos ós cidadáns, constituíndose xa nunha nova preocupación para a sociedade, máis aínda tralos novos casos de corrupción do caso Pokémon ou das operacións Campión ou Carioca. A este paso van ter que contratar a un lingüista para denominar a tanta operación anticorrupción.
E mentres todo isto ocorría os políticos seguiron vivindo alleos ós cidadáns, constituíndose xa nunha nova preocupación para a sociedade
Curiosamente, a pesar do cansazo encol da política expresado pola xente nas sondaxes, os resultados das eleccións habidas en España no 2012 deixaron no poder a quen xa o tiña (casos de Galicia, Cataluña ou Andalucía) ou a quen o tivo case sempre (Euskadi). Foi a primeira vez que se convocaron no mesmo ano eleccións nas comunidades con ciclo electoral propio. E aínda que a dereita resultou gañadora nas 3 comunidades que conforman a Galeusca, o ronsel que deixaron foi antagónico: namentres en Cataluña se abriu o camiño cara a autodeterminación, cousa que se albisca en Euskadi ó ter como forzas hexemónicas a PNV e Bildu, en Galicia camiñamos cara a autoindeterminación, pois aquí venceron os que non acreditan nas nosas propias capacidades e por iso miran constantemente a Madrid. Refírome a vitoria de Núñez Feijoo, que aumentou en 3 deputados a súa representación malia perder máis de 100.000 votos. Pero viuse beneficiado pola lei d´Hont e pola febleza da oposición parlamentaria, onde PSdeG e BNG se presentaron carentes de liderados fortes e de partidos cohesionados, sobre todo no último caso tralas escisións habidas ó longo do ano e que deron como resultado a saída de varios grupos do BNG (Máis Galiza, Irmandiños, etc). Precisamente a alianza entre os Irmandiños e Esquerda Unida (Alternativa Galega de Esquerdas), capitaneados por Beiras, foron os gañadores morais das eleccións galegas do 21 de outubro ó apañar 9 deputados tras un só mes de existencia.
Aínda que a dereita resultou gañadora nas 3 comunidades que conforman a Galeusca, o ronsel que deixaron foi antagónico
A volta de Beiras ó Parlamento contrasta coa marcha para sempre do seu antigo rival, Fraga, que finou no 2012 ante a incredulidade dalgúns que pensabamos que era inmortal. A ver agora con quen vai ir xantar Beiras...
E no eido deportivo tivemos as boas novas dos ascensos do Dépor e Celta á 1ª división, do Lugo á 2ª e, non menos importante, do Ourense á 2ªB, todo nun ano no que o Real Madrid lle gañou a Liga española ó Barça e a selección española de fútbol conseguiu un novo título europeo, con xogo moi bonito pero sen galegos no campo. A ver se no 2013 o noso presidente ten a ben permitir que a selección galega poida desputar partidos de novo, xa que a española quédanos un pouco lonxe.
Agardemos que no 2013 se invirta a tendencia e que non se cumpra unha das leis de Murphy, que di que “todo o que é susceptible de empeorar efectivamente empeorará”
En fin, que o 2012 foi un ano moi negativo en moitos ámbitos, pero como todo nesta vida ten un final agardemos que no 2013 se invirta a tendencia e que non se cumpra unha das leis de Murphy, que di que “todo o que é susceptible de empeorar efectivamente empeorará”. Como diría o anuncio de Gadis, maloserá. De todos nós depende.