A electricidade, ao estar producida na maior parte con carbón, gas e gas oíl, tamén verá incrementados os custos de produción e ao final repercutirá nunha subida do seu prezo ao consumidor final
Os combustibles líquidos poden alcanzar o prezo de 2 euros/litro neste ano que empezou. Os meses finais de 2017 supuxeron unha suba importante do prezo barril de petróleo; pasando dos 26,50 dólares barril brent de Xaneiro de 2016 aos case 66,98 do 31 de decembro de 2017. Os poucos días transcorridos do mes de xaneiro manteñen esta tendencia á alza o que pode significar que nos vindeiros meses o barril brent de referencia mundial supere os 100 dólares ou incluso supere o seu récord histórico (146,9 $ en Xullo de 2008). Isto arrastrará cara arriba o prezo de todos os combustibles e toda a enerxía que consumimos, incluída a electricidade, xa que un incremento do prezo do petróleo fai que se consoman máis outras fontes enerxéticas, o que ao final se traduce nun incremento de prezo xeneralizado. A electricidade, ao estar producida na maior parte con carbón, gas e gas oíl, tamén verá incrementados os custos de produción e ao final repercutirá nunha subida do seu prezo ao consumidor final.
Un prezo a alza dos combustibles vai provocar unha suba dos prezos industriais e polo tanto dos bens de consumo e de servizo; convertendo moitas empresas en inviables economicamente. A alza do prezo do petróleo vai ser analizado desde os medios de comunicación como un reponte da crise ou unha nova recesión económica, mais a verdade é que será un paso mais no proceso de colapso no que esta inmerso o modo de vida occidental. O incremento dos custes enerxéticos suporá unha importante suba do prezo dos alimentos debido a forte relación entre produción de alimentos e gastos enerxéticos - insumos derivados do petróleo (abonos, fito-sanitarios, maquinaria, transporte, ...)-.
O incremento dos custes enerxéticos suporá unha importante suba do prezo dos alimentos debido a forte relación entre produción de alimentos e gastos enerxéticos
A economía do Estado Español vai sufrir de xeito moi importante esta tendencia a alza xa que a mesma ten unha forte dependencia enerxética. Chega con dicir que a importación de petróleo supera os 430.000.000 de barrís/ ano. Coñecendo esta cifra é fácil calcular os cartos que desapareceran do consumo interno -verdadeiro artífice do espellismo da recuperación económica- para marchar fora en forma de importación de combustibles. A perda de 4.300.000.000 de euros anuais por cada 10 euros de incremento no prezo do barril é unha cantidade tan grande que vai obrigar a falar novamente de recortes e vai provocar o que moitos denominarán nova recesión ou recaída para evitar falar claramente do colapso no que estamos inmersos.
O peor da situación actual do petróleo non é a suba do seu prezo senón as razóns que levaron a que isto aconteza e que a converten en insalvable. As razóns non son outras mais que o peak oíl e o descenso da Taxa de Retorno Enerxética que provocou unha forte desinversión no sector. Comprender o fenómeno de desinversión é fácil, pois consistiu simplemente en non inverter o suficiente para poder substituír os pozos que estaban en declive produtivo por outros novos. A Taxa de Retorno Enerxético (o verdadeiro problema co que se enfronta a humanidade) é a relación da enerxía que é necesario consumir para obter enerxía. No caso do petróleo ven ser a cantidade de barrís de petróleo que se obteñen co consumo dun barril no proceso de investigación, instalación, explotación, produción, distribución, ... para que os seus derivados cheguen ao consumidor final. A TRE do petróleo é moi desigual dependendo de moitos factores, mais o preocupante da TRE do petróleo é que esta pasou a nivel mundial de 100 nos seus inicios (gastar 1 barril para obter 100) aos 18 actuais (gastar 1 barril para obter 18). Esta descenso da TRE acelerase ano a ano e pronto quedará por debaixo do límite (TRE entre 5-10) que permite manter o modelo social e económico que temos actualmente. Un modelo que xa sabemos e profundamente dependente do petróleo incluso para poder levar adiante a explotación doutras fontes enerxéticas.
Segundo a Axencia Internacional da Enerxía, o peak oíl do petróleo convencional deuse no 2005 e o do conxunto dos combustibles petrolíferos posiblemente se teña dado no 2015
O peak oíl é o momento que no que a extracción de petróleos chega ao seu cume e comeza a descender. Nada mais suceder isto empezan os problemas derivados da falta de rendibilidade. Segundo a Axencia Internacional da Enerxía o peak oíl do petróleo convencional deuse no 2005 e o do conxunto dos combustibles petrolíferos posiblemente se teña dado no 2015. A sociedade occidental debería ter tomado medidas urxentes de substitución da fonte enerxética principal e sobre todo deberá ter iniciado o camiño da redución de consumos enerxéticos para camiñar cara unha sociedade post- fosilística. O non ter iniciado este camiño vai xerar inestabilidade e convulsións violentas no económico, social e político por todo o mundo.
O 2018 por desgraza non vai ser só un ano de altos prezos da enerxía; tamén vai ser o primeiro ano sen fondo de reserva para completar as pagas de xubilación
O 2018 por desgraza non vai ser só un ano de altos prezos da enerxía; tamén vai ser o primeiro ano sen fondo de reserva para completar as pagas de xubilación. Sen dúbida a inestabilidade económica vai traer apareado maior inestabilidade política e non debemos descartar importantes mobilización sociais que poden ter a súa orixe no seo da sociedade do Estado ou poden propagarse desde o Rif a Andalucía e Murcia. Porque queiramos ou non a humanidade atopase nunha gran encrucillada difícil de resolver por ter apostado case exclusivamente a un único modo (capitalismo crecentista) de entender a relación con nós mesmo e co planeta no que vivimos. O cambio de paradigma, de modelo social no que nos atopamos inmersos a nivel mundial parira un novo mundo. A día de hoxe non podemos dicir como vai ser ese novo mundo, só podemos estar certos de que o cambio está en marcha.