O 25 de Xullo do ano 2015 foi unha data especial. Tivo lugar unha celebración do Día da Patria diferente do que tiña acontecido nas últimas décadas. Unha comisión plural conformada por persoas relevantes da cultura e da sociedade galegas realizou unha convocatoria unitaria que -agás o PSdeG-foi secundada pola totalidade das forzas nacionalistas e de esquerdas. Semellante feito extraordinario foi posíbel pola conxuntura específica que se vivía naqueles meses -comezo dun novo ciclo electoral coa aparición de novos actores no escenario- e, tamén, pola decisión xenerosa adoptada polo BNG renunciando á tradicional demostración da súa hexemonía mobilizadora nesa data.
Ao remate do acto unitario na Quintana, Xurxo Souto emprazou a todas as persoas presentes a repetir a experiencia no ano 2016. Lamentabelmente, tal chamamento ficou no terreo dos desexos que non se ven cumpridos co paso do tempo. Agora, vintecatro meses despois, o 25 de Xullo segue instalado na “normalidade” anterior ao 2015: non existe unha convocatoria unitaria entre aquelas organizacións que non aceitan o actual status de Galiza no sistema político estatal.
Mentres estas dinámicas segan presentes no universo político galego mais crítico co poder, o PP de Alberto Núñez Feijoo non terá motivos adicionais de preocupación. Non detectarán sinais de perigo nese tranquilo balneario no que fican instalados dende hai tempo
No tempo transcorrido dende as eleccións ao Parlamento galego celebradas en setembro do ano pasado pode constatarse o elevado nivel de acordo rexistrado entre En Marea e BNG na formulación das súas propostas na Cámara do Hórreo. Ante a grande maioría dos problemas mais urxentes xurdidos no seo da sociedade galega (desemprego, pobreza, AP9, Ferroatlántica, Angrois...) a coincidencia é indiscutíbel. Obviamente existen posicionamentos diverxentes sobre a identidade constitutiva de cada formación. Mais iso tamén ocorría hai dous anos e daquela non foi un atranco definitivo na celebración dunha manifestación unitaria.
O mais preocupante é que, agora, nin sequera houbo iniciativas tendentes a sondear a posibilidade dunha convocatoria converxente. Deuse por inevitábel unha multiplicidade de actos que seguramente resultan incomprensíbeis para a maioría das persoas que apoiaron nas urnas a esas forzas políticas. Obviamente, non está en cuestión a lexitimidade ou o dereito de cada quen para tomar as decisións que considere pertinentes. O que está enriba da mesa é a oportunidade dunha acción común protagonizada polas opcións que non forman parte da lóxica bipartidista coñecida (PP-PSOE).
Mentres estas dinámicas segan presentes no universo político galego mais crítico co poder, o PP de Alberto Núñez Feijoo non terá motivos adicionais de preocupación. Non detectarán sinais de perigo nese tranquilo balneario no que fican instalados dende hai tempo.