Con motivo dos XXV anos da Coordinadora Galega de ONGD, as entidades que pulan polo compromiso solidario do noso país, tivo lugar en Compostela hai varios meses unha sinxela celebración; un dos asistentes, o chantadino Anxo Moure, da extinta Bicis pola Paz, lembraba como en 1989 o presidente da Xunta de Galicia –daquela un mozo coruñés profesor de Economía - clamaba con sorpresa ante as peticións de axuda para o exterior que lle facían os membros das ONG: “pero…se iso é inconstitucional!!, está fora das nosas competencias!!...imposible!”.
Hoxe, 2016, todos admiten a obriga de Galicia de participar na loita contra a pobreza, e na acción humanitaria; outra cousa son as cifras: desde 1996, e xa van 20 anos, a Xunta de Galicia figurou sempre nos derradeiros lugares do compromiso autonómico, lonxe do mítico 0,7% que a sociedade apoia e as leis prescriben. Un ano calquera, por exemplo en 2005, Galicia destinaba 6,7 M €. Moito? pouco? Comparemos, pero non con Cataluña ou País Vasco, zonas ricas, senón por exemplo con Castela-A Mancha, comunidade con menos poboación e e nivel de vida que Galicia; pois nese ano, destinaba 30,6 M €, cinco veces máis!
As cifras son claras: o compromiso dun goberno reflíctese nos orzamentos; todo o demais… é literatura.
O próximo 25 de setembro, os galegos e as galegas elixiremos quen gobernará a Xunta de Galicia para os próximos catro anos; veremos daquela onde se investirán os recursos de que dispón a nosa institución autonómica; entre eles, para combater a pobreza no mundo, prestar axuda humanitaria e promover os dereitos humanos.
Dos catro partidos con máis apoios, BNG, En Marea, PP e PSOE… que fiabilidade merecen? Que coincidencias hai coas propostas da Coordinadora Galega de ONGD? Lembremos que esta, nun documento distribuído baixo o título de “O mundo que queremos”, demanda 8 propostas marco:
1) Recuperar a cooperación internacional como política pública: acadar en catro anos o 0,2% do orzamento da Xunta de Galicia. Sería, a data de hoxe, pasar de 4 M € a 21 M€.
2) Prover recursos de calidade e previsibles. Nada de “hoxe este pouquiño, a ver se para o ano que ven”…ao que tanto nos teñen acostumados.
3) Promover a equidade de xénero, evitando a discriminación da muller, que se acentúa nos países subdesenvolvidos.
4) Educar para a cidadanía global, pois sen cambiar a educación, non cambiarán as persoas.
5) Unha acción humanitaria á altura dos retos actuais: falamos, por exemplo, de refuxiados, de persoas que foxen das guerras e conflitos, e que morren afogadas no Mediterráneo; un apoio que debe ser algo máis que as dúas familias sirias, 11 persoas, acollidas por Galicia en 2016. Unha cifra vergoñenta, ridícula para a capacidade do noso país.
6) Apoiar a Axenda 2030 da ONU, isto é os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
7) Promover que a acción do sector privado sexa positiva.
8) Fomentar a participación real da sociedade civil.
O PSOE é sen dúbida o que máis ten interiorizado –e plasmado, pero noutros territorios- o compromiso humanitario; é o que gobernaba Castela-A Mancha, que citamos antes, e o que acadou en 2010 con Zapatero os 4.500 M € (0,45% do PIB español), a máxima cifra nunca acadada por España. Pero xa se verá, que a experiencia do seu co-goberno 2005-2009 en Galicia nesta materia non foi precisamente como para tirar foguetes. Esperemos…
O BNG, amosou historicamente tanto interese na cooperación internacional coma no cultivo de bananas nas illas Cíes; fora da dialéctica pro-Palestina, dos refuxiados saharauís, e outros conflitos nacionais, o investido na acción humanitaria polos concellos gobernados polo BNG (Pontevedra é o paradigma) amosa un patético baleiro. A nova líder do partido, Ana Pontón, ten manifestado apoio ao 0,2% solicitado pola Coordinadora. Veremos…
Do PP, sexamos claros: o cromosoma solidario non está no seu ADN ideolóxico; o único positivo é que mantivo en Galicia nos anos da crise (desde 2009) a cooperación internacional; a nivel mínimos, si, pero mantívoa; non coma noutras CCAA, onde a arrasaron sen piedade (como Cospedal en Castela-A Mancha ou Valcárcel en Murcia); por non falar da axuda do Estado español, reducida con Rajoy a niveis prehistóricos. Se a indiferenza de Rajoy é o exemplo a seguir, nada bo se pode esperar salvo plans e documentos ben redactados –sempre incumpridos- e tratar de mesturar emigrantes galegos e acción humanitaria no exterior ou disparates similares. Esquezamos…
De En Marea falamos dun enigma, pois non temos experiencias que valorar en Galicia; das tres patas deste complexo partido (Anova, EU e Podemos) é Esquerda Unida quen ten máis integrada a cultura da cooperación internacional. É certo que hai nesa marea persoas que proveñen do mundo solidario, pero xa se verá no programa electoral, aínda non dispoñible, cales son as súas propostas. Confiemos…
Xosé María Torres. Expresidente de Coordinadora galega de ONGD (2005-2011)