2021: volta á brutalidade?

Inauguración da obra de Victor Ochoa sobre a “loita contra o coronavirus” ©

Certamente o 2020 foi un ano canto menos diferente, que veu para romper con esa dinámica de normalidade absoluta que parecía reinar en solo europeo, quizais só perturbada no caso español polos sucesos en Cataluña ou pola parafernalia prestidixitadora que se erixe cada vez que o país se enfronta a unha cita electoral. No marco da pandemia global que aínda sufrimos (por moito de que a economía xa se estea engrasando de novo ou se realicen homenaxes ós mortos e ós sanitarios...) levamos bastante tempo escoitando expresións como “nova normalidade” ou “antiga normalidade”. Pero a cuestión é: a pandemia da Covid- 19 veu a implantar unha nova época creadora dunha nova realidade ou só amosou con máis crúa claridade a realidade, e deste xeito a brutalidade da que vai acompañada?. Falarei de brutalidade xa que mentres exista explotación dunha persoa sobre outra e isto se pretenda amosar de maneira hipócrita como “normalidade”, non se me ocorre expresión mellor para definir esta situación. Ademais, vivo nun país no que o nivel de hipocrisía no tratamento do tema as veces roza o surrealista, entendendo que existen outros países no que se chega a disimular con maior fortuna.

Certamente o 2020 foi un ano canto menos diferente, que veu para romper con esa dinámica de normalidade absoluta que parecía reinar en solo europeo, quizais só perturbada no caso español polos sucesos en Cataluña ou pola parafernalia prestidixitadora que se erixe cada vez que o país se enfronta a unha cita electoral

A pesar da baixa mortalidade do virus da Covid- 19 (arredor dun 3% polo que teño entendido), a súa novidade e descoñecemento no seu tratamento efectivo xerou unha situación de alerta social e prevención sanitaria que fixo actuar a todos os Estados do mundo de diferentes xeitos para tratar de combater os seus efectos. Todos os Estados do mundo é case un xeito de falar, xa que en certos casos como o estadounidense a realidade do país só se modificou en que se fai todo igual ca antes pero ca mascarilla posta (si tomas a decisión individual de poñela...), ou no caso español onde de xeito macabro se tratou en todo momento de equilibrar a gravidade da crise sanitaria cos escuros intereses de sectores económicos non esenciais (destacando o caso do turismo), derivando nos lamentables datos de falecidos que todos coñecemos... Non é solo iso, xa que no caso español vemos como se creou un debate político en torno á cuestión da xestión do coronavirus, con innumerables polémicas, onde creo que se amosou cunha claridade cristalina que si dous adversarios políticos teñen que polemizar cunha cuestión vital como esta, o único que demostra é que se debe manter a compostura de “enfrontamento” constante para que non se vexa que no fondo ambos son a mesa cousa. Isto amosa ás clara o tipo de sistema político que rexe o país, vinculado profundamente non só a sucesos posteriores á morte do Caimán, se non dende a imposición militar deste e a imposición do seu proxecto político. E é neste sentido onde xurde a primeira cuestión. Nun contexto no que está morrendo xente, non existe maior acto de hipocrisía que queixarte de que nos “encerren” na casa? Estas nun lugar axeitado para a vida e ca barriga chea, así que deberías ter un mínimo de empatía con aquelas persoas que non viven en condicións habitacionais dignas ou que ó mellor nin sequera teñen casa. Aínda así a crítica ten certo sentido, xa que o que se debeu facer é pechar as fronteiras xa nos momentos iniciais da pandemia. Entendería os reproches do “encerro” si fose a segunda ou terceira pandemia que vivísemos, pero nin eu nin os meus pais, por exemplo, vivíramos unha experiencia semellante nas nosas vidas (cando ó longo da historia as epidemias e pandemias son algo do máis común, indo dende a peste negra á gripe española, por só citar algunhas das moitas...). 

