1. O pasado sábado 21 de abril, o BOE publicaba o Real Decreto-Lei 14/2012, de 20 de abril, de medidas urgentes de racionalización del gasto público en el ámbito educativo: unha cicloxénese explosiva sobre os servizos públicos educativos, coa que o goberno de Mariano Rajoy inicia a súa particular terapia do shock sobre o ensino público.
O inicial obxectivo do déficit estrutural, fixado polo goberno do Estado no 5,8% do PIB na presentación dos seus orzamentos xerais, baseábase na estabilidade orzamentaria demandada polo reformado artigo 135 da Constitución. Mais pouco estable debía ser a proposta cando, aos poucos días, e tras un “ataque” dos mercados financeiros –en realidade, unha valoración negativa da capacidade dunha economía en recesión para devolver os xuros da débeda pública–, pasou a fixarse no 5,3 % do PIB. Esta nova cifra de déficit fixada polo Eurogrupo obriga a rebarbar o proxecto de orzamento noutros 10.000 millóns de euros. Mais, como facelo?
Esta nova cifra de déficit fixada polo Eurogrupo obriga a rebarbar o proxecto de orzamento noutros 10.000 millóns de euros. Mais, como facelo?
2. A memoria de análise do impacto normativo que acompaña a tramitación parlamentar do Real Decreto-Lei contén información relevante sobre a anatomía da reforma plantexada sobre un dos servizos de solidariedade – social e interxeracional– máis característicos do Estado de benestar español: a educación. Obviaremos toda a neolingua despregada para fornecela de lexitimación (“racionalización del gasto público”, “mejora de la eficiencia en los usos de los recursos públicos”, “medidas de control del gasto”, etc.), e centrarémonos, en cambio, nas magnitudes da memoria de impacto económico y presupuestario que acompaña o Real Decreto-Lei.
3. Dado que, como a propia norma recoñece, se trata de reaxustar o gasto aos ingresos fiscais estimados para 2012, a memoria cuantifica o impacto total de aforro nos orzamentos públicos en 3.736 millóns de euros.
Deles, o aforro estimado nos tramos educativos non universitarios é de 1.649 millóns de euros, mentres que no tramo universitario a reforma pretende o aforro de 2.087 millóns de euros de gasto público.
En nota a rodapé aclara a Memoria algo, entendemos, fundamental: “Estos datos se corresponden con un año natural completo, no con el curso académico. Para este año el ahorro sería de un 25% del total”. Ou sexa, en 2012 o aforro estimado en gasto educativo sería de 934 millóns.
Está por ver como se repercute a redución prevista nas cantidades que os orzamentos xerais do Estado destinen ás universidades e centros educativos, e nese sentido hai ainda percorrido para a negociación e a presión política, social e sindical
Está por ver como se repercute a redución prevista nas cantidades que os orzamentos xerais do Estado destinen ás universidades e centros educativos, e nese sentido hai ainda percorrido para a negociación e a presión política, social e sindical. Sen dúbida, a cidadanía deberá estar moi atenta ao que pase na discusión parlamentar dos orzamentos.
4. A equipa técnica do Ministerio desglosou as medidas de redución do gasto público en educación –na neolingua politicamente correcta, as denominadas “medidas de control de gasto educativo”– do seguinte xeito (as cinco últimas corresponden ás medidas destinadas ás Universidades).
Aforro en soldos de profesorado polo aumento nun 20% da ratio de alumno por aula: 464 millóns €
Aumento das horas lectivas do persoal docente: 840 millóns €
Eliminación da obriga de prestar todas as modalidades de bacharelato en cada centro: 145 millóns €
Aplazar implantación dos módulos 2.000 ciclos FP: 200 millóns €
Modificación da cobertura de baixas: Non se cuantifica
Incremento prezos públicos para cubrir o custo real das titulacións universitarias: 1.542 millóns €
Supresión dos graos con menos de 50 alumnos: 71 millóns €
Prohibición de ingreso de novo profesorado universitario (taxa de reposición 0): 72 millóns €
Aumento da carga docente do profesorado universitario: 252 millóns €
Equilibrio orzamentario das Universidades: 150 millóns €
TOTAL: 3.736 millóns €
A maior parte das medidas xiran arredor da sobrecarga dos recursos docentes estruturais, que deberán afrontar máis horas de traballo e con grupos máis grandes.
