5 razóns polas que a Rajoy lle preocupan moi pouco as enquisas

"A liga é moi longa" e "o fútbol é así" son dous grandes principios universais achegados polo balompé. Ambos os dous teñen tamén o seu sitio na filosofía política de Mariano Rajoy. "A lexislatura é moi longa e a política é así", di o #códigomariano e eu estou moi de acordo; máis aínda cando quedan catro convocatorias electorais, andaluzas, autonómicas e municipais e catalás até chegar ás xerais. O presidente ten unhas cantas razóns para recibir os agoiros demoscópicos con esa calma que tanto desconcerta a tertulianos e medios hipervitaminados e supermineralizados.

Se o PP recupera cinco ou seis puntos máis, podería gobernar de novo

1. Segundo o CIS e a maioría das enquisas, o Partido Popular sería hoxe o máis votado. Gañaría con varios corpos de vantaxe logo de tres anos de recortes e sufrimento masivo. Se recupera cinco ou seis puntos máis, podería gobernar. Todas as enquisas indican como, a pouco que o PP comezou a despreguizar a súa maquinaria electoral, a súa curva de voto empezou a ascender. Por primeira vez en meses, a fidelidade do seu voto volve situarse por riba do 50%, aínda que lonxe aínda do seu habitual altísima fidelidade.

2. O dilema do votante popular mantense invariable: ou quedar na casa ou votar. E o PP acreditou nestes anos saber como resolvelo ao seu favor. Os cambios están a producirse no dilema tradicionalmente afrontado polo voto de esquerda. A esquerda xa non dubida entre voto útil ou non. Está a decidir quen vai primeiro e quen queda segundo. As posibilidades que poidan ofrecer os hipotéticos Gobernos de coalición tras as andaluzas e as municipais, para complicar a cuestión, parecen infinitas.

Rajoy non quere que o queiran, confórmase con que o voten

3. A valoración de Rajoy resulta, efectivamente, moi mala, pero sempre o foi. Nin é noticia nin supón novidade. Rajoy non quere que o queiran, confórmase con que o voten. Cando gañou por maioría absoluta en 2011, oito de cada dez españois confiaban pouco ou nada nel, como agora. A boa noticia para el é que a valoración de todos os demais non sae mellor. A principal consecuencia electoral da corrupción parece resumirse en que todos son igual de malos. Nese escenario, a dereita adoita preferir que gobernen os seus malos.

4. A mensaxe de optimismo económico está a callar e a axenda económica decidirá a maior parte dos votos. A xente vota mirando cara adiante, non cara atrás. Os españois que pensan que as cousas van ir mellor dentro dun ano, volven sumar máis que quen cren o contrario e creceron en máis de dez puntos nuns poucos meses.

5. Todas as enquisas apuntan a unha participación baixa ou moi baixa. As derrotas populares sempre se produciron en escenarios de elevada participación e mobilización. Agora mesmo, todo parece depender de que os votantes populares opten por algo que nunca fixeron: absterse.

Case todo parecen boas noticias para os populares. Pero, como diría o propio Rajoy, a liga é moi longa e o fútbol é así.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.