Acaso as actitudes antisociais e o modelo de xestión estatal que trata de primar a economía (entendida de xeito capitalista, como o mecanismo de obtención da máxima plusvalía posible) fronte á saúde da poboación, non nos amosan unha especie de imposición da lei da selva, de “só os máis fortes sobreviven”?. Isto ven a amosar ben ás claras a natureza dos valores derivados da Ilustración deixando ver as súas sombras, sempre ocultadas polos propagandistas do liberalismo e a democracia. Na historiografía é algo moi frecuente a discusión sobre en que momento os movementos burgueses xurdidos no século XIX (dos que os nosos modelos estatais son herdeiros) pasaron de revolucionarios a contrarrevolucionarios, cando no fondo esa esencia contrarrevolucionaria sería propia dos mesmos dende o principio. Isto non quere dicir que por exemplo respecto ó anterior modelo escravista ou feudal isto supuxo un progreso, pero ese progreso baseouse na explotación. Ante isto apreciase con maior claridade a necesidade de evolución histórica, de ruptura con este modelo que conforme avanza o tempo se vai aferrando con maior forza á súa posición de dominio, co seu conseguinte saldo de morte e brutalidade, por moito de que a postmodernidade queira pintalo de colores, reformalo ou vender a imaxe de que as identidades foron abolidas xunto ca historia. Esta necesidade de avance histórico é mostrada con claridade polo marxismo, xa que defende que a natureza debe ser convertida no máis xusta posible por medio da acción humana, pondo ó servicio desta causa o traballo e a técnica (non debendo ser empregada soamente para aumentar os niveis de beneficios como no actual sistema). 

Pasando a unha realidade máis concreta, centrarémonos no reino de España (sei que me repito, pero cada vez que escribo reino sinto que me transporto no tempo e non só no espazo, chocándome a supervivencia de reinos en pleno século XXI...). O que máis me chamou a atención dende o inicio foi que por moito que se fale da “era das comunicacións, da información, da técnica suprema mellorada pola informática..” en ningún momento se nos chegou a explicar con claridade cal é o funcionamento do virus, ademais de que non se lle prestou a suficiente atención ó fenómeno do contaxio, máis alá de certos casos moi radicais ou dos efectos secundarios que pode ter superar a enfermidade. Paralelo a isto xurdiron estatísticas nas que se amosaba que dentro das cidades eran os barrios obreiros os que sufrían máis contaxios, xa que a unhas condición de vivenda que non facilitan a convivencia prolongada súmaselle ó feito ineludible de ter que traballar para vivir... Todo isto viría a contradicir empiricamente esa máxima tan gastada de que ó virus afecta a todos, tanto da que sexas rico como pobre. Xa falei dos homenaxes, quizais o espectáculo máis dantesco e macabro da pandemia, xa que as mesmas elites que nos conduciron a esta situación se querían representar como as artífices da “vitoria”, en lugar de cuestionarnos o sistema e as consecuencias que este ten para a vida, ou cando menos facer a promesa de mellorar o sistema sanitario... Isto contrasta fortemente cas imaxes iniciais da pandemia onde o material sanitario brillaba pola súa ausencia. De novo observamos o estúpido de querer derivar cara unha sociedade da “performance”, das militancias simbólicas, das imaxes en redes sociais ou xestos en partidos de fútbol... a realidade é algo radical, algo que se debe afrontar con accións decididas e reais, e a evasión das mesmas só demostra que se quere proxectar unha imaxe de cambio para que nada cambie. Non falemos xa do tema dos bares (para deixalo claro ante previsibles reclamacións, obviamente ó peche obrigatorio dos mesmos deberían ir acompañadas as pertinentes axudas económicas). Nunha pandemia (teña esta a mortalidade que teña) o último que podes facer é pretender restablecer a idea de normalidade anterior á mesma, xa que isto compromete bastante a disciplina social necesaria nun contexto deste calibre... Case igual de macabro foi ver a reanudación de eventos deportivos e semellantes actividades que de ningunha maneira se poden considerar como esenciais. Aínda que cheguei a ser un gran seguidor do fútbol, o feito de tratar a situación de Messi como unha cuestión de Estado é algo que me chega a mancar como persoa (xa o faría nun contexto de “normalidade”, pero si a isto lle sumamos a xestión estatal do coronavirus...). 

