No pasado mes de decembro, o Parlamento galego cumpriu 35 anos de vida. A envergadura da cifra convida a facer algunhas reflexións sobre as luces e as sombras dunha institución que ten moita importancia no desenvolvemento de calquera sistema político democrático.
Toda cámara parlamentaria debe realizar, polo menos, tres funcións básicas: debater e aprobar leis que determinen os dereitos e as obrigas das persoas que conviven no tecido social existente; analizar as opinións e as reivindicacións que se susciten no seo da cidadanía e practicar un rigoroso control do goberno. Semellantes tarefas serán acometidas con maior ou menor eficacia dependendo, nunha boa medida, da composición e do funcionamento regulamentario da propia institución.
A capacidade lexislativa do Parlamento galego estivo condicionada polo marco competencial recollido na Constitución de 1978 e no actual Estatuto de Autonomía e, tamén, polo alcance das transferencias acontecidas nas décadas posteriores. Obviamente, non se pode esquecer unha circunstancia decisiva neste período histórico: nos 35 anos -e sen considerar o sucedido nas eleccións do pasado Setembro-, o PPdG administrou unha maioría absoluta de escanos durante 24 anos (16 con Fraga e 8 con Feijoo) e só houbo un goberno diferente durante 6 anos (1987-1989 e 2005-2009). A dinámica da institución padeceu as circunstancias desta hexemonía continuada: mantívose vixente un regulamento restritivo para as minorías e consolidouse unha dependencia excesiva do poder executivo.
A pesar destas limitacións significativas, pódese afirmar que a Cámara galega coñeceu e discutiu todos os problemas e demandas relevantes xurdidas no corpo social. A actividade desenvolvida polas distintas forzas da oposición permitiu conxurar o perigo dunha desconexión letal entre representantes e representados: todo o que se moveu na rúa foi trasladado ao interior da institución. Outra cousa foi a pouca receptividade demostrada, habitualmente, pola maioría parlamentaria e, xa que logo, a pouca capacidade exhibida para mellorar a credibilidade do propio Parlamento ante o corpo electoral.
Se ben é certo que a democracia lexitima o goberno da maioría expresada nas urnas, tamén resulta indiscutíbel que a calidade deste sistema está directamente vinculada co adecuado exercicio do control por parte das forzas políticas minoritarias. Este labor de oposición só pode acadar niveis óptimos se hai unha elevada transparencia na xestión dos recursos públicos e un clima mediático favorábel ao respecto da pluralidade e da liberdade de expresión (medios públicos non gobernamentalizados e grupos de comunicación privados non enfeudados ao poder político vixente). Neste ámbito, o balance da vida parlamentaria galega presentou serias deficiencias:a continuidade das maiorías absolutas erosionou notabelmente a posibilidade dun control efectivo do labor gobernamental. O complemento dun sistema mediático que, na meirande parte dos casos, non exerceu un contrapeso real ás dinámicas impostas dende San Caetano, dificultou gravemente o emprendemento de propostas rexeneradoras das eivas persistentes durante estas décadas.
A conversión do Parlamento galego no centro da vida política da nosa nación segue sendo unha materia pendente. Serán necesarios cambios legais e unha maior esixencia cidadá para que esta peza básica da arquitectura institucional do autogoberno galego sexa quen de conectar coas forzas mais creativas que habitan na nosa sociedade.