5. Como pode observarse, a maior parte das medidas xiran arredor da sobrecarga dos recursos docentes estruturais, que deberán afrontar máis horas de traballo e con grupos máis grandes. En particular, estas medidas significarán para as universidades públicas o estrangulamento da innovación docente desenvolvida para cumprir cos requisitos de Boloña, e da súa capacidade innovadora.
O aforro producirase polo despedimento inducido de profesorado sobrante, non estrutural, que pasará a engrosar o paro e, dentro de pouco, o inaudito exército-laboral-sobrecualificado- de-reserva do Reino de España
Xusto o que non debería facerse: o aforro producirase polo despedimento inducido de profesorado sobrante, non estrutural, que pasará a engrosar o paro e, dentro de pouco, o inaudito exército-laboral-sobrecualificado- de-reserva do Reino de España. Fronte á alternativa de baixarlle linealmente o salario ao profesorado –algo xa realizado para todo o emprego público polo goberno de Rodríguez Zapatero en maio de 2010–, o goberno do Partido Popular opta polo despedimento de cualificados empregados públicos.
Soltar lastre humano: o contrario da preservación do emprego que, supostamente, xustificou importantes aspectos do reformazo laboral contido no Real Decreto-Lei 3/2012, e o contrario das recomendacións que por toda parte se realizan para mellorar a calidade e equidade do noso sistema educativo, especialmente nun contexto de crise económica, no que boa parte da poboación en idade de traballar non pode facelo e aproveita o parón para mellorar a súa cualificación profesional.
De entre os moitos documentos que se poderían citar, imos lembrar só un: o comunicado de 8 de xullo de 2009 da UNESCO, aprobado na Conferencia Mundial sobre a Educación Superior - 2009: A nova dinámica da educación superior e a investigación para o cambio social e o desenvolvemento, no que se afirma que “Os Estados membros, en colaboración con todas as partes interesadas, deberían elaborar políticas e estratexias no plano dos sistemas e dos establecementos co fin de mantener e, se posíbel, aumentar o investimento no sector da educación superior para apoiar en todo momento a calidade e a equidad e fomentar a diversificación, tanto na prestación de servizos de ensino superior como nos medios de financiala”. As citas de afirmacións similares en documentos de Estratexias oficiais poderían multiplicarse.
6. Mais, de entre as medidas adoptadas polo Real Decreto-Lei 14/2012, destaca unha que, lonxe de centrarse nos recursos humanos, trastoca o deseño mesmo da solidariedade social que, desde a Revolución Francesa, caracterizou os servizos públicos educativos: a determinación dos prezos públicos universitarios en termos de porcentaxe do custo real do ensino universitario.
Trátase dunha medida profundamente ideolóxica, que privatiza en 1.542 millóns o que o Estado abonaba con cargo ao sistema tributario ordinario, e agora deberán abonar as familias cuxos fillos e fillas pretendan acceder á Universidade. Para alén da súa contía, o importante é a súa filosofía política: a Universidade pública deixará de ser instrumento de mobilidade social ascendente ao servizo da cohesión social, e ficará reservada para quen a poda pagar, nun contexto económico no que as clases medias non poderán afrontar tal gasto. Aínda abraiados polas profundas consecuencias deste Real Decreto-Lei, o Consello de Ministros de 27 de abril de 2012 aprobou o Programa de estabilidad 2012-2015 y programa nacional de reformas 2012, no que se anuncia a subida do IVA para este ano, probablemente nun par de puntos (perdón: a ponderación á alza do imposto indirecto do consumo).
Con independencia da súa profunda inequidade social, nun contexto de forte axuste á baixa do gasto familiar, as medidas aprobadas lograrán que a actual xeración de estudantes, en todos os tramos, reciba unha educación pior en cantidade e calidade
Con independencia da súa profunda inequidade social, nun contexto de forte axuste á baixa do gasto familiar, as medidas aprobadas lograrán que a actual xeración de estudantes, en todos os tramos, reciba unha educación pior en cantidade e calidade. A suba dos prezos académicos corre o risco de converterse nunha medida ineficiente para financiar a Universidade, que provoque, iso sí, a expulsión da nosa poboación estudantil cara outras alternativas máis baratas. Por exemplo, comprar un billete para Londres, Berlín ou…Laponia.
Quod erat demostrandum