En todo este tempo asistimos a numerosas noticias sobre congregacións de xóvenes obstinados en seguir celebrando botellóns e similares ritos esotéricos a pesar de todas as restricións e do aumento vertixinoso dos contaxios. Neste caso vanme permitir que eu exerza de avogado defensor desa xuventude (esa xuventude entre a cal me inclúo, a pesar dos meus hábitos de vida máis propios dun octoxenario e de que a alopecia me estea gañando o combate de xeito abrumador...). Pero non defenderei as actitudes antisociais, o nihilismo e a autodestrucción... Creo que as drogas son o cáncer da nosa xeración, especialmente da xuventude obreira, xa que si papi ten pasta sempre é máis fácil paliar os teus desfalcos... Antes de nada, gustaríame sinalar o feito macabro no que se converteu a “festa” na nosa era histórica. Incluso se perdeu a súa etimoloxía, xa que festa é unha celebración, unha expresión de xúbilo por un feito digno de efeméride. Pero si carecemos dun feito ou motivo de celebración, que sentido ten a “festa”?. Acábase convertendo nunha imposición, nun acto ritual herdado das nosas xeracións pasadas e reproducido sen máis, no que se amontoan multitude de rapaces e rapazas expectantes de que suceda algo especial, e sempre ocorre o mesmo... De todos os xeitos non creo que esa xuventude que adoita saír nos medios nos represente. Non vou a negar que se trata dunha masa importante da xente que está próxima á miña idade, pero dubido que sexa hexemónica. Creo que existe unha cantidade importante da xuventude que traballa arreo para axudar ás súas familias, que estudia arduamente para resolver os problemas que nos foron legados e ós que debemos responder con responsabilidade, así mesmo seguro que unha cantidade inxente estudia e ó mesmo tempo ten que traballar para poder pagarse estes estudos. Isto non é só un condicionante pola falta de tempo que supón, se non que isto impón que deban escoller carreiras que lle deberán retribuír a “inversión” a corto prazo, desprazándoos cara carreiras de corte técnico, e eu como militante no mundo das humanidades observo con tristura este panorama, xa que esa xuventude traballadora é moi necesaria por estes lares, onde a batalla contra a erudición idealista e ó pensamento tecnocrático fai necesaria a maior cantidade de combatentes posible. Como alegato final nesta defensa gustaría introducir unha cuestión. Quen son os culpables de que parte da xuventude só pense na “festa”, coa avalancha de autodestrucción e falta de esperanzas no futuro que isto supón?. Dende a miña ignorancia atreveríame a afirmar que parte da xeración que nos precedeu non tivo unha concepción da sociedade moi diferente á que se nos acusa de ter, inflamada polo egoísmo e o clasismo, reproducíronse ó igual que agora os seus fillos reproducen as súas conductas sociais, por automatismo e sen racionalidade. Na outra cara da moeda temos ás familias traballadoras, nas que mentres se lles impón o mensaxe de que “España va bien” observan como a explotación se converte nalgo xenético do que moi dificilmente se consegue saír, polo que a droga é unha das poucas saídas que se lle deixan abertas, xerando o drama que anteriormente xa comentei. 

O coronavirus non veu impor ningunha nova realidade, senón a amosar con máis claridade a brutalidade imperante

Con todo o dito creo que contribuín a amosar que o coronavirus non veu a impor ningunha nova realidade, senón a amosar con máis claridade a brutalidade imperante. Pero non todo neste relato van ser afirmacións, si miramos cara o futuro emerxen poderosamente dúas interrogantes: haberá reaccións ante este imprevisíbel choque coa realidade? Canta máis hipocrisía social seremos capaces de aturar?. Debemos romper coa volta ó oscurantismo, cun modelo que expón vinte mil alternativas pero no fondo ningunha renega do capitalismo. Debemos recuperar un materialismo revolucionario, xa que a imposición do idealismo só xera brutalidade. Xa a comezos de ano era necesario este cambio, para canto nin máis en situacións excepcionais como unha pandemia, na que se precisan solucións científicas, non sentimentais ou de militancia simbólica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.