25 anos do seu pasamento. Moncho vive!

Viviremos sempre se nos recordan, por iso Moncho vive, porque será lembrado sempre por aqueles que o coñeceron ou souberon del, da súa bondade humana, da súa firmeza de convicións tanto relixiosas como sociais e políticas, do seu carisma, da súa humildade raiana no sorprendente pois nunca coñecimos a unha persoa tan autocrítica como el, do seu orgullo identitario “só podo, Señor, darche as grazas por ser galego” dicía na súa intimidade. Moncho Valcarce foi un crego, un personaxe inesquecible, diferente, especial, que polos seus actos forma parte da épica  histórica deste  País con todos os honores.

Moncho Valcarce naceu en 1935 na Coruña no seo dunha familia acomodada que vivía no emblemático edificio do nº 22 da rúa da Franxa hoxe propiedade do Concello Municipal. Nesa casa pasou a súa infancia e adolescencia, estudando Dereito na súa xuventude na Facultade de Compostela, para logo decidir ingresar no Seminario.menor desa cidade en 1962. Durante dous anos abandonou o seminario para estudar teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma. Alí atopouse cuns compañeiros que levaban a Terra nos miolos e agrupáranse nun colectivo que chamaron os Irmandiños. Moncho integrouse con eles e comezou a ler os clásicos galeguistas, Curros, Cabanillas, Castelao… Por fin volveu a Santiago para rematar os seus estudos no Seminario e  despois dunha serie de vicisitudes, propias da súa rebeldía a todo o que lle parecía inxusto, ordéase sacerdote no ano 1970 e ao ano seguinte destinano como párroco ás aldeas de Sésamo e Sueiro do Concello de Culleredo.

Daquela Galiza mantiña unha sociedade agraria totalmente tradicional, tal como nola recrea magnificamente cada ano Son de Aldea na parroquia de Santiago de Albá de Palas de Rei, e Moncho de procedencia urbana, atópase cun mundo diferente onde a pobreza  preséntase con toda súa crueza. Moncho descubre naquela xente o auténtico interior de Galiza, o seu penoso traballo, as súas ancestrais costumes, a súa peculiar idiosincrasia, a súa riqueza lingüística…, e intégrase plenamente na súa paisaxe, na súa cultura, na súa fala. Pero máis alá de observar aquel ámbito de miseria dende unha óptica compasiva á que hai que redimir dende unha actividade benefactora, Moncho considerouno dende a perspectiva dunha inxustiza inadmisible á que había que dar resposta dende o activismo do cambio social, e aquelas parroquias foron un revulsivo que determinaron o compromiso de Moncho de entregar  a súa vida a loitar polos máis débiles e oprimidos da nosa Terra, chegando ao extremo de militar políticamente, no seu caso no nacionalismo popular, seguindo  aquela estela que crearon outros cregos latinoamericanos do movemento da teoloxía da liberación.

Moncho Valcarce a partires de entón dedicou a súa existencia a poñela en xogo polas causas xustas e no tardofranquismo primeiro e logo no posfranquismo, ata a súa morte en 1993 “o cura das Encrobas” non fallou nunca a quen lle reclamaba participación nas súas rebelións contra os abusos do poder e dos poderosos, por elo sufriu un continuo e duro acoso represivo, pero a súa opción pola defensa dos máis perseguidos, dos máis vulnerables non lle deixaba lugar a dúbidas, e ao seu carón estivo ata o final da súa vida.

Este ano do 2018 celébrase o 25 aniversario do seu pasamento, unha boa data para lembralo dun xeito especial como faremos o xoves 1 de febreiro ás 11 da mañá na inauguración dunha placa na súa casa natal na rúa da Franxa de A Coruña ou o 19 de febreiro cunha mostra-exposición no Forum Metropolitano da mesma cidade. Pero invitamos a que xurdan todo tipo de iniciativas de xeito que quen queira honralo gostaríanos que procurase a súa propia forma de facelo pois Moncho é de toda a xente que o considere un amigo, un irmán humanamente humilde, cotidianamente exemplar